O BNG facilitará a investidura de Pedro Sánchez

O Bloque dá o 'si' ao PSOE. Nas reunións pediuse a transferencia de competencias e o recoñecemento de Galicia como nación, entre outras demandas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2020 | Actualizada ás 16:18

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, emprendeu viaxe a Madrid para pechar este venres, xunto co deputado desta forza, Néstor Rego, o acordo co PSOE que garantirá que Pedro Sánchez será investido presidente do Goberno. O Bloque asinou o pacto polo que dará o 'si' no Congreso.

A portavoz Nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e deputada no Parlamento de Galicia, Ana Pontón
A portavoz Nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e deputada no Parlamento de Galicia, Ana Pontón | Fonte: Europa Press

Fontes do Bloque aseguraron esta tarde que a negociación xa estaba "moi avanzada" para que o único deputado do Bloque no Congreso dea o seu voto favorable na investidura, de forma que os votos a favor sumarían 167, á espera de que Coalición Canaria dese definitivamente a súa postura.

Pontón recoñeceu que houbo "algunhas cuestións nas que houbo avances" na negociación co PSOE para que o deputado nacionalista no Congreso apoie a investidura de Sánchez como presidente do Goberno.

Tras participar en Santiago nunha reunión da Executiva nacionalista que se prolongou durante dúas horas, Pontón explicou que aínda non estaba decidido esta mañá o sentido do voto do deputado do BNG porque seguía aberta a negociación entre Néstor Rego co PSOE e quedaban "algúns flocos aínda por perfilar".

"Temos unha disposición ao diálogo e á colaboración, pero ten que haber tamén compromisos concretos con Galicia, cos nosos problemas, coas nosas necesidades", demandaba Ana Pontón antes de asinarse o acordo, en referencia á denominada "axenda galega", que inclúe demandas como a transferencia da AP-9 e medidas para paliar as continuas subas das peaxes ou solucións para a crise das industrias electrointensivas, entre outros puntos como a modernización do ferrocarril ou o saneamento das rías.

Para dar o seu voto afirmativo á investidura de Sánchez, os nacionalistas galegos esixiron que os compromisos que logren arrebatar ao PSOE queden "materializados nun documento" para asinar. "Cremos que é importante que se poida constituír goberno, pero ese goberno ten que ter un compromiso claro con aqueles problemas que levamos sufrindo no noso país e que necesitan solucións, porque os galegos xa estamos fartos de non pintar nada no Estado", proclamou Ana Pontón.

Para a dirixente nacionalista, "está claro" que o deputado que o BNG logrou recuperar nas eleccións do pasado mes de novembro "está a servir para pór os intereses de Galicia sobre a mesa, para que Galicia estea presente nesta negociación". "Iso de seu é unha boa noticia e nós imos traballar para que iso se materialice en compromisos concretos coa axenda galega", concluíu.

Nunha entrevista concedida a Europa Press este xoves, antes de facerse oficial o acordo, Ana Pontón xa avanzaba que aos nacionalistas galegos non lles gustaba o escenario de ter que votar en contra da investidura de Pedro Sánchez, pero advertía que o sentido do seu deputado no Congreso estaba condicionado a que houbese "realmente un compromiso por parte do PSOE".

"Nós non imos dar cheques en branco nin a regalar o noso apoio a ningún goberno que non se comprometa realmente con solucións para os problemas dos galegos", avisou. "Ou estamos a condicionar os nacionalistas a axenda ou o grave é que, nas cuestións estruturais do noso país, parece que PP e PSOE se comportan como dúas pingas de auga. Por tanto é a responsabilidade do PSOE conseguir ese apoio", agregou.

Ao seu xuízo, "hai demasiados paus nas rodas" que pon "desde Madrid cando toman decisións sen ter en conta o seu impacto" en Galicia. Por conseguinte, nas negociacións de Néstor Rego coa vicesecretaria xeral do PSOE e portavoz parlamentaria, Adriana Lastra, o Bloque puxo o acento "nun paquete de medidas que son importantes" e que denominan "a axenda galega".

Así, demandan "unha solución para a crise das industrias electrointensivas" que impida que pechen empresas como Alcoa, da que dependen "máis de 2.000 empregos" en Galicia. "Ten que haber un compromiso claro de que o estatuto das electrointensivas vai permitir un prezo competitivo que garanta o emprego e a actividade económica nun sector como é a produción de aluminio, que é importante no noso país polo que representa de PIB e en número de empregos", explicitó Ana Pontón.

"Acabar cunha estafa continuada aos cidadáns como son as continuas subas das peaxes da AP-9" e conseguir a transferencia desa infraestrutura pola que o Bloque leva "loitando moitos anos" é outro dos puntos que o Bloque negociou a cambio do seu apoio. Para Pontón, a rebaixa das taxas por circular por esa autoestrada "é unha cuestión de vontade política".

"Se o consello de ministros pode subir peaxes, tamén se pode reunir e decidir que non vai aplicar esas peaxes que dependen de reais decretos que asinaron gobernos de PP e PSOE ou que se vai a expor unha redución nas peaxes da AP-9", subliñou.

"GALICIA, NACIÓN SEN ESTADO"

Así mesmo, Pontón avisou que "Galicia non vai permitir quedar atrás nos recoñecementos que consigan Euskadi ou Cataluña". "Non só son nacións sen estado Euskadi e Cataluña. Galicia tamén ten que estar nese mapa. Iso significa o recoñecemento do noso carácter como nación. Tamén dar pasos concretos neste momento", subliñou tras lembrar que durante dez anos, o Goberno de Alberto Núñez Feijóo non conseguiu "nin unha soa transferencia".

Neste punto, a líder nacionalista explicitou que "Galicia ten unha necesidade imperiosa de conseguir competencias como a de tráfico" para poder "facer unha política de seguridade viaria propia, adaptada a unha realidade que nada teñen que ver con outras partes do Estado". Na súa opinión, esta transferencia significaría "unha mellor prestación dun servizo que é esencial" e desenvolver a Policía autonómica propia, "que ten recoñecida o actual Estatuto e que hai unha lei aprobada que leva paralizada hai máis de dez anos".

Para Pontón, non é un problema que Cataluña teña "unha relación bilateral" co Goberno central, posto que a súa formación política aspira "a que Galicia tamén teña unha relación bilateral co Estado en todos aqueles asuntos que teñen que ver coa defensa dos intereses galegos".

"O que pasa é que vivimos un momento dunha gran reacción no Estado español, onde cousas que son normais e habituais e que forman parte da lóxica política se pretenden criminalizar por parte dunha dereita que está rabiosa, entre outras cousas porque pensaba que iamos a terceiras eleccións e quizais era o que quería", argumenta.

ACORDO PSOE-PODEMOS "MOI FROUXO" EN DEREITOS SOCIAIS

En canto ao acordo subscrito entre Podemos e o PSOE, Ana Pontón cre que "queda moi frouxo" en cuestións como a recuperación da idade de xubilación aos 65 anos, "en que haxa un compromiso real e non só declarativo con avances nos dereitos sociais", en conciliación porque os permisos de maternidade "quedan moi curtos".

"Veremos cal é o desenvolvemento que teñen ao longo da lexislatura, pero creo que desde o punto de vista da recuperación de dereitos sociais nótase que o PSOE ten moito peso nese acordo", apunta a portavoz nacional do Bloque.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 27 comentarios

6 Bernal Calvo Delaciga

Así me gusta, obedecendo a Errejón, que é o que manda no grupo para-lamentar.

1 Xenxo

Menudo comentario sen sentido. Votan que si porque conseguiron acadar un acordo para Galicia https://mobile.twitter.com/rubencel... que terá que ver o grupo parlamentar aquí

5 Amancio

Agora vai sair o nacionalismo español xunto coas cheerleaders do Podemos en Galicia, todos doentes e raibosos. Como hai acordo é que lle deron ao BNG catro migallas. Se non tivese habido sería que votar ao BNG afinal non valeria para nada. Afinal do día a foto queda clara: PP, PSOE e Podemos van facer o que os Pablos e Pedro consideren mellor. Só o voto en forzas galegas propias e de noso (tanto ten se é o BNG ou outra) garante que os galegos pintamos algunha cousa en Madrid. Agora a concretar o acadado que espero non sexa pouco.

1 Luz de Ramuin

Que lle deron ao BNG? Ah, non o sabes, falas por falar mentres agardas que non sexa pouco! Se cadra só lles apertaron por onde os teñen collidos (xa sabes: no peto das deputacións), e como fóra fai frío, sopiña para Yoli, Garzón, Pablo e Irene de ministros, e os asesores da UPG con mamadeira asegurada.

2 Serxio

Luz de Ramuín así de primeiras polo menos piden algo para Galicia cousa que nin PP, nin PSOE nin Podemos fixeron nin faran nunca, porque so lles importa a meseta. Agora fai faltaa ver o acordo e o que conseguiron, pero vamos queda claro que agora mesmo o unico partido ao que lle importa un minimo Galicia é o BNG e que se tiveran mais deputados sería mellor para todos nos os galegos, so hai que ver o acordo que acadou o PNV cos seus 6 deputados, o BNG con un non acadara tanto pero polo menos sacara algo.

3 Amancio

Home non falo por falar non, falo dos que precisamente xa estan dicindo que enganaron aos do BNG e que o acordiño son catro pesos cando nen o coñecen aínda. Véxase o comentario #4

4 Currelante

Os que temos unha idade lembramos de compromisos do PsoEspañol. Por exemplo, sacarnos da OTAN, compensar a reconversión naval... Os que traballamos coa administración sabemos que un compromiso non serve, nin con orzamentos (poden non executarse). Os que hoxe escoitamos ao PsoEspañol por boca de Abalos, e vemos cómo a represión segue contra Catalunya tamén hoxe mesmo, non temos dúvida de que ERC foi enganada. Con todo, teredes sorte os benaventurados inocentes cando sexades recompensados noutra vida (pois co compromiso do PsoEspañol non vai ser neste reino).

4 Bendito Chiringuito

Que curioso: Néstor Rego, Yolanda Díaz e Toné van votar igual: Si bwana Pedro! A cambio de nada: un papel mollado. Non hai valentía para reclamar autopista gratis, compensación demostrable polo cambio de modelo enerxético, prazos fixos para as comunicacións... Todo palabrería do PsoEspañol, que desta enganou a ERC cun referendo de mentira, a Podemos cuns postos de ministros para a familia cupular e ao BNG para seguir chupando das deputacións clientelares. Si bwana Pedro! Barato, barato!

3 Gamela

a transferencia da AP-9 non é a solución ! Queremos a GRATUÍDADE !!! Pero Néstor Rego votará o que lle pete á UPG !!!

1 Alienao

Se tantos sodes, ide cortala á ponte de Rande.

2 MalditaUPG

https://mobile.twitter.com/rubencel... Venha, aí che queda. Mais do que conseguirom os mareantes em quatro anos mareando a perdiz. Pero nom te preocupes, se che proe ir gratis a Redondela graças ao BNG podes deixar os cartos como propina. E se es usuário recorrente, o mesmo.

3 Gamela

Os papeis os leva o vento. De momento a pagar toca... Non sabía eu que os PSOEs cumprisen o que prometen (?) Pero agora como chegou a UPG seica van cambiar as mentiras polos feitos? Ogallá fose certo!

2 Alienao

1 deputado do bloque vale máis que 22 (10 pp +10 psoe + 2 up). Matemáticamente demostrado.

1 Desbloqueado

Un deputado do Bloque non vale nada se noi se forma antes unha coalición de progreso, de feito esas "demandas da axenda galega" --das que fachendea o BNG-- xa as conseguiu Galicia en Común días atrás: https://telegra.ph/Galicia-est%C3%A... En resumidas contas, conseguiu moito máis Teruel Existe.

2 Alienao

Claro qué Teruel existe, e cando non existiu? Descolonícese mozo!