Reaccións á investidura de Sánchez: G. Caballero, seguro de que abrirá Galicia ao progreso

O Concello da cidade do Lérez pide unha entrevista ao presidente español para abordar a "Axenda Pontevedra". Anova esixe que cumpra a axenda galega e Común da Esquerda cre que este novo goberno traerá avances. Ciudadanos, pola súa banda, traslada a súa preocupación polo "goberno de pesadelo". Feijóo deséxalle, "polo ben de todos", "acerto" ao gobernar.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/01/2020 | Actualizada ás 15:43

Comparte esta noticia

Con 167 votos a favor, 165 en contra e 18 abstencións, Pedro Sánchez (PSOE) foi investido presidente do Goberno de España este martes por maioría simple, desbloqueando así unha situación de ingobernabilidade que xa duraba tres anos. A partir de agora, conformarase un Executivo con socialistas e membros de Unidas Podemos, e no que a galega Yolanda Díaz será ministra de Traballo.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, no seu escano no Congreso dos Deputados
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, no seu escano no Congreso dos Deputados | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press.

O Bloque Nacionalista Galego ratificou este martes o seu respaldo ao socialista Pedro Sánchez. Non houbo ausencias nin sorpresas de última hora e o líder do PSOE solicitou o apoio de 167 deputados: 120 do PSOE, 35 de Unidas Podemos e as súas confluencias, seis do PNV, tres de máis País-Equo-Compromís e os outros tres que suman os representantes de Teruel Existe, Nueva Canarias e Bloque Nacionalista Galego (BNG).

Por contra, o bloque do 'non' quedou en 165 escanos: os 88 do PP, os 52 de Vox, os 10 de Ciudadanos, o oito de Junts per Catalunya, os dous da CUP, os outros dous de Unión do Pobo Navarro (UPN), un de Foro Asturias, outro do Partido Regionalista Cántabro (PRC) e un máis Coalición Canaria, cuxa deputada Ana Oramas se mantivo no rexeitamento a pesar de que a súa formación acordara absterse.

Na votación, pública e por chamamento, cos deputados postos en pé para anunciar o seu voto de viva voz, houbo tamén 18 abstencións dos 13 deputados de Esquerra Republicana (ERC) e os cinco de EH Bildu.

GONZALO CABALLERO

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou que a elección de Pedro Sánchez como presidente "contribuirá a abrir unha nova etapa de progreso en Galicia". Nun comunicado remitido aos medios, o xefe de filas dos socialistas galegos, que asistiu este martes á sesión de investidura no Congreso, destacou o apoio de 13 dos 23 deputados galegos ao proxecto progresista liderado Sánchez.

E é que, conforme sinalou Gonzalo Caballero, o novo goberno progresista liderado por Pedro Sánchez ten na súa axenda "os problemas e as necesidades da cidadanía e das familias", así como os "asuntos específicos de Galicia". En concreto, o candidato socialista á Presidencia da Xunta enumerou o avance nas infraestruturas, concretamente na AP-9; a mellora da sanidade e a educación pública, a aposta polo emprego de calidade e por dar futuro á mocidade e o compromiso coa industria galega.

FEIJÓO

O xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, deu este martes o parabén ao presidente do Goberno, o socialista Pedro Sánchez, a quen lembrou que "lle corresponde gobernar". "Polo ben de todos", desexoulle nesta tarefa "máis acerto" que "na elección dos seus socios".

"Débese a todos os españois e non só a quen o apoiaron", lembra Feijóo no seu tuit posterior á investidura de Sánchez, que conclúe cun compromiso: "Seremos esixentes pero leais a España e ao interese xeral".

Pola súa banda, o PPdeG, á marxe de retuitear as valoracións realizadas pola formación a nivel nacional, tamén replicou unha foto do líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, cos deputados socialistas do Congreso.

"Caballero avalando a mentira e o engano como arma política. Estes dez deputados defenderon en campaña que o goberno que acaban de votar non era o adecuado para España e que non lles deixaría durmir. Hoxe celébrano", afean os populares.

CIUDADANOS

O secretario de Organización de Ciudadanos Galicia, Laureano Bermejo, trasladou a súa preocupación polo "goberno de pesadelo" e asegurou que este martes empeza unha "nova etapa de concesións aos nacionalistas".

Nun comunicado remitido aos medios, Bermejo asegurou que a deste martes supón unha "xornada mala para Galicia e para España". Bermejo censurou que Sánchez fose investido cos votos de "populistas" e a "axuda do Bloque Nacionalista Galego, ERC ou os herdeiros políticos de ETA, de Bildu".

Para o secretario de Organización da formación laranxa en Galicia é unha "vergoña que o PSOE non entenda que hai millóns de españois preocupados pola deriva económica dun goberno con ministros recoñecidos comunistas, coas cesións intolerables ao nacionalismo e con trocear a igualdade entre españois".

COMÚN DA ESQUERDA

O Grupo Común da Esquerda celebrou o éxito da sesión de investidura e asegurou que o acordo de Goberno no Estado "marca o rumbo" para "despedir" a Alberto Núñez Feijóo da Xunta.

"Este acordo foi o que pediu a cidadanía nas urnas, unha demanda democrática", manifestou a portavoz de Grupo Común da Esquerda, Luca Chao, quen censurou que as dereitas "tentasen boicotear a formación de goberno".

"A dereita española ten que entender que hai gobernos totalmente lexítimos aínda que eles non estean alí", manifestou Luca Chao, que destacou que este pacto motivará avances importantes en Galicia.

Entre eles, a deputada do Grupo Común da Esquerda citou o saneamento das rías, a revalorización das pensións ou a devolución do Pazo de Meirás e doutros bens expoliados polo franquismo.

"Este histórico acordo de Goberno no Estado indica o rumbo para despedir tamén a Feijóo na Xunta nos próximos meses. Acabamos de ver que o cambio é posible e que a cidadanía esixe que poñamos tamén fin á década de recortes, desigualdade e desemprego de Feijóo", indicou.

ANOVA

Anova  Irmandade Nacionalista, a formación que lidera Antón Sánchez, celebrou a investidura, pero esixiu o cumprimento da axenda galega á que o PSOE se comprometeu.

“No ano 2020 Galicia ten a oportunidade de abrir un tempo novo. Por iso debemos ser esixentes no cumprimento e desenvolvemento da axenda galega” que os socialistas negociaron co BNG, sosteñen desde Anova.

A ese fío, a formación de Antón Sánchez e fundada por Xosé Manuel Beiras fai un chamamento a “deixar atrás os lexítimos intereses partidarios para establecer unha gran alianza da esquerda da nación para finalizar coa década negra neoliberal de Alberto Núñez Feijóo”.

Insiste a formación na necesidade de conformar unha candidatura de “unidade popular e ruptura” en Galicia para conseguir que, para os comicios autonómicos, exista “unha alternativa ao Partido Popular e ao rearmamento da ultradereita”.

Anova valorou a "alianza plural e democrática" fronte á dereita e a ultradereita e asegurou que o acordo entre PSOE e Unidas Podemos supón un "cordón sanitario" contra o "bloque de Colón, contra os discursos de odio contra as mulleres, as nacións e os inmigrantes pobres que buscan oportunidades no Estado español".

'AXENDA  PONTEVEDRA'

A portavoz do goberno local, Anabel Gulías, anunciou que o Concello da cidade do Lérez solicitará unha entrevista ao recentemente elixido presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para abordar a denominada "Axenda Pontevedra".

Anabel Gulías valorou o acordo alcanzado polo BNG co PSOE para facilitar a investidura do candidato socialista como "responsable e útil". "Foi unha mostra de que verdadeiramente hai un compromiso que esperemos que se cumpra con Galicia", abundou.

Neste sentido, a portavoz municipal quixo precisar que "dentro da Axenda galega tamén existe unha axenda propia da cidade, unha axenda de Pontevedra", un feito polo que, asegurou, deben "felicitarse".

A edil nacionalista sinalou que neste acordo de investidura sinálanse temas que son "de vital importancia para a cidade", como a construción da ligazón do nó de Bombeiros ou a transferencia da AP-9 e a bonificación da peaxe para os usuarios recorrentes. Pero especialmente mostráronse "satisfeitos", indicou Anabel Gulías, con que "por primeira vez hai un goberno de Estado que recoñece que ENCE está mal situada e que corresponde o seu traslado".

Esta "posición nova", considerou, con respecto á fábrica pasteira de Lourizán que está "escrita e asumida" polo Goberno central é a que leva defendendo desde hai anos o Concello de Pontevedra, tal e como lembrou Anabel Gulías.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta