O PSOE de Ourense pide ao Concello contundencia contra o "desmantelamento" da sanidade

Os socialistas critican a "xestión mercantilista" dos servizos sanitarios por parte da Xunta.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2020 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

Os socialistas ourensáns defenderán unha moción no pleno municipal do próximo venres, día 10 de xaneiro, na que pedirán que o goberno local se sitúe contra o "desmantelamento" dos servizos sanitarios nos hospitais e centros de saúde do rural galego.

Diso informaron o PSOE local nun comunicado remitido aos medios, no que aseguran que, deste xeito, recollen as queixas de profesionais sanitarios e veciños da comarca de Verín e da cidade que se manifestaron para denunciar o que cualifican como un "desmantelamento deliberado" de "xestión mercantilista" por parte da Xunta.

"A integración na área sanitaria da capital, que gran parte dos profesionais cualifican como un erro, foi minguando a calidade e a cantidade dos servizos prestados nos hospitais comarcais", sinala a iniciativa socialista, que avisa dunha "progresiva centralización en Ourense".

O texto resalta que, á marxe do "atraso nos grandes investimentos, hai anos que o hospital da capital tamén se está vendo afectado por decisións políticas que recortan e suprimen servizos".

"Especialmente os nenos e as familias viron recortado ata case a súa desaparición o servizo de cirurxía pediátrica e as urxencias pediátricas", denuncian os socialistas que, entre outras cuestións, censuran que o hospital de Ourense siga sen prestar o servizo de Hemodinámica 24 horas.

Manifestación en contra do peche do paritorio no Hospital comarcal de Verín
Manifestación en contra do peche do paritorio no Hospital comarcal de Verín

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta