A submisión a Internet, cando os máis novos esquecen que son persoas reais

Os estudos sobre o hipotético baixo rendemento intelectual de mozos e mozas causado por Internet, aínda están dando os primeiros pasos. Mentres, expertos en educación piden unha maior colaboración e implicación de familias, educadores e alumnado para a prevención de usos inapropiados da rede. Tamén piden que se controle o acceso segundo que contidos e o tempo de exposición aos dispositivos electrónicos.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 10/01/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os problemas que pode causar o uso inadecuado de Internet por parte de nenos e adolescentes, ás veces é abordado cando o mal está feito. A necesidade dunha mellor comunicación entre educadores, familias e alumnado é unha das claves para detectar a tempo un mal uso da rede. Un aproveitamento axeitado está en entender que hai que pór límites segundo que idades e que contidos.

Redes sociais, móbil, móbiles, teléfonos, Internet. JCCM - Archivo
Redes sociais, móbil, móbiles, teléfonos, Internet. JCCM - Archivo

O diálogo intrafamiliar tamén é moi necesario se se quere evitar o sedentarismo excesivo, a caída en adiccións como o xogo online e sobre todo, facerlles ver a mozos e mozas que Internet non é a vida real. Aínda así, a rede é unha ferramenta moi completa para axudar a aprender, mais sen esquecer que as persoas cando se están formando deben moverse, relacionarse e tamén manter diálogo fluído dentro da familia.

COMPLICACIÓNS PARA APRENDER

Galicia Confidencial abordou nunha reportaxe anterior se as novas tecnoloxías estarían interferindo, mesmo biolóxicamente, na capadidade de aprendizaxe do alumnado. A día de hoxe a resposta a esta cuestión aínda está por confirmar, mais si son perceptibles algúns hábitos e comportamentos que non permitirían un desenvolvemento pleno dos máis novos. É posible que en poucos anos, logo de numerosas investigacións, haxa unha resposta que permita actuar en consecuencia.

Beatriz Cebreiro, da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, traballa co seu grupo de investigación de Tecnoloxías Educativas na creación de elementos dixitais para facilitar a aprendizaxe mediante o traballo colaborativo entre educadores e alumnos. “Con todos eses estudos sobre procesos educativos, facemos un seguemento para ver que rendemento lle sacamos dentro do contexto das tecnoloxías formativas”.

Sobre se o uso das novas tecnoloxías estarían limitando as capacidades do alumnado, Beatriz Cebreiro di que “non depende tanto das horas que lle adican á tecnoloxía fóra da escola, senón que se fai durante as horas que están diante desas tecnoloxías”. Porque fóra das horas lectivas “cando vemos xente mirando o móbil, non é o móbil, senón as redes sociais que crean redes unidireccionais, porque ás veces é poñer un emoji e ninguén responde” describe Cebreiro.

Toda a rede en si está ideada para enviar mensaxes audiovisuais complexas. Mais a xente nova queda só coa parte superficial, por tanto, non usa criterios de selección para os contidos. Tamén temos que a linguaxe empregada “non axuda á refexión sobre esa mensaxe, as redes móvena e logo envía outra mensaxe e logo outra” di Cebreiro. A celeridade no envío de mensaxes e estímulos na rede “pode afectar á comprensión, nas capacidades de retención ou que se use esa información para outras finalidades”.

MUNDO REAL E FRUSTRACIÓN

Estarían perdendo capacidades os máis novos? “O cerebro é neuroplástico, está deseñado para que os estímulos que recibimos conecten as neuronas” di Belén Montesa, psicóloga. O contexto onde viven e se desenvolven os máis novos, estimulan determinados tipos de resposta. “O que pasa é que hai outras metodoloxías educativas, o problema é que nenos e adolescentes son máis sedentarios e o deporte e movemento é fundamental para o seu desenvolvemento”.

Por outra parte, a adicción á rede e aos diferentes estímulos que ofrece non funciona da mesma maneira que as drogas ou substancias de consumo físico. Se o cerebro dunha persoa está en desenvolvemento ata os 21 anos, as drogas teñen unha acción rápida neste órgano. Coas adiccións sen substancia “hai unha segregación de dopamina e serotonina que produce unha necesidade dun umbral de activación que se vai elevando, iso leva a cambios estruturais” sinala Montesa. Mais debemos ter en conta que estas adiccións á Internet son novas. “Aínda estamos coñecendo os problemas visuais por uso abusivo das pantallas por exemplo, e non podemos demostrar que problemas se producirán no futuro”.

Máis alá do que son as funcións de aprendizaxe, o que leva engadido Internet é que mata a creatividade. Este aspecto, durante moito tempo ignorado, “é algo importante para aprender”. Por que é así? “Internet ocupa todo, non deixa que os nenos aborrezan, que se movan e crea problemas de frustración porque na rede todo é posible” aclara Montesa. Isto crea unha percepción falsa sobre as capacidades e habilidades de cada un. “Podo ser malo xogando ao fútbol e se son bo xogando ao FIFA podo pensar que realmente son bo no fútbol real”. “Internet crea persoas submisas, con pouco nivel de frustración, con baixa capacidade de creatividade e con dificultade para resolver problemas” remata Montesa.

As solucións apuntadas polas dúas expertas consultadas pasan pola mellora das relacións intrafamiliares, mellor comunicación entre pais e fillos, poñer límites ao uso de aparellos electrónicos ademais dos contidos inapropiados segundo que idades. Por outra parte, non demonizar Internet que si é unha ferramenta moi útil para o desenvolvemento escolar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta