O alcalde de Ourense di que "desde un punto de vista egoísta" á cidade "lle beneficia" que Verín non teña paridoiro

Jácome fala "desde o interese" da situación do hospital comarcal, pero matiza que non quere "beneficiarse das necesidades dos demais".

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 10/01/2020 | Actualizada ás 17:28

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, sostivo que "desde un punto de vista egoísta" ao Concello de Ourense "lle beneficia" que Verín non teña paridoiro, aínda que dixo que non quere "beneficiarse das necesidades dos demais".

Gonzalo Pérez Jácome recibe o bastón de mando de Ourense
Gonzalo Pérez Jácome recibe o bastón de mando de Ourense | Fonte: EFE.

Así o trasladou este venres o primeiro edil no Pleno extraordinario, que se celebrou na casa consistorial e que rexistrado a moción dos socialistas na que solicitaron "a apertura inmediata do paridoiro e do servizo de urxencias pediátricas do Hospital de Verín".

O rexedor tomou a palabra para introducir unha serie de "matizacións" e criticar o feito de que se presente en Ourense unha moción que "afecta exclusivamente a Verín". "Non procede en absoluto que nos poñamos a demandar temas que incumben a outros concellos. É o colmo", precisou Jácome.

Neste sentido, o PSOE respondeu dicindo que "cada un se retrata a si mesmo co seu modo de pensar", antes de continuar instando á Xunta de Galicia a que "reabra, manteña e mellore, de modo inmediato, o paridoiro do Hospital de Verín".

Ademais, os socialistas introduciron na súa moción unha data límite sinalada: "Antes do mes de febreiro". O portavoz do partido, Rafael Rodríguez Villarino, criticou o Partido Popular ao entender que a súa emenda á moción é "tan só unha declaración de intencións, que non concreta nada".

Pola súa banda, a edil do BNG Ruth Reza cargou contra "a axenda oculta do PP" que, nas súas propias palabras, "busca centralizar os servizos nas cidades e fai unha aposta pola sanidade privada".

O grupo municipal de Ciudadanos falou dun "desmantelamento progresivo" do hospital de Verín e entende que "se quixo facer pola porta de atrás, con nocturnidade e aleivosía".

Finalmente Democracia Ourensana e PP presentaron unha emenda a esta moción do PSOE que se aprobou cos votos a favor das dúas formacións políticas asinantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Cantos máis vellos morran, máis a repartir: o pai de Manolito chegou a alcalde de Ourense. O porco de pé redivivo.