Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2020 | Actualizada ás 20:10
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución de dúas ordes de axudas dirixidas ao sector mineiro que supoñen un investimento de case 2 millóns de euros para impulsar un total de 51 proxectos e avanzar cara a un modelo "máis sustentable e con menores emisións de po e ruído".
Así o informa o Goberno galego, que sinala que unha primeira partida de 960.000 euros está destinada a un total de 10 entidades sen ánimo de lucro que desenvolverán iniciativas pola minaría sustentable. "En resumo, trátase de accións para mellorar as prácticas preventivas e respectuosas co medio ambiente e coa recuperación e posta en valor da historia da minaría en Galicia e do seu patrimonio", apunta o Goberno galego.
Ademais, unha segunda partida de máis de 930.000 euros ten como obxectivo impulsar 33 proxectos de 25 empresas privadas para reducir as emisións de po e ruído. Deste xeito, buscarase mellorar as condicións ambientais e laborais do sector mineiro.
O obxectivo é, explica a Xunta, "favorecer a aplicación de tecnoloxías novas e implantar as mellores técnicas dispoñibles" tendo en conta o influxo do ruído e o po "tanto na contorna como na saúde dos traballadores".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.