Os pensionistas galegos: "Recoñecemos os bos propósitos do novo Goberno, mais somos escépticos sobre as solucións"

Gonzalo Balo, secretario do Movemento Galego Pola Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN) critica que non haxa prazos concretos para que se revaloricen as pensións. Denuncia "ao gran capital ou as aseguradoras que fan presións para que as melloras non vaian adiante". "A dereita quere moito a España, pero non aos españois" defende nesta entrevista.

Por Raúl Novoa | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Máis de 200 plataformas en defensa das pensións pídenlle ao novo Goberno "actuar xa". Pese a que a coalición PSOE-Unidas Podemos comunicou que ía revalorizar as pensións conforme ao IPC real, esta medida aínda non se materializou. GC falou do futuro do sistema de pensións público co Movemento Galego Pola Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN). Gonzalo Balo, secretario deste movemento horizontal que fundou tamén COESPE, asegura que as mobilizacións das pensións son, sobre todo "polos que veñen detrás nosa".

Modepen en Santiago de Compostela
Modepen en Santiago de Compostela

Galicia Confidencial: O novo Goberno anunciou que ía revalorizar as pensións en conformidade co IPC. Parécevos suficiente?

MODEPEN: Non é suficiente porque aínda non o fixeron. Poderían ter sacado algún Decreto Lei e subilas desde o 1 de xaneiro, igual que xa fixeron con outras cousas. Prometen que van a subir ese 0,9% que aumentou o ano pasado o IPC. Nós pretendemos que non sexa unha medida do goberno de turno, senón que sexa unha enmenda constitucional. Reformar o artigo 50 da Constitución para que as pensións suban en función do IPC independentemente do goberno no poder.

G.C: A situación para a xente que está a cobrar as pensións non contributivas é bastante preocupante. Vós que propoñedes para situar isto?

M: Que de forma urxente as pensións máis baixas suban. A cuantía mínima das non contributivas moitas veces están preto, ou por debaixo, do umbral da pobreza. Deberían ser, polo menos, o 60% do Salario Mínimo Interprofesional, que é o que marca a Carta Social Europea. É o mínimo para vivir cunha certa dignidade.

G.C: Ademais no pacto de Goberno, no referente ás pensións tampouco comentan nada da pensión mínima ou da recuperación do perdido desde o 2011

M: Así é, nós defendemos tamén que se deben subir as pensións mínimas paulatinamente. O mínimo sería subilas ao SMI dos 900 euros. 

G.C: Dades 100 días de prazo para cumplir o tema do IPC. Que faredes se non se cumple?

M: Son 100 días de cortesía. Nós continuamos loitando e concentrándonos en defensa das pensións tódolos días e semanas. As mobilizacións nunca as detendremos. Dependendo de como responda o Goberno nós actuaremos dunha forma ou outra, que de non haber solucións, veremos en marzo que facer a nivel estatal.

G.C: Entón, hai confianza co novo goberno?

M: Non moita. Co nombramento dos novos Ministros cunha relación tan estreita coa banca amosámonos algo desconfiados. Recoñecemos os seus propósitos e hai mínimos de esperanza, mais somos escépticos en canto as súas garantías e solucións.

G.C: É posible que se avance cara a privatización das pensións?

M: Esperemos que de non restrasalas, polo menos non se impulse a súa privatización. Xa personalmente, eu non albergo moita esperanza de que mellore moito a situación, sobre todo polas coaccións que se fan desde dentro: o gran capital ou as aseguradoras que fan presión para que as melloras non vaian adiante.

G.C: Logo, son xustificados os ataques desde á dereita máis radical do Estado?

M: A dereita quere moito a España, mais non aos españois. Utilizan todos os medios que teñen para desprestixiar todo o que se afaste da súa ideoloxía. Cando o PSOE chegara o poder no 82, a prensa e partidos de dereitas dicían que viñan os soviéticos e os comunistas a quitarnos todo. Ao final foi o goberno de Felipe González e hoxe aínda sufrimos as súas medidas. A xente non analiza as mensaxes e estas campañas mediáticas funciónanlles.

G.C: En Galicia temos as segundas pensións máis baixas do Estado. Que solucións vedes?

M: O 16 de decembro entregamos un escrito no Parlamento de Galicia onde damos unha serie de medidas. Esta entrega fíxose en cada un dos Parlamentos autonómicos do Estado Español, analizando as necesidades e facultades concretas de cada autonomía. Cousas como salarios mínimos, a lei de Dependencia, os centros de atención á terceira idade...

G.C: Facendo fincapé na brecha salarial de xénero, como funciona nas pensións?

M: As mulleres normalmente teñen menos anos cotizados e, incluso, menos cotización. As mulleres a igual traballo sempre cobraron menos ca os homes, polo que cotizaban menos. Ademais, se a parella tiña fillos, a muller deixaba o seu posto laboral para coidalos. Pese a seguir traballando nas tarefas da casa, non cotizaron. Hoxe, as súas pensións son unha miseria e nótase incluso máis que nos salarios que tiveron.

G.C: Activistas en defensas das pensións quéixanse de que o traballo cos sindicatos é complicado, indo cada un "polo seu camiño". Vós sodes favorables á unificación do movemento?

M: Aquí por exemplo haberá unhas manifestacións dos sindicatos minoritarios -CUT, CiG...- o día 30 de xaneiro. Nós estamos dacordo de todas as mobilizacións en defensa do sistema público de pensións, fágaas quen as faga. 

Agora ben, no seu día CC.OO e UGT fixeron manifestación intentando contrarrestarnos a nós e a outros movementos. Desde esas, nós a título individual acudimos case todos as diversas manifestacións, mais non a nivel colectivo. MODEPEN é un movemento transversal que agrupa a xente de diversas ideoloxías. Buscamos que todos os sindicatos fagan mobilizacións unitarias en beneficio da clase traballadora. Como non o fan sen ter que pór por diante as súas respectivas bandeiras, nós como colectivo non imos e non o faremos ata que non sexan unitarias. Como colectivo, non apoiamos a división sindical que nos levou á perda de dereitos ano tras ano. Se apoiasemos esas manifestacións, estariamos parcializando o movemento. Queremos que se traballe nunha liña conxunta.

G.C: Pese a iso, que se fale tanto das pensións a día de hoxe, é grazas ao movemento das rúas?

M: Por suposto, o movemento logrou frear medidas reaccionarias como a suspensión das pagas extras ou unha maioir baixada das pensión. Demostrouse así que se podían subir as pensións en conformidade ao IPC. Témolo claro nós e eles (a dereita) tamén. Quen tome decisións en contra da maioría terá a resposta social

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta