Quen ten a culpa do consumo excesivo de pornografía entre adolescentes?

O excesivo consumo de pornografía entre xente moza desde idades moi temperás está cambiando patróns de conducta entre os máis novos. Doutra parte, os e as especialistas en adiccións alertan dos riscos de iniciarse na sexualidade a través do "filtro" do porno. Instaurar a educación afectivo-sexual nas escolas e institutos, podería axudar a frear esta tendencia e mellorar a calidade das relacións.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 13/01/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A pornografía ou o porno, non é real, é unha ilusión ou fantasía segundo os psicólogos e psiquiatras que estudan conductas adictivas entre adolescentes. Mais este punto non parece ser coñecido pola maioría da mocidade, mesmo menores de 14 anos. Por iso se acenderon moitas alarmas nos últimos anos ante o aumento do acceso por parte de xente moi nova que a contidos sexuais explícitos, sobre todo en Internet. As consecuencias poden ser, a medio e longo prazo, unha forte adicción ao consumo deste tipo de contidos, desenvolver unha sexualidade errada con falta de afectividade e compañeirismo unido a prácticas sexuais de risco. As voces de expertos tamén apuntan que este fenómeno está na raíz dalgúns problemas de convivencia social.

Menor diante dun portátil
Menor diante dun portátil

CONSUMO EXCESIVO

A apertura da Internet foi abrir a caixa de Pandora segundo que cuestións. En canto comunicación entre persoas, coñecemento e traballo marcou unha pegada moi fonda entre o antes e o agora. En canto o acceso máis doado a contidos considerados non aptos segundo que idades, a rede supuxo unha enorme xanela aberta por onde entran millóns de imaxes pornográficas cada día. A web Pornhub situaba a España como o decimo terceiro país que consumía pornografía. “Case 90.000 millóns de vídeos nunha web, 4.000 millóns de horas nun ano para consumir porno” di a psicóloga Concha Rousia.

O dato máis sorprendente segundo os estudos que dirixiu o profesor da USC, Antonio Rial, o acceso a webs porno cada vez é a idades máis temperás. Unha das explicacións para Rial é o acceso aos móbiles a partir dos nove anos, cousa que facilita o acceso a millóns de webs porno. “En dez anos o número de adolescentes, sobre todo varóns de entre 14 e 15 anos que entraron en webs porno duplicouse ata estar entre o 45% e o 50%, e se son varóns de entre 16 e 17 anos a cifra ascende ao 60%” en Galicia.

Outro dato é que as mulleres tamén consumen hoxe en día máis pornografía, aínda que non chegan aos niveis dos homes. “A partir de 13 anos estaría no 3% e de entre os 16 e os 17 anos entre un 20% e un 25%” sinala Rial, quen ve nas imaxes hipersexualizadas subidas por adolescentes a redes sociais como unha das consencuencias do excesivo consumo de pornografía.

Alegoría sobre pornografía en Internet
Alegoría sobre pornografía en Internet

Están vivindo os adolescentes unha epidemia de pornografía? Ricardo Fandiño, psicólogo e presidente de ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e a Adolescencia) non o ve tanto así “son cauto, entendo que as noticias son preocupantes, co 75% dos homes de 14 anos e o 35% de mulleres da mesma idade que consumiron porno”. Con todo, hai consencuencias disto? “Algunhas hai, mais dicir que haxa consencuencias gravísimias só se verá co tempo no mundo da investigación”.

O porno é unha fantasía, non ten afecto, non hai atracción entre persoas” reafirma a psicóloga Belén Montesa. Detrás do excesivo consumo destes contidos, para esta profesional da psicoloxía está “que se universalizou o acceso vía Internet, é gratuíto, adiantouse a idade de consumo deste tipo de páxinas grazas ás redes sociais, ao móbil, o certo é que hai cantidades masivas de pornografía”.

AFECTO

Antes de instalarse na sexualidade normal, os adolescentes non deberan ver porno, aprenden a excitarse con práticas que poden chocar ás persoas coas que se relacionan” di Concha Rousía. Esa educación sexual antes de que comecen a ver pornografía, debera traballar o afecto entre as persoas para que as prácticas sexuais non fosen unha reproducción dun comportamento filmado. “Aprenden de maneira inadecuada conductas inadecuadas no que é a sexualidade. Necesitan eliminar as prácticas porno para teren unha sexualidade satisfactoria. Educar o desexo”.

Nunha relación guiada polos estereótipos e clichés reproducidos en material pornográfico “é difícil manter unha relación de parella que acaba sendo demandante dos corpos, tempos, non é satisfactorio, é mecánico, choca coa ternura e o compañeirismo necesarios na sexualidade”.

Aprender sobre afecto e sexualidade é necesario para que a xente nova non vexa o sexo distorsionado polo que se considera “unha fantasía”. Aínda así, os currículos escolares non recollen educación afectivo-sexual logo de máis de corenta anos de democracia. Os sexólogos “levan anos traballando para elavorar contidos curriculares desde unha perspectiva científica” declara Ricardo Fandiño, quen tamén apunta “ou introducimos formación seria e clarificadora sobre sexualidade ou senón será posible que deixemos a sexualidade dos fillos en mans dun modelo equivocado”.

QUE FACER?

O sexo sempre foi tema tabú entre pais e fillos. O feito de que busquen respostas en Internet, sexa mediante o porno ou non, demostra que aínda non se superaron algunhas cuestións nestas tres ou catro últimas décadas. O comportamento fuxidío dos adolescentes e tamén o desentendemento dos pais para explicar temas como a sexualidade, compoñen un cóctel perigoso para posteriores comportamentos errados.

Como se pode saber se un mozo ou moza sofre de adicción á pornografía? A adicción é un consumo compulsivo, non poder deixar de facelo, “a adicción ao porno é semellante a calquera outra adicción” di Ricardo Fandiño sinalando que “hai adicción cando hai consumo compulsivo que vai apartando outros intereses que tiña antes o adolescente”.

Belén Montesa, psicóloga, sinala tamén que a persoa adicta sofre “cambios no comportamento, ao mellor ten relacións sexuais precoces ou cando fala deixa ver que coñece moitas prácticas sexuais adultas, falta de sono, borra historial ordenador e deterioro noutras áreas da súa vida”. A todo isto súmaselle a elusión ás preguntas sobre se está vendo porno.

“Se só consume porno acaba sendo un eixo da súa vida, abocada á frustración” di Concha Rousía, quen sinala que “algúns síntomas son o fracaso no que facemos, porque aumenta o tempo de consumo de porno e acaba desorganizando o resto da vida”.

E como se pode afrontar o feito de ter un fillo que comeza a consumir pornografía? Eliminando a vergoña. “Falar, preguntarlle por que lle interesa ver porno?, a partir de aí podes traballar varias cousas” di Ricardo Fandiño. “Podes falar co rapaz do feito de que está vendo unha ficción, responde a uns estereotipos que non dan conta do que é o sexo e o afecto na realidade”.

Tamén está a educación sexual na escola, sendo unha parte necesaria no currículo educativo, segundo os especialistas. “Hai que paliar isto con programas de control parental para menores de 15 anos, falar cos adolescentes porque sen educación sexual non se pode frear estas tendencias actuais” di Belén Montesa.

Captura de pantalla de sitio porno
Captura de pantalla de sitio porno
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

4 CastelaoPaSogama

A culpa e das hormonas propias da idade. Antes se facían pallas coas páxinas de Interviu ou dalgunha revista porno mecacada de eskakeo nun kiosco ou rastro. Ágora usan Internet. E non van engancharse ao porno. Cando se poñan a ter sexo a acabarán aborrecendo as pallas, como siempre pasou.

3 galeguiña

O da pornografía ten fácil solución: prohibila. Tampouco estaría de mais prohibir o xogo. O que pasa é que a hai moita hipocrisía con estes asuntos e os chamados progresistas virán con conto de que hai que deixar á xente escoller en liberdade e cousas polo estilo. Algo semellante ocorre cos violadores e pederastas; habería que metelos no cárcere de por vida, pero eses mesmos progres falan de rehabilitalos e darlle beneficios penitenciarios e claro, en canto saen a rúa, outra vez a abusar de nenos e nenas, violando e, nalgún caso, asasinando. A miña política con estes asuntos é diáfana: prohibición e cadea perpetua.

1 CurasNonGrazas

Querida puritana galeguiña, non estaría de máis que non mesturase churras con merinas. O dos violadores e pederastas é outro debate totalmente distinto. Podémolo ter, se quere, pero non ten absolutamente nada que ver con consumir pornografía, xogos de azar ou drogas, accións todas elas individuais que, de afectar a alguén, afectarían en todo caso a quen as realiza, en primeiro lugar. Adiccións pode habelas a calquera cousa que xere un pracer inmediato que faga esquecer os problemas cotiáns: sexo, comida, explotar plástico de burbullas... Se vostede non quere facer nada diso, é máis, se quere facer campaña activa contra que a xente o faga, veña, adiante, pero aos demais respéctenos. Deixe de buscar demos e mírese no espello.

2 Ricardo R.

Cousas de progres. Era ben coñecida a afección de Simone de Beauvoir polos nenos pola que tivo que render contas ante a Xustiza. E tamén calquera con máis de 40 anos pode lembrar como Canal Plus, de PRISA, ofrecía porno de pago coma se fose debuxos animados. Mirade os resultados.

1 Cachito

Os pais que os educan, e así van uns e outros