O Parlamento galego reclama ao Estado que colabore para garantir a gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos

Contou cos votos a favor do PP e a abstención da oposición.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2020 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia, cos votos a favor do PP e a abstención da oposición, acordou instar á Xunta a esixir ao Goberno da Estado colaboración económica para garantir a gratuidade da educación infantil de cero a tres anos a todas as familias galegas.

Comisión parlamentaria
Comisión parlamentaria | Fonte: Europa Press

A iniciativa foi defendida na Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego pola deputada do PPdeG Marta Rodríguez Arias, quen destacou que Galicia "lidera o apoio ás familias" coa gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos.

A proposición non de lei dos populares galegos contou con emendas de todos os grupos da oposición, que coincidiron ao afear ao PPdeG que só pida compromisos do Goberno cando non é o seu partido o que ostenta o poder e optaron pola abstención na votación.

"O PP só pide cando non goberna no Estado", censurou a deputada de En Marea Paula Vázquez Verao, quen asegurou que o PP votou en contra de iniciativas neste sentido cando gobernaba en Madrid.

Vázquez Verao, así mesmo, reclamou a través dunha emenda, que foi rexeitada polo PP, un plan para equiparar os permisos de maternidade e paternidade ata un ano, co compromiso de elevar o permiso de maternidade ata as 26 semanas.

Pola súa banda, a nacionalista Montse Prado asegurou que o BNG non caerá na "estratexia de campaña do Partido Popular de facerse as vítimas do agravio do Estado con Galicia". "É evidente que hai un agravio e que ao PP non lle interesa terminar con este, senón utilizalo como arma arreboladiza", argumentou.

Ademais, nunha emenda, pediu integrar a educación de cero a tres anos na Consellería de Educación e elaborar un plan de construción de escolas infantís que permita unha oferta equitativa de prazas públicas. Tamén esixiu negociar un novo modelo de financiamento baseado no concerto económico e a bilateralidade co Estado.

Paula Quinteiro (Grupo Común da Esquerda) considerou que a gratuidade das escolas para o segundo fillo pode ser "discriminatoria". "Non se pode desvincular do nivel de ingresos de cada familia. De facer un dereito progresivo, debería empezarse polas familias con máis dificultades económicas", manifestou.

Na súa emenda reclamou a posta en marcha de medidas para garantir a gratuidade da educación infantil na rede pública, así como que se establezan prazos para a implantación desta medida "canto antes", contando, se fose necesario, coa solicitude ao Goberno de colaboración para completar o financiamento.

Por último, a deputada socialista Noela Blanco acusou á Xunta de "utilizar aos nenos para facer campaña" e presentou unha emenda na que pedía incrementar o número de prazas públicas ata eliminar as listas de espera sen necesidade de incrementar os concertos con entidades privadas.

Ademais, entre outras cuestións, reclamou garantir, a partir do curso 2020-2021, que durante a época de vacacións escolares se cubrirá o total da demanda existente en prazas de escolas infantís públicas, así como que se diminúan os prezos das escolas infantís públicas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Dalle que libras

Supoño que será en CENTROS PÚBLICOS