Estamos preparados para evitar a adicción ao xogo entre menores?

A apertura de salóns de xogo nalgúns barrios en cidades galegas provocou a reacción en contra de colectivos de pais e nais. A Xunta de Galicia paralizou a concesión de máis licenzas para locais e de momento a nova lei do xogo leva seis meses en elaboración. Mentres, o sector cre que se está creando unha falsa alarma e asociacións de rehabilitación cren que os datos sobre adiccións non reflicten a realidade.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 17/01/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O xogo presencial está regulado por lei en Galicia desde 1985, mais o que non regula a lei é o xogo online, de momento. As protestas veciñais nalgúns barrios de cidades galegas, querían chamar a atención sobre o que pensaban que era unha proliferación grave de locais de xogo. Pais e nais mostraban a súa preocupación pola apertura destes centros, co temor de que afectase á vida dos seus fillos e fillas. Tiñan medo de que proliferasen problemas de ludopatía entre menores e adolescentes.

Xogo Goku
Xogo Goku | Fonte: wikipedia

O sector do xogo en Galicia asegura que as normas se cumpren de maneira estricta, que non se rexistraron problemas con menores. Por outra banda, algunhas voces dentro de asociacións para a rehabilitación de persoas adictas ao xogo, son cautas sobre as estatísticas que falan dunha porcentaxe elevada de adolescentes adictos ao xogo.

SON TANTOS OS ADOLESCENTES ENGANCHADOS?

Poderíase cuantificar a cantidade de xente nova adicta ao xogo? Juan Lamas, da Asociación Gallega de Jugadores Anónimos (AGAJA), sinala que “o que notamos e certificamos desde hai moito tempo é que o 20% de menores de idade o recoñecen abertamente durante a campaña de prevención que realizamos”. Lamas di que estes datos están avalados por estudos da USC sobre adiccións.

Aínda así, desde AGAJA apuntan que non se poden taxar o número de persoas adolescentes adictas ao xogo presencial en salóns especializados, porque a entrada de menores está prohibida. “Non hai un estudo clínico sobre ludopatía en adolescentes porque legalmente non poden xogar, non se poden dar cifras en España e menos a nivel Europeo”.

Máquinas de xogo recretativas
Máquinas de xogo recretativas | Fonte: juego.es

Non obstante, naceu unha alarma social entre pais e nais que levou a mobilizacións para protestar contra a presenza destes salóns recreativos en determinados lugares. A reacción foi case inmediata por parte da Xunta de Galicia. A raíz dunha protesta veciñal, concretamente en Vigo, no barrio de Navia, pola apertura dunha sala de apostas, “a administración saíu cun decreto dun día para o outro dicindo que non autorizaba máis licenzas de apertura, tardan dous días e aínda así, teñen que respectar as licenzas ou peticións que estaban en marcha” di Lamas.

Serafín Portas, presidente da Asociación Galega de Empresas Operadoras (AGEO), apunta que  “efectivamente houbo incremento de salóns”. Serafín Portas analiza este aumento desde a perspectiva dun cambio no mundo da hostalaría. “O concepto da hostalaría cambiou e onde antes había unha taberna ou bar, cambiaron a gastrobar, picoteo, onde unha máquina comecartos non ten sentido nin é rendible”.

O peche ou transformacións de locais fai que os propietarios tamén se desprendan das máquinas que pasan a un almacén. Así estarán ata que sexan ou ben recicladas ou que algún empresario do sector do xogo. “Entón ao mellor alguén pode dicir de montar un salón de xogo, isto non quere dicir que todos os salóns sexan rendibles” sinala Portas. Segundo o presidente de AGEO, os salóns de xogo esixen mínimo dez máquinas das chamadas Tipo B.

ONDE ESTÁ A ADICCIÓN?

O xogo online con apostas incluídas, está sinalado tamén como un elemento capaz de enganchar aos máis novos. Mais Juan Lamas asegura que “a regulación do xogo online, a nivel estatal ten unha serie de filtros que non ten o xogo presencial”. Eses filtros consisten en rexistrarse nun operador de xogo legal dando o DNI e o enderezo postal. Seguidamente, verifícase co padrón de habitantes e co rexistro de autoprohibidos.

Se falamos de usurpación de personalidade, se  o adolescente usa o DNI do pai ou do irmán maior, hai unha verificación en caso de que exista sospeita.  “Todas as operacións que se fan en Internet están monitorizadas pola Dirección General del Juego” sinala Lamas. “Isto non se dá no xogo presencial, porque nese caso estase baixo a responsabilidade da persoa responsable do salón ou no bar”.

“Cremos que non se está sendo xusto co sector do xogo presencial” afirma Serafín Portas, quen considera que analizando como profesional o contexto actual houbo un punto de inflexión. “O xogo online xerou moita publicidade que entendemos está sen control, nós desde o xogo presencial, sabemos que hai xente preocupada para regular este tema”. Así o presidente de AGEO insiste en que se especifique cales son os tipos de xogo que agora mesmo crean adictos e adictas.

LEXISLACIÓN

A lei galega do xogo de 1985 só contemplaba o xogo presencial, que se fai en locais físicos. A chegada de Internet fixo que, nalgúns puntos e aspectos, quedase desfasada. A Vicepresidencia da Xunta, con competencias nesta materia sinala que  é “plenamente consciente da preocupación social que se está xerando ao redor do xogo”. Por ese motivo “leva meses traballando nun novo texto lexislativo da Lei de Xogo que permitirá actualizar a anterior Lei”, coa premisa de “adaptala aos tempos actuais, aos novos modelos de xogo e regular un xogo responsable. Un texto que está buscando o máximo consenso”.

Dita lei está aínda en proceso de elaboración e polo de agora, o decreto do mes de xullo de 2019 impide que se emitan máis licenzas. A concesión de ditos permisos “está a expensas da aprobación da lei do xogo, que leva seis meses parada no executivo galego”, di Juan Lamas. “Creo que a Xunta está traballando e recollendo todas as suxestións das partes implicadas, iso necesita un tempo para recoller todos os aspectos necesarios” di Serafín Portas.

Actualmente a lexislación sobre distancias para os locais de xogos é de 150 metros en caso de haber un centro educativo, 300 metros de distancia entre un salón de xogo e outro e 1.000 metros entre bingos. A Xunta, non obstante, nun email enviado a Galicia Confidencial, asegura que as distancias poderían variar no futuro texto sobre o xogo, así como as medidas de seguridade con respecto á entrada de menores en salóns recreativos.

De momento queda unha pregunta, se se monitoriza o xogo online e se prohibe a entrada a menores en salas de xogo, entón como se pode explicar adicción ao xogo entre menores de idade? Doutra parte, a lexislación galega de 1985 estaría desfasada e de aí que se estea a preparar unha nova lei.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Tinham que estar proibidas as casas de jogo e as máquinas nos bares. Só, existir casinos abertos polas noites para adultos