Investigación "na máis estrita confidencialidade" para saber se asasinaron ao coruñés morto en Filipinas

O delegado do Goberno espera que se realice "esta semana" a repatriación do cadáver de Diego Belo.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 20/01/2020 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, asegurou á familia de Diego Belo, o coruñés que faleceu nun tiroteo nunha operación antidroga en Filipinas, que se están axilizando os trámites para que a repatriación "se realice esta semana".

Ademais, confirmou que se está solicitando información para esclarecer os feitos, despois de que a policía filipina vinculase ao mozo co tráfico de estupefacientes, algo que tanto a familia como os seus amigos rexeitaron. Así o informa a Delegación do Goberno a través da súa conta de Twitter, na que traslada tamén o "pésame e o apoio" á familia de Diego Belo.

Pola súa banda, o seu irmán, Bruno Belo, presente na reunión celebrada co delegado do Goberno, confirmou a Europa Press que se lles transmitiu "tranquilidade" en canto á repatriación do cadáver.

"Os papeis que se necesitaban xa están en Manila e agora empezan os trámites internacionais", expuxo sobre os pasos á seguir para que o corpo de Diego Belo se poida trasladar de Filipinas a España.

Por outra banda, confirmou que se está levando a cabo unha investigación "na máis estrita confidencialidade", despois de que, ademais, se lle realizara ao corpo unha autopsia encargada pola Comisión de Dereitos Humanos de Filipinas.

A morte de Diego Belo produciuse o pasado 8 de xaneiro nunha operación no seu domicilio na localidade de General Luna, en Siargao. A Policía, que o consideraba sospeitoso de tráfico de cocaína, matouno nun tiroteo rexistrado no sur do arquipélago filipino, segundo informou o diario dixital local Minda News.

O delegado do Goberno, Javier Losada, reúnese cos familiares de Diego Belo, o mozo morto nun tiroteo en Filipinas. DELEGACIÓN DO GOBERNO
O delegado do Goberno, Javier Losada, reúnese cos familiares de Diego Belo, o mozo morto nun tiroteo en Filipinas. DELEGACIÓN DO GOBERNO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta