Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 20/01/2020 | Actualizada ás 22:00
A Rede Galega por un Rural Vivo (RGRV) naceu logo de varias reunións entre diversos colectivos que enfrontaban situacións ambientais similares. Así, desde os proxectos mineiros ata a instalación de aeroxeradores, a idea da rede quere ofrecer unha fronte común de organizacións que ata o de agora operaban de maneira individual. Esa fronte común quere establecer un plan de acción para conseguir un marco legal máis xusto para o rural, que faga fronte ao que consideran “proxectos industriais abusivos no rural”.
OS PARQUES EÓLICOS E O ABANDONO RURAL
A RGRV entende como proxectos abusivos, entre outros, parques eólicos cunhas distancias moi curtas ás casas tendo en conta as súas dimensións. Acusan a obsolescencia da actual lei de parques eólicos do ano 1995, que “permite que aeroxeradores de 200 metros de altura podan ser instalados a só 500 metros de distancia das casas” di Jessica Rey, membro da RGRV, “co perigo que supón se unha peza dese aeroxerador se desprende e cae e o tema do ruído, a exposición constante demostrouse que crea problemas de saúde”.
A administración de momento dá por resposta que eles “cumpren a lei, mais a lei é de hai vinte anos, daquela os aeroxeradores medían sesenta metros de altura, non douscentos” segundo di Jessica Rey. Entre as modificacións que solicitan, está o aumento das distancias entre as casas e os muíños en consonancia coas súas dimensións. A petición para a Rede non é un tema menor, ven nos aeroxeradores unha maneira de acelerar o despoboamento das aldeas. Aseguran que ninguén vai querer vivir xunto a esas infraestruturas.
“Todos os terreos perto dos aeroxeradores perderán valor, o único que recebe diñeiro é quen ten o xerador na súa finca, os demais, xa poden vivir xunto a el que non te indemnizarán de ningunha das maneiras” acusa Rey. O abandono das fincas arredor dos aeroxeradores fará que eses terreos perdan valor, non obstante, “a administración mantén que isto é unha oportunidade de desenvolvemento para o rural”. A Rede proponlle á administración autonómica que leve ás aldeas proxectos “onde participemos todos”, en referencia á propiedade dos aeroxeradores por parte de grandes corporacións.
A FAVOR DAS RENOVABLES, MAIS NON ASÍ
Por outra parte, a RGRV deixa claro que non están contra a enerxía renovable, “mais desde a administracións xa nos dixeron e nós xa o viamos vir, que non existe unha planificación sobre os parques eólicos” di Rey. Así, o modo de proceder da Xunta, sería que se o proxecto segue a lei de 1995 o proxecto segue para adiante. Mais engaden que desde 2003 non se repotencian os parques existentes, só se fixo sobre un 10 ou 15%. Por que? “Porque está todo en mans de empresas privadas, agora mesmo as empresas que non teñen eólicos interésalles crear eses parques para non perder a oportunidade de negocio.” contesta Jessica Rey. “Galicia será unha comunidade onde se sacrifica o territorio para producir enerxía para outros centros consumo”.
A instalación de muíños perto de núcleos poboados tería a explicación da rendibilidade.
Instalar un destes enxeños sobre un monte implica ás veces, un investimento en creación de infraestruturas como pistas e outros elementos precisos para o transporte dos compoñentes destas máquinas. Os terreos agrarios onde se instalen aeroxeradores perderían valor. Terían interese para alguén? “Ence está mercando moito terreo, por exemplo, as mesmas eléctricas tamén poden mercar terreo a prezo moi barato” di Rey, que ademais sinala isto como “outro acelerador de despoboamento para abaratar a terra para facela máis accesible e así crear propiedades máis extensas”.
A aceleración do abando rural para a RGDV estaría pasando a unha nova fase pois “agora sabemos que a Xunta está axilizando a creación dunha nova lei medioambiental”. Realmente é un proxecto de lei, agora mesmo en fase de alegacións, mais a Rede considera que é un movemento legal para que “as empresas podan axilizar os trámites e así poder instalarse no rural máis facilmente sen ter que pasar por informes medioambientais”.
Os prazos para presentar alegacións comezaron o 17 de xaneiro e rematan o 31 do mesmo mes de 2020, a metade de tempo que presentan os proxectos presentados desde o Goberno central. “Estamos estudando contrarreloxio estas propostas que cremos que van contra as diretivas europeas e mesmo cremos que permitirían que non houbesen consultas do público” di Jessica Rey que non negan a súa preocupación.
CONVERSAS COA ADMINISTRACIÓN E EMPRESAS
As conversas coas consellerías implicadas, incluíndo Medio Rural, están dentro da axenda da Rede. Ao departamento que dirixe José González, pediranlle un informe sobre os eólicos “porque nalgúns casos son completamente contrarios e que é necesaria unha revisión en zonas concretas”. Sobre o departamento de Economía e Industria, cren que debera “poñer sobre a mesa os problemas sociolóxicos e ambientais que teñen estes parques”.
A maioría dos colectivos xa se teñen reunido de maneira individual con representacións das empresas implicadas en diferentes proxectos. Todo antes de formar a Rede. Segundo relata Jessica Rey “en concreto en Ordes, viñeron dicir que daba igual o que dixeramos ou o que pataleamos, se a lei llelo permite “nós ímolos poñer””. Rey recoñece que o marco legal permite que as compañías podan instalarse tal e como pretenden, tendo en conta que se algo non é conveniente, pasa por unha revisión para que todo sexa como apunta a lei.
A día de hoxe a Rede descoñece cales serían os proxectos máis ameazadores, tanto eólicos como doutra natureza. Todos os grupos veciñais confiaban en que a lei os protexía, “mais caes na conta de que non”. A formación da RGRV pretende levar adiante mesmo as tarefas necesarias para investigar a documentación sobre os diferentes proxectos. Esperan que esta unidade de acción lles permita polo menos frear momentaneamente as actuacións previstas segundo que proxectos e en que lugares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.