Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/08/2025 | Actualizada ás 21:15
Galicia e Castela e León, e especialmente, a comarca do Bierzo e da Seara --Sanabria, históricamente vinculadas con Galicia, acumularon o 85,3% das hectáreas (ha) que arderon en todo o Estado entre o 3 e o 18 de agosto de 2025, de acordo con datos do Sistema de Información de Incendios Forestais da Comisión Europea (EFFIS, polas súas siglas en inglés) de Copernicus.
Son cifras monstruosas e que retrotraen esta traxedia a datos de hai máis de 35 anos, á onda asasina dos lumes de 1989, cando o sistema de cómputo de superficie queimada non estaba tan perfeccionado como agora e os medios para atallar os incendios eran outros moi diferentes. Pero, 35 anos despois, a situación é moi parecida a de entón, con aldeas queimadas, millóns en perdas e moitos gandeiros e agricultores cos seus medios de vida calcinados.
E, neste epicentro do lume, a Galicia autonómica segue á cabeza do Estado. Do total de 358.034 hectáreas que arderon entre esas dúas datas, o 43,6% fixérono en Galicia (é dicir, 156.444) e o 41,7% fixérono en Castela e León (ou o que é o mesmo, 149.426). O terceiro lugar ocúpao Estremadura, que acumulou 44.480 hectáreas queimadas, o 12,4% do total estatal.
Son datos do Copernicus que diverxen, e moito, dos datos oficiais. A Xunta apunta a case 90.000 hectáreas queimadas, tras modificar substancialmente nos últimos días os datos iniciais que aportaba. O Goberno central, polo momento, só aportou unha cifra do comezo da onda incendiaria, 135.000 hectáreas.
OURENSE, A MÁIS AFECTADA
A nivel de provincias, a máis afectada foi Ourense, onde se rexistrou o 98,6% de hectáreas queimadas de toda Galicia (154.304 das 156.444 que arderon en toda Galicia). En concreto, o lume comezado no Larouco, con 44.789 hectáreas queimadas ata o 18 de agosto, podería ser o lume máis grave da vaga de incendios que arrasou o país nestas dúas semanas. A Xunta apunta que neste incendio arderon 30.000 hectáreas.
Á súa vez, tamén resultaron moi golpeadas por esta vaga de incendios as provincias de León e Zamora, sobre todo, as zonas limítrofes con Galicia. Con 78.398 e 47.058 hectáreas queimadas entre as dúas respectivamente, acumularon o 83,9% das que arderon en toda Castela e León (149.426). Nesta comunidade destaca o lume de Quintana (Zamora), con 40.781 hectáreas arrasadas.
Outra das provincias arrasadas polo lume é Cáceres, con 33.582 hectáreas queimadas. Practicamente a metade delas, 16.832 hectáreas, foron causadas por un dos incendios máis virulentos destes días: o de Jarilla. Outras provincias con cifras importantes de hectáreas queimadas son Salamanca (11.665) e Badaxoz (8.763).
SISTEMA COPERNICUS
Estes datos de incendios proceden do módulo Rapid Damage Assessment (RDA) do sistema europeo EFFIS, integrado en Copernicus e operativo desde 2003. Este sistema analiza a diario as imaxes dos satélites MODIS (a bordo de TERRA e AQUA) cunha resolución espacial de 250 metros para cartografiar as áreas queimadas de maior tamaño (en xeral a partir de 30 hectáreas), actualizando os perímetros dos incendios dúas veces ao día.
As estimacións a nivel de comunidades autónomas e provincias realizáronse a partir destes datos, mediante o cómputo total das áreas queimadas nos distintos incendios rexistrados dentro de cada provincia entre o 3 e o 18 de agosto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.