Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/08/2025 | Actualizada ás 22:24
Galicia continúa combatendo a vaga de incendios forestais que arrasan a comunidade, con especial incidencia en Ourense, que permanece en Situación 2 e concentra a maior parte dos sete focos activos. En conxunto, estes lumes afectan a 79.110 hectáreas, nun verán marcado por unha dramática escalada de superficie queimada. As previsións de aumento de temperaturas de cara á fin de semana fan temer que a situación poida empeorar nas próximas horas.
Entre os incendios máis graves destaca o rexistrado na parroquia de Requeixo, en Chandrexa de Queixa, iniciado o 8 de agosto. A unión de varios focos, incluído o de Vilariño de Conso, converteuno nun dos maiores lumes da historia de Galicia, con 19.000 hectáreas arrasadas no Macizo Central. Pola súa dimensión, só o superan as 30.000 hectáreas queimadas no Larouco, mentres que o incendio de Oímbra e Xinzo de Limia leva xa 17.000 hectáreas, situándose entre os máis devastadores da historia recente.
Esta vaga lembra a outras grandes crises incendiarias sufridas pola comunidade: en 2017 arderon máis de 62.000 hectáreas e en 2022 superáronse as 51.000. Agora, en apenas dúas semanas, a cifra xa se eleva por riba das 92.000 hectáreas queimadas, achegándose perigosamente ás 95.947 que se rexistraron en 2006, na peor vaga do século. O groso do impacto recae sobre Ourense, que acumula 84.740 hectáreas calcinadas só nos incendios que seguen activos.
Ademais dos grandes lumes en Chandrexa-Vilariño, Oímbra-Xinzo, A Mezquita, Larouco e Carballeda de Valdeorras, tamén permanecen activos o incendio de Vilaboa (Pontevedra), con 60 hectáreas e en Situación 2, e o de Carballedo (Lugo), que afecta a 50 hectáreas. Outros focos están estabilizados, como o de Carballeda de Avia e Beade (4.000 hectáreas), varios en Vilardevós, Riós, Montederramo e Oia. Pola súa banda, Maceda (3.500 hectáreas) e Agolada (400 hectáreas) están xa controlados.
Finalmente, o único incendio extinguido é o de Muíños, na parroquia de Requiás, que afectou a 0,4 hectáreas do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. As autoridades e veciños continúan traballando sen descanso para frear unhas lapas que xa deixan tras de si un dos episodios máis graves de incendios forestais en Galicia nas últimas décadas.
CASAIO SEGUE EN ALERTA
A aldea de Casaio, en Carballeda de Valdeorras, continúa en alerta polo lume que entrou en Galicia tras cruzar a fronteira con Zamora o pasado fin de semana. Veciños e voluntarios levan días combatendo o incendio con xornadas “infinitas”, á espera de máis medios. O lume entrou no Teixadal de Casaio, un bosque único con teixos centenarios, e danou parte da súa biodiversidade. Agora a principal preocupación é que cruce o río San Xil e ameace o núcleo poboacional.
Pedro Domínguez, veciño de Casaio e dono do albergue Eco dos Teixos, explica que no Teixadal quedan focos “pequenos e dispersos” que se reavivan con facilidade. Pide máis medios aéreos para evitar que as lapas cheguen preto das casas. O incendio comezou en Porto (Zamora) o xoves e o sábado xa avanzara ata as montañas de Trevinca. Veciños como Domínguez e o guía local Juanjo Lorenzo alertaron da situación a través das redes, e critican que a Xunta non informase publicamente do lume ata o martes, a pesar de coñecelo desde o sábado.
Segundo a Xunta, o incendio afectou a 2.600 hectáreas en Galicia, aínda que Lorenzo eleva a cifra a 4.000. Denuncia que ardeu boa parte do val do río Xares e lamenta que “o mellor que tiñamos en Galicia” se perdera sen reacción suficiente. As brigadas, bulldozers e avións FOCA comezaron a traballar o xoves, logrando que o lume estea “controlado”, pero os danos xa son importantes. Para os veciños, a prioridade segue sendo protexer o Teixadal e evitar que a situación empeore.
O Teixadal, que conserva teixos centenarios e mesmo milenarios, sufriu danos na súa biodiversidade, aínda que as árbores principais non resultaron gravemente afectadas. Domínguez describe como o lume arde “por baixo” e vai queimando o interior das árbores e especies como a Lobaria pulmonaria. Veciños e voluntarios especializados, incluídos membros de Sputnik Labrego, traballan a contrarreloxo en zonas de difícil acceso para apagar focos reavivados e sanear a terra, coa esperanza de que as lapas non crucen o regacho do Penedo, onde está a maior concentración de teixos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.