“O desgaste físico e mental é brutal”: así resisten os bombeiros forestais na vaga histórica de lumes en Galicia

Os seus relatos amosan o esforzo físico e mental extremo, a necesidade de mellores medios e a forza que atopan na veciñanza, capaz de tender a man cando as lapas semellan imparables.

Por Elena G.Fdz | Santiago de Compostela | 22/08/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia vive unha vaga histórica de incendios forestais. Máis de 125.000 hectáreas arderon nas últimas semanas, cunha provincia especialmente castigada: Ourense. Entre as aldeas cercadas polas lapas e os montes arrasados, hai un exército de profesionais e voluntarios que traballan sen descanso para protexer casas, animais e vidas. Son os bombeiros forestais, cuxa voz adoita perderse entre as estatísticas, pero que levan ás costas as xornadas interminables, o cansazo físico e o peso emocional desta catástrofe.

A brigada de Noé
A brigada de Noé | Fonte: Cedida

XORNADAS AO LÍMITE

Estes días estanse facendo moi duros. As xornadas son longas, case sen descanso, e a tensión é constante porque nunca sabes como vai evolucionar un lume”, confesa Noé, bombeiro forestal que leva días encadeando incendios en Chandrexa de Queixa, Rante e Padrenda. O seu relato deixa claro que o lume non só se combate con mangueiras: tamén cunha disciplina férrea e unha mente fría, a pesar do medo e da fatiga.

O desgaste físico e mental é brutal. “Despois de varias xornadas seguidas, o corpo e a mente resenten”, recoñece Noé. O vento cambiante, os accesos complicados e a falta de descanso converten cada día nun reto de supervivencia. Julio, outro bombeiro, describe unha situación semellante: “Un incendio conleva un despregue de moito persoal e de tempo. Intentas chegar a todos os sitios, pero hai momentos nos que non damos máis. O desgaste físico e mental é brutal”.

ENTRE O RISCO E A SOLIDARIEDADE

A dureza do traballo tamén deixa momentos que marcan. “Houbo momentos moi duros, sobre todo cando o lume se achega ás casas e ves á veciñanza angustiada. É imposible non sentir esa tensión. Tamén houbo momentos emotivos: ver a xente darche as grazas, traerche auga ou comida cando levas horas no monte… iso dános forza para seguir”, lembra Noé.

Julio, que estivo nos incendios de Oímbra e Cualedro, tamén pon o acento nesa solidariedade: “O pobo saíu. Nós non dabamos máis, e fixo falta a axuda dos civís en moitas situacións. Todo o mundo nos ofrecía o que tiña: bebida, comida, mesmo unha almofada para descansar un pouco cando estabamos reventados”.

Nunha situación insólita e histórica, como a define, Julio destaca un dato positivo: “Por sorte non temos que lamentar vítimas humanas. Iso quere dicir que a xente estivo axudando aos corpos profesionais e seguiu as indicacións. Para min ese é un balance moi bo”.

@bombeiroforestal En Ramirás, a noite tinguiuse de laranxa… ata que a auga falou máis alto. Non foi sorte, foi coraxe. Hoxe, onde reinaba o lume… só queda silencio... 🚒🌲💚 #bombeirosforestais #incendiosforestais #galizaenchamas ♬ Fyp Pioandreaperi Fpv - Pio Andrea Peri

LOITAR CONTRA O LUME 

O lume non é só un fenómeno natural, é unha ameaza que deixa pegada. “Ver montes arrasados, animais mortos ou casas ameazadas deixa pegada, por moitos anos que leves nisto”, recoñece Noé.

E mentres se enfrontan a esas escenas, os bombeiros teñen que tomar decisións duras en cuestión de segundos. Julio explícase: “Intentas priorizar para salvar o máximo que se poida, pero ás veces as persoas non o entenden. Houbo momentos nos que tivemos que destinar catro recursos no mesmo pobo para poder salvalo, e aí xogámonos moito”.

O cabo Suso, destinado co seu equipo na zona de Verín e A Gudiña, relata tamén esa tensión: “Chegou o aviso de que as lapas rodeaban dúas gasolineiras e tivemos que protexelas. Conseguimos salvalas e tamén un pobo que estaba ao lado, pero foi unha noite moi complicada”.

@bombeiroforestal Cuarta vez no mesmo lume. A noite non nos venceu, o fume non nos fixo recuar. Seguimos, porque aquí, rendirse non é opción #bombeirosforestais ##incendiosforestais #galizaenchamas #orgulloforestal ♬ sonido original - Israel_Varducci

RECURSOS XUSTOS, PREVENCIÓN NECESARIA

Todos coinciden en que a loita contra o lume non se pode gañar só no verán. “Con máis recursos, sobre todo en prevención, moitos destes lumes non chegarían a ser tan grandes. Non é só cuestión de extinción, senón de traballar o monte todo o ano”, insiste Noé.

A precariedade e a falta de estabilidade tamén pesan. “Un traballo tan serio non pode depender de contratos precarios”, engade. O seu chamamento é claro: educación, prevención e responsabilidade compartida.

O AGRADECEMENTO Á VECIÑANZA

Se algo teñen moi presente é o apoio da xente. Julio quere deixar claro que, malia os momentos de tensión, a súa gratitude é inmensa: “Estou agradecidísimo coa sociedade. Agradezo especialmente aos veciños de A Serralleira, San Cristóbal de Medeiros, As Chás, Vilar de Lebres, A Xironda, Gudín e Albarellos”.

Noé tamén subliña esa forza colectiva: “Nós poñemos o corpo, pero a conciencia colectiva é o que realmente pode cambiar as cousas”.

@bombeiroforestal Sexta vez que volvemos… O lume pensa que é a súa casa, pero nós vimos botar o último asalto. Hoxe, aquí, o monte vai lembrar quen manda.🚒💚💚 #bombeirosforestais #incendiosforestais #galizaenchamas ♬ Emotional Cinematic Sad Violin and Piano - ISAo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta