Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/08/2025 | Actualizada ás 14:45
Varios concellos da provincia de Ourense solicitaron ao Goberno central ser declarados "zona catastrófica" tras os incendios das últimas semanas. O último en facelo foi o de Chandrexa de Queixa, que acordou por unanimidade este venres pedir este a a Administración central a declaración, xustificada na afectación do incendio que se orixinou no municipio o 8 de agosto.
Concretamente, 16.000 hectáreas calcinadas repartidas en aldeas como Forcadas, Zamorela, Parafita, Casteligo, Chao, Paradaseca, Vilar, Espasa, Senra e Taboazas, "e que foi escalando ata converterse nunha auténtica emerxencia sen precedentes en Galicia". Lembran que a día de hoxe o foco segue activo, clasificado en Situación 2 polo seu perigo. "Esta catástrofe ambiental é a máis grave que sufriu o municipio na súa historia recente", denuncian.
Detallan que as consecuencias económicas para o sector primario, "clave" para a localidade, son aínda "incalculables", ao que hai que sumar o "colapso dunha vivenda e numerosos peches, que provocou o falecemento de varios animais e a falta de abastecemento para alimentar o gando".
Non foi o único, e é que este pasado luns o Concello de Oímbra solicitaba a mesma petición, adoptada nun pleno que contou coa unanimidade dos asistentes, polo incendio orixinado o día 12 de Agosto na localidade da Granxa. Así, expón a solicitude, poderán facer fronte aos "moitos danos materiais", entre os que se atopan vivendas -- aínda que ningunha habitada --, viñas arrasadas, castiñeiros, colmeas e outros tipos de cultivos.
Tamén, o alcalde de Monterrei, José Luís Suárez, avanzou a Europa Press que o seu concello pedirá esta declaración. A petición realizarase de forma conxunta nunha asemblea con todas as mancomunidades que terá lugar o dous de setembro. Suárez destacou que é un "mero trámite" e o "importante" é que as axudas cheguen "canto antes".
PLENO EXTRAORDINARIO PARA PEDIR EXPLICACIÓNS
O BNG rexistrou unha solicitude para a celebración dun pleno extraordinario no Parlamento de Galicia co obxectivo de esixir ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que dea explicacións e abra un debate público sobre a vaga de incendios que está a arrasar Galicia, especialmente na provincia de Ourense. Así o anunciou o viceportavoz nacionalista, Luís Bará, quen tamén pediu a convocatoria urxente da Deputación Permanente para abordar este asunto nos próximos días.
Bará insistiu en que Rueda debe responder ás preocupacións da sociedade galega sobre a actuación do Goberno autonómico en materia de prevención e extinción dos lumes, así como sobre as súas consecuencias. O BNG considera necesario dirimir responsabilidades políticas pola xestión forestal e do medio rural, denunciando carencias acumuladas nos últimos anos e a falta de cumprimento das recomendacións derivadas dos grandes incendios de 2017.
Nesta liña, a formación nacionalista reclama un plan dotado con 200 millóns de euros para compensar os danos e impulsar a recuperación das zonas afectadas. “Estes incendios deben marcar un antes e un despois”, subliñou Bará, que instou á Xunta a asumir responsabilidade e poñer en marcha medidas á altura da gravidade da situación.
COPAC DI NON A AMPLIAR HORAS DE VOO NA EXTINCIÓN DE INCENDIOS
O Colexio Oficial de Pilotos da Aviación Comercial (COPAC) manifestou o seu “malestar e oposición” á posibilidade de ampliar o número máximo de horas de voo dos pilotos que participan na extinción de incendios, ante a vaga de lumes que afecta España desde comezos de agosto. A reacción prodúcese despois de que o coordinador de Interior e Emerxencias do PP, Antonio Sanz, solicitase ao Goberno elevar de maneira excepcional o límite de 80 horas en 28 días consecutivos, para evitar que numerosas aeronaves queden inoperativas nas próximas semanas.
A pesar de recoñecer a gravidade da situación en moitas zonas, COPAC rexeita que se intenten paliar “carencias e falta de planificación” das administracións, dos operadores e da autoridade aeronáutica a costa de incrementar as horas de voo e, polo tanto, “a exposición ao risco” dos pilotos. Lembra que en 2022 a Axencia Estatal de Seguridade Aérea xa autorizara unha excepción similar, elevando o máximo a 120 horas, medida á que tamén se opuxeran entón e que, denuncian, volve poñerse sobre a mesa dous anos despois.
Para o colexio profesional, resulta “moi preocupante” recorrer a improvisacións que merman a seguridade, en lugar de apostar por solucións efectivas e sostibles. Por iso, instan as autoridades e operadores a comprometerse cunha mellor prevención e planificación, garantindo recursos e marcos normativos axeitados, e a ter en conta a experiencia dos pilotos que loitan na primeira liña contra o lume.
RUEDA SOBRE AS CONCENTRACIÓNS
"Algúns estiveron de vacacións coma se non houbese incendios". Así respondeu este venres, en declaracións a medios, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, en relación á presenza de dirixentes da oposición nas concentracións convocadas este xoves en 17 municipios de Galicia contra a "política forestal do PP".
En declaracións aos medios, sinalou que el "respecta sempre todas as concentracións" así como aos que participan nas mesmas, e lembrou que "estiveron de representantes políticos" porque "entenderon que o primeiro día que merecía romper as súas vacacións era onte" e non antes. "Alá cada un, eu creo que a xente xulga os comportamentos de todos", engadiu Alfonso Rueda.
MILES DE PARTICIPANTES
No conxunto de Galicia, miles de persoas secundaron as concentracións convocadas pola Plataforma 'Por un Monte Galego con Futuro' para reclamar un "monte libre de incendios" e pedir a "dimisión" do presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Concentracións nas que participaron, tamén, representantes políticos doutros partidos, entre eles, en Ourense, Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, ou, en Vigo, Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social; ou o alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, entre outros.
RUEDA PIDE QUE A UME SE MANTEÑA UNS DÍAS MÁIS
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou este venres que a loita contra os incendios en Ourense “segue evolucionando de maneira positiva”, aínda que advertiu da necesidade de manter a atención ante a previsión de temperaturas máis altas durante o fin de semana. Nunha visita a unha adega da DO Monterrei, destacou que a mellora das condicións meteorolóxicas e a posible chegada de choivas axudan, pero insistiu en que non se pode “baixar a garda” mentres sigan activos varios focos.
Rueda pediu ao Goberno central que manteña uns días máis os efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), pese ao plan de desescalada xa en marcha, para garantir que a boa evolución non se vexa comprometida e poder reaccionar se a situación empeora. Tamén reclamou reforzos de medios para tarefas de recuperación e limpeza das zonas afectadas, ante a demanda dos concellos, e avanzou que a Xunta está avaliando os danos para lanzar axudas a partir da próxima semana.
En canto ao nivel de emerxencia, o presidente galego defendeu manter o nivel 2, asegurando que permite unha dirección máis eficaz por parte dos que coñecen o terreo e que o nivel 3 non suporía un incremento de medios. Rueda reiterou que a prioridade é manter a seguridade e axudar aos veciños afectados, ao tempo que pediu prudencia e colaboración cidadá para evitar novos riscos mentres continúan os traballos de extinción e recuperación.
REPROCHES DO PP AO BNG
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reprochou ao BNG "promover, apoiar e impulsar manifestacións mentres o país segue ardendo". De igual forma, dirixiu as súas críticas á vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, por "participar na protesta e lanzar bulos".
Estas declaracións prodúcense tras as concentracións convocadas este xoves pola plataforma 'Por un Monte Galego con Futuro', convocadas en contra da "política forestal do PP" en 17 municipios de toda Galicia. A deputada popular asegura, nun audio remitido aos medios, que tanto o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como o PPdeG, procuraron "evitar calquera tipo de enfrontamento político".
"Eu mesma pedín responsabilidade e unidade porque todos os cargos do PPdeG estiveron --e seguen estando ao servizo da emerxencia, colaborando onde fixese falta, convencidos de que este era o momento de remar todos xuntos", asegurou.
PRESIDENTES AUTONÓMICOS E RENDICIÓN DE CONTAS
A secretaria de Economía e portavoz adxunta da Comisión Executiva Federal do PSOE, Enma López, avisou este venres de que "haberá un momento" no que os presidentes autonómicos terán que render contas de "que fixo cada un" ante os incendios que arrasaron varias provincias e insistiu no que o Goberno central puxo "todos os medios posibles" a disposición das autonomías.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.