A oposición critica as medidas anticorrupción da Xunta: "Deixen de vender fume"

Os grupos da oposición afean a falta de definición das propostas anunciadas e instan o Goberno galego a asumir as recomendacións de Contas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2020 | Actualizada ás 15:47

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia porá en marcha nos próximos meses unha canle específica de denuncia para comunicar situacións de risco da integridade institucional, unha ferramenta que contemplará medidas para garantir a confidencialidade dos denunciantes.

Así o anunciou este mércores a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, durante a súa comparecencia na Comisión Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento galego, na que explicou que esta canle se incluirá nun "programa marco de integridade e prevención de riscos".

Segundo detallou a directora xeral, este programa configurarase con base en dous eixos fundamentais que pasarán pola posta en marcha de medidas de reforzo da integridade institucional, así como accións relativas á prevención de riscos.

Natalia Prieto precisou que a canle para comunicar situacións relacionadas coa integridade institucional incluirase no primeiro destes bloques. Ademais, lembrou que "na Xunta xa existe un protocolo destas características no ámbito da prevención de riscos laborais, o de detección de situacións de acoso laboral" que buscarán estender "a situacións específicas nesta materia".

"Trátase de reforzar os mecanismos e avanzar na implantación dunha canle específica e concreta para que se comunique a comisión de calquera irregularidade da que se poida ter coñecemento, o procedemento para a súa investigación e as consecuencias dos posibles incumprimentos que se poidan detectar", indicou.

Así mesmo, avanzou que se "actualizará o código ético institucional da Xunta" para "reforzar" os principios de integridade institucional e prevención de riscos. "Estableceremos parámetros para a súa avaliación e cumprimento, e incrementarase e fomentarase a súa difusión e coñecemento por parte dos empregados públicos e dos axentes externos cos que a Xunta se relaciona día a día", apuntou.

Ademais, detallou que se elaborarán "protocolos específicos" que se centrarán en "ámbitos especialmente sensibles" como a contratación, a concesión de axudas, a xestión de persoal e os urbanismos. A iso sumarase a posta en marcha dun "comité de ética específico" que dea resposta a "posibles dilemas ou conflitos éticos que poidan ter os empregados públicos e os altos cargos".

REXISTRO DE GRUPOS DE INTERESE

Na súa comparecencia, sinalou que o Goberno galego tamén creará un rexistro dos grupos de interese e regulará o seu funcionamento nas relacións que teñan cos representantes da Administración autonómica.

A todo iso, conforme apuntou, sumarase a elaboración, en colaboración co Consello de Contas, de plans de prevención de riscos da corrupción en cada unha das consellerías e entidades intrumentales, así como mecanismos de supervisión como unha comisión interdepartamental que controle a implantación destas medidas. Tamén se reforzarán os plans formativos para os empregados públicos e altos cargos.

"En definitiva, do que se trata é de dotar Galicia dun marco consolidado de integridade institucional que reforce non só todas as medidas de control interno que xa levan anos funcionando en Galicia, senón tamén de melloralos, fortalecelos e incorporar outros novos mecanismos para consolidar a galega como unha administración pública moderna, íntegra e transparente", finalizou.

A OPOSICIÓN CRITICA A FALTA DE MEDIDAS CORRECTORAS

En fronte, todos os grupos da oposición coincidiron ao criticar a "falta de medidas correctoras" da corrupción por parte da Xunta na última lexislatura.

Así, en primeiro lugar, a deputada socialista Teresa Porrit avisou da "excesiva compracencia" do Goberno galego con respecto ás "en realidade escasas medidas correctoras" contra a corrupción levadas a cabo.

Porrit cualificou de "demoledor" o informe presentado polo Consello de Contas o pasado mes de decembro precisamente sobre "os sistemas de control internos e a estratexia de prevención de riscos da corrupción na Xunta". "Este documento sácalle as cores ao Goberno galego ao evidenciar as medidas absolutamente insuficientes nesta materia", asegurou.

Pola súa banda, a parlamentaria do Grupo Común da Esquerda Carmen Santos acusou os representantes da Xunta de acudir á Cámara a tratar de "vender titulares" e "facer propaganda" de que "se están facendo cousas" mentres que a "realidade" é que "non están a funcionar".

"A loita contra a corrupción naufragou", asegurou a deputada, que criticou tamén que, en anteriores ocasións, o PP votase en contra de medidas que agora anuncia como a regulación dos grupos de interese. "Dános a impresión de que o Goberno galego non está a facer os deberes e vén aquí a facer propaganda", indicou.

"PURA INDEFINICIÓN"

Na comisión, o deputado nacionalista Luís Bará considerou que as medidas presentadas pola directora xeral son "pura indefinición, propaganda e xeneralidades". "Non deu ningún prazo nin puxo ningún obxectivo para levar a cabo estas medidas", censurou. Nesta liña, emprazou a Xunta a ter en conta todas as recomendacións do Consello de Contas. "Póñanse as pilas e recoñezan que estiveron catro anos de barbeito sen facer os deberes", manifestou.

Pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, emprazou a Xunta a "deixar de vender fume". "Non hai ningunha proposta encima da mesa", criticou o maxistrado en excedencia, que se preguntou "que fixo" o departamento autonómico "no último mes".

Tras iso, asegurou que o informe de Contas introduce "propostas de calado", algunhas das cales "xa debatidas" na Cámara galega e rexeitadas polo PP. "Parécenos que esta comparecencia carece de contido", indicou para instar a Xunta a asumir na súa totalidade as recomendacións que formula este organismo

POSTURA DO PPDEG

Pola súa banda, a deputada do PPdeG Paula Prado referiuse ao feito de que Natalia Prieto sexa a "directora xeral que máis comparece nesta comisión" para asegurar que iso é "un síntoma de que o Goberno galego non ten medo á transparencia" e informa asiduamente as medidas.

Prado afeou aos grupos da oposición que traten de dar "leccións de transparencia". "Se queren achegar algo sexan construtivos e lean os informes como os teñen que ler e non traten de manipular", recomendoulles. Todo iso nunha intervención na que se referiu a os acordos alcanzados por Podemos e o BNG para apoiar a investidura, nos que "non se inclúe nin unha soa medida contra a corrupción".

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, comparece na Comisión Instituconal do Parlamento de Galicia. XUNTA
A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, comparece na Comisión Instituconal do Parlamento de Galicia. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta