O PPdeG denuncia a "tripla traizón" de Sánchez a Galicia co IVE, o AVE e o estatuto electrointensivo

Tellado subliña que Galicia esgotará "todas as vías" para cobrar o seu e pide ao ministro Ábalos que "cumpra a súa propia palabra" co AVE.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2020 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, denunciou este venres que o Goberno central, con Pedro Sánchez á fronte, acometeu "na súa segunda semana" unha "tripla traizón a Galicia" ao afirmar que non pagará os 200 millóns pola mensualidade do IVE de 2017, ao non aprobar o estatuto para as electrointensivas e coa "confesión accidental" da ministra de Exteriores, Arancha González Laya, despois matizada, de que o AVE a Galicia non estará operativo ata 2022.

En rolda de prensa, na mesma liña que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, o secretario xeral dos populares galegos advertiu que, se non hai "unha rectificación inmediata", o Executivo autonómico "esgotará todas as vías" --incluída a xudicial, posto que a política parece "esgotada"-- para "defender os intereses de Galicia" e recuperar os 200 millóns "sisados" polo Goberno central.

O dirixente popular lembrou que a Xunta xa advertiu en 2018 de que a Galicia "lle ían quitar 200 millóns" e incidiu en que, en agosto dese exercicio, a ministra de Facenda, María Jesús Montero, "comprometeuse a solucionalo", pero non sucedeu así. "É inaceptable que o Goberno do PSOE se apropie do diñeiro dos galegos e esiximos unha rectificación inmediata", esgrimiu.

Ao tempo, sinalou que esta non é "a primeira tomadura de pelo" do Executivo central, que tamén "provocou tensións innecesarias" nas contas da comunidade coas entregas a conta, que non transferiu ata finais de decembro. "As débedas non prescriben, aumentan con intereses de demora; e se o Goberno debe 200 millóns a Galicia, non podemos aceptar escusas de mal pagador", remarcou.

Engadiu que o que ten que facer o Executivo estatal é "pagar", igual que "calquera cidadán", antes de subliñar que Galicia é "unha comunidade cumpridora e leal co Estado", polo que "o mínimo é esixir" que se trate á Comunidade "coa mesma lealdade".

"E que se nos dea o que é noso", esixiu, á vez que criticou o "servilismo" dun líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, "axeonllado" ante Sánchez; e tamén o papel das "mareas de Podemos", cuxos dirixentes "finxen estar indignados coma se non tivesen nada que ver nin que dicir" no Goberno, así como do BNG, ao que atribuíu unha actitude "hipócrita".

"O BNG esqueceuse desa mensualidade do IVE no papeliño que asinaron e agora, dúas semanas despois de apoiar a Sánchez na investidura, din que hai que levar ao seu socio aos tribunais porque non é de fiar", esgrimiu, antes de engadir: "O tempo pasa, pero o esperpento da esquerda é o mesmo".

"BOTAR DE ESPAÑA" A ALCOA

A "segunda traizón" á que aludiu Tellado é a que aínda non se aprobase o estatuto das electrointensivas. "Hai 5.000 empregos en xogo e vemos a un goberno ausente sen ningunha intención de encarar os problemas que sofren os traballadores da industria galega", advertiu.

O feito, constatou, é que o Goberno central é "incapaz" de aprobar unha normativa que garanta un prezo competitivo da enerxía ás electrointensivas, a pesar de que a "ministra pontevedresa" de Traballo, en alusión á ferrolá Yolanda Díaz, que concorreu na lista de Galicia en Común ao Congreso por Pontevedra, fala de que estará "nuns días", e a titular de Industria, Reyes Maroto, pide "tempo e calma".

"O tempo está esgotado para garantir o futuro de Alcoa", advertiu Tellado, antes de incidir en que a tardanza e compromisos "imcumpridos" previamente en relación a este estatuto poñen en risco a viabilidade da factoría de Alcoa en San Cibrao, en Cervo. "Corremos o risco de que Alcoa marche porque o Goberno de Sánchez a bota de España. O Goberno ten que gobernar", advertiu.

QUE ÁBALOS "CUMPRA A SÚA PALABRA"

En terceiro lugar, Tellado aludiu ao atraso do AVE e ironizou co "arrebato de sinceridade" da ministra de Exteriores ao fixar a data en 2022, na liña do publicado por Bruxelas, aínda que despois o Goberno matizou esta información. Ao seu modo de ver, a ministra "pagou a novatada".

"Mágoa que para unha vez que di a verdade un membro do Goberno de Sánchez tivese que rectificar en horas", esgrimiu, antes de advertir que o único que lle pide o PPdeG ao ministro de Fomento, José Luís Ábalos, que estará en Galicia nas próximas horas, é que "cumpra a súa propia palabra, o que comprometeu o Goberno de Mariano Rajoy e despois asumiu o seu Executivo e o propio ministro".

"E xa chega tarde", engadiu, en alusión a que o prazo de finalización dado para a alta velocidade galega era finais de 2019. "Aínda que Ábalos sabe máis de avións que de trens, polo que puidemos ver nas últimas horas", ironizou, en referencia á polémica polo encontro no aeroporto de Barajas do ministro coa vicepresidenta do Goberno de Maduro, Delcy Rodríguez.

"QUE GOBERNE"

Tellado concluíu que esta "tripla traizón", os "tres golpes na súa segunda semana", evidencian que "este non é o Goberno central que Galicia merece e necesita". "O Goberno que empece a gobernar e, en función das medidas, irémolas valorando unha a unha", dixo Tellado, preguntado sobre outras medidas como o incremento das pensións e do salario mínimo interprofesional (SMI).

"Fálase aprobando no Consello de Ministros e publicando no Boletín Oficial do Estado; cando tome medidas e non só faga anuncios, valorarémolas na súa xusta medida", resolveu.

Miguel Tellado, en rolda de prensa na sede do PPdeG. PPDEG
Miguel Tellado, en rolda de prensa na sede do PPdeG. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta