Rodríguez Miranda: “ Non é o mesmo falar de galegos no exterior que de emigrantes e cada ano temos menos"

O secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, fala de saldo positivo para Galicia en canto migracións, aumentando o número de chegadas que de saídas. Defende a vocación universal da Estratexia 2020, para axudar a persoas retornadas, baixo o concepto de "ser atractivos" para a descendencia de galegos e así se instalen no país. Miranda non oculta a incerteza que existe arredor do Brexit e as consecuencias para a comunidade galega que vive no Reino Unido.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 15/02/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Cales son as valoracións da Secretaría Xeral de Emigración sobre os fluxos actuais de migracións?
Sobre ese tema direi que traballamos cuns datos e unhas estatísticas que non son nosos. A nosa fonte de referencia é o INE. O que si podemos observar é que eses datos foron cambiando cara a mellor sobre ditos fluxos migratorios durante os últimos anos. Conseguimos reverter eses saldos negativos que foron máis acentuados durante a crise. Non ten nada que ver coa situación migratoria de hai décadas. Por tanto vemos que se están afianzando os bos resultados destes últimos anos, tanto de entrada de persoas con nacionalidade española como tamén doutros países. Aí quero apuntar o efecto “arrastre" que atrae persoas sen orixe galega ou española sequera. Por exemplo, dentro das familias non todos teñen a nacionalidade española ou non son descendentes de españois, por tanto galegos. Un dos cónxuxes non é español ou tamén, moitas veces, houbo varios fillos que tampouco o son, por seren fillos doutros matrimonios no tempo. Tamén se dá o caso doutros tipos de familias. Por que? Porque se produce un efecto de arrastre de persoas inmigrantes, o mesmo que ocorría nos anos 30 ou 40 cando marchaban galegos e galegas para  outros países. Ían para un determinado lugar os veciños dunha bisbarra concreta. Iso vémolo nós agora coas persoas procedentes doutros países.

Antonio Rodríguez Miranda
Antonio Rodríguez Miranda

-Cales son os grandes puntos da Estratexia 20-20?
A Estratexia 2020 pretende ser un mecanismo de traballo que debe ser en conxunto con todo o goberno galego, aínda que a Secretaría Xeral de Emigración, digamos que é a parte máis visible. O que se pretende é facilitar a chegada dos nosos retornados cun acompañamento permanente, por tanto que dean o paso para integrarse. Iso non se pode facer desde un só departamento. Nós queremos traballar e apoiar o retorno de familias no seu conxunto, porque entendemos que cando saíron de Galicia, saíron familias, por tanto non podemos actuar como se fosen só perfís individuais. Desta maneira entendemos que os grupos familiares teñen diferentes necesidades, atención aos pais e nais e outra serie de puntos como educación para os fillos. Por tanto, para levar adiante todo isto, necesitamos o apoio dos diferentes departamentos do goberno galego. Definimos as necesidades dentro do marco que construímos entre todos os departamentos. Por tanto, cada un deses departamentos, que pode aportar para que a incorporación dun retornado sexa máis doada? A incorporación laboral, por exemplo, como traballador por conta allea, apoiando as empresas para a contratación de traballadores retornados de diversa cualificación. Tamén, como se pode apoiar a esas persoas que teñan iniciativa emprededora.

Os datos sobre os fluxos migratorios durante os últimos anos foron cambiando a mellor

-Existen investimentos máis importantes nalgunhas áreas como educación ou rural?
Existen incentivos en todos os departamentos. As diferentes medidas que se poñen en marcha tratan de enfocar a poboación menor de 45 anos. Ese é un dos nosos obxectivos, incrementar o número de retornados menores de 45 anos, por suposto non desbotando os demais, só incidindo nese segmento, e tratando de fortalecer o establecemento no rural. No caso dunha medida, por exemplo, nós temos a medida do Retorno Emprendedor como unha das nosas liñas. Por tanto, se unha persoa retorna cunha iniciativa empresarial, nós dámoslle unha axuda de 5.000 euros, mais se quere levar adiante esa iniciativa no rural serían 2.000 euros máis, para favorecer a súa instalación. E se é unha muller emprendedora, recibirá 1.000 euros máis, para favorecer a empregabilidade das mulleres. Con iso que conseguimos? Esta medida finalmente acaba conseguindo que o 60% das axudas van para persoas que se instalan no rural.

-Están incidindo máis estas políticas en persoas procedentes de Latinoamérica que en Europa?
Non, na nosa estratexia non temos un enfoque exlcusivo de cara a Latinoamérica, é un enfoque universal. Non sei por que pode parecer o contrario.

-Existen comunidades por exemplo, en Venezuela, que veñan con algún tipo de incentivo especial?
Hai un grupo de países desde onde vén un número importante de retornados, un deles é Venezuela. O ano pasado, de 7.000 retornados, 2.000 viñan dese país en concreto, e dada a situación do país é doado de entender por que. Evidentemente, a pesar da situación do país, nós temos que ter capacidade de atracción. Unha persoa que sae de Caracas, o que lle tira é vivir en Madrid ou Barcelona, porque son cidades equivalentes. Por tanto, se nós conseguimos atraer xente é porque, primeiro, teñen vínculos familiares, segundo, xunto a eses vínculos terán un acompañamento que lles permitirá asentarse de maneira máis fácil que se o fan en Madrid. Aquí co acompañamento, saben que os seus fillos se incoporarán rapidamente a unha escola, terán cobertura sanitaria rápida, porque os acompañaremos ás oficinas de emprego ou de retorno para coñecer as súas dificultades. Así, hai unha diferenza entre un lugar que pode ser hostil a outro onde teño un acompañamento. Mais non temos diferenzas dentro a Estratexia 2020 segundo o lugar de procedencia. É unha estratexia universal. Temos apoios para xente menor de 40 anos, empresarios, como un mozo en Sanxenxo que se adica a facer rutas turísticas especializadas no Camiño de Santiago, un rapaz que vén de Alemaña, tamén hai persoas que apoiamos e que volveron de Emiratos Árabes. En total viñeron persoas desde 22 países. Doutra parte, un dos países que máis retornados ten é Arxentina, outro que está destacando é Brasil e de Europa están os retornados desde Suíza, Alemaña e Reino Unido.

-Sobre o Reino Unido, teñen algún plan para os galegos e galegas que viven alí logo do Brexit?
Aí temos que traballar conxuntamente coa Unión Europea. Dentro do goberno galego hai unha comisión creada polos distintos departamentos e onde nós estamos, e que colabora co Ministerio de Asuntos Exteriores, que é quen leva as relacións coa UE. Buscamos que a saída non teña efectos negativos para esa xente que vive alí. Evidentemente existe preocupación porque o teu estatus vai cambiar, porque vas pasar a vivir nun país de fóra da UE. Neste momento non podemos concretar os efectos do Brexit, mais a UE está traballando en positivo para que non sexan repentinos os cambios que se produzan.

Non temos diferenzas dentro a Estratexia 20-20 segundo o lugar de procedencia, é unha estratexia universal

-Vostede sería partidario de representacións institucionais da Xunta no exterior?
Galicia ten dúas sedes abertas desde hai anos en Arxentina e Uruguay. En Arxentina hai 166.000 galegos. Para facilitar o contacto con esa colectividade, os diferentes gobernos que pasaron pola Xunta estimaron que isto era necesaria unha representación. No resto de países onde hai importantes comunidades galegas, non temos representacións institucionais, mais si temos sedes galegas. Aquí si que distinguiría entre os que viven en Latinoamérica e en Europa. As realidades son diferentes. Europa ten un nivel de vida elevado. Así, os centros galegos en Europa, cos que nós colaboramos de maneira puntual desde toda a historia autonómica, axudándolles con actividades, mantendo contacto con eles e axudándolles para que teñan locais o máis dignos posible. Nós non somos os únicos mantedores desas institucións. A administración busca que sexan viables economicamente e a administración está aí para dar un reforzo ou actuar de maneira extraordinaria para situacións extraordinarias. Con Europa é unha relación máis cultural dentro do ámbito en que eles traballan, tamén algunhas fan tarefas de traballo social que a nós nos serven de apoio. Por exemplo, temos un programa de axudas puntuais a galegos de primeira e segunda xeración. Para persoas maiores, doenzas, medicamentos e que non teñan recursos ou medios, por tanto receben unha axuda económica unha vez ao ano. En total, en todo o mundo, 8.000 persoas, a maior proporción en Cuba, Arxentina, Uruguay e Brasil. En Europa estas axudas non son necesarias. Mais para tramitar estas situacións, debemos ter expedientes para coñecer esa necesidade, por iso temos delegacións. Onde non as hai si existen esas sedes oficiais.

Neste momento non podemos concretar os efectos do Brexit

-Existe unha alta taxa de envellecemento dos galegos no exterior?
Se pensamos en 500.000 galegos fóra de Galicia, esa poboación non está envellecida, ten unhas taxas semellantes ás de aquí. Hai moitas persoas que naceron xa no país de residencia. Os que son propiamente emigrantes, son o 20% do total. Se só temos en conta a poboación de emigrantes a América Latina, entón si presenta un índice de avellentamento máis alto que a emigración a Europa. Non é o mesmo falar de galegos no exterior que de emigrantes. Cada ano que pasa temos menos emigrantes no exterior, nos últimos anos o número debeu baixar entre 10.000 e 12.000 persoas. Pola contra, o número de galegos no exterior aumenta cada ano por inscribirse como españois os descendentes de emigrantes, fillos ou netos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 anonimo

Este é un "conseguidor". Conseguidor de mover vontades cara o PP, e conseguidor de votos de mortos. É unha pantasma, en tódolos sensos.

2 bendita hemeroteca

non o levaba o Baltasar pai de paseo no coche e despois pasaba o desprazamento a conta dos galegos polo parlamentiño de dietas galego???? si é coma digo enton soamente pode ser un cinico a altura do presidente FRIJOLES

1 Marcial Dordo

A drogha, como a ignorancia, é moi mala!!! Dise cada cousa!!!