A empresa cuxa nave quedou calcinada en Narón espera retomar axiña a actividade

Aposta por superar canto antes "esta dura e terrible experiencia" e buscar fórmulas para retomar a produción con todas as garantías.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2020 | Actualizada ás 11:06

Comparte esta noticia

Os responsables das empresas Paydes, cuxas instalacións foron arrasadas por un incendio o pasado xoves no polígono industrial de Río do Pozo, en Narón, aseguraron que esperan retomar a súa actividade "no menor tempo posible".

A través dun comunicado, aseguran que na planta dedicada á elaboracion de bolsas de papel, caixas de cartón e reciclado de plásticos, acababan de realizar un importante investimento para implantar unha nova liña de fabricación de bolsas de papel, coa que ía crecer a produción ata os 500 millóns de unidades ao ano.

Tamén inciden en que coa nova tecnoloxía, "xa instalada recentemente e en funcionamento, abríanse novas liñas de negocio e novos mercados, en plena sintonía cos cambios na lexislación ambiental e en resposta ás demandas de produtos sustentables".

MERCADO

A firma asentada en Ferrolterra, segundo destacan os seus propietarios, "situaríase entre os grandes fabricantes españois do sector por capacidade, por tamaño e pola innovación aplicada á elaboración de bolsas de papel".

Tras o sinistro, os responsables da empresa, que dispuña de certificados ambientais relevantes para auditar a calidade do packaging sustentable, centran agora a súa máxima prioridade "en buscar explicacións ao sucedido, esclarecer a causa do incendio que destruíu completamente a nave e abrir vías de comunicación clarificadoras cos traballadores e cos provedores, e cumprir con clientes cos que teñen importantes compromisos de entrega contraídos", concretaron.

Para iso, estableceron un calendario de reunións e "manteñen intensas xestións para abordar as decisións máis urxentes e normalizar no posible a situación excepcional á que se enfrontan", abundaron.

AGRADECEMENTO

Nas súas primeiras declaracións, a través dun comunicado, os responsables de Papeles y Desarrollos S.L., mostran o seu agradecemento aos bombeiros e a todos os efectivos de emerxencias, Protección Civil, voluntarios e corpos de seguridade que participaron nos labores de extinción e de control nas inmediacións do sinistro, "sobre todo pola súa eficacia e profesionalidade", en palabras do responsable da empresa, Javier González.

Así mesmo, tamén fixo extensivo este agradecemento aos organismos e representantes públicos e sociais que mostraron o seu apoio ante a destrución da fábrica e as súas consecuencias.

Nesta mesma liña, manifestou a determinación empresarial para superar canto antes "esta dura e terrible experiencia", e buscar fórmulas para poder renovar a produción "no menor tempo posible" e con todas a garantía.

Incendio dunha nave industrial no polígono de Río Pozo, en Narón (A Coruña).. SPEIS NARÓN - Arquivo
Incendio dunha nave industrial no polígono de Río Pozo, en Narón (A Coruña).. SPEIS NARÓN - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta