Por E.P. | A CORUÑA | 27/01/2020 | Actualizada ás 13:37
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, confirmou que por parte da embaixada española e o consulado en Filipinas están a levarse a cabo as actuacións pertinentes para coñecer "a causa real" da morte de Diego Bello, o mozo coruñés que faleceu nunha operación antidroga da policía dese país o pasado 8 de xaneiro.
A preguntas dos xornalistas, admitiu, tras a chegada do corpo o sábado a Madrid, que os trámites para a repatriación foron "moi confusos" e precisou que a familia está pendente agora de que se conclúa a autopsia encargada por un xuíz da Audiencia Nacional, tras a denuncia presentada pola familia.
Desta autopsia, dixo que se busca "unha segunda opinión" respecto da realizada con anterioridade en Filipinas con supervisión da Comisión de Dereitos Humanos dese país. "Imaxino que o xuíz que leva o caso porá en mans da familia o corpo e xa farán eles o traslado", expuxo sobre os pasos seguintes para que o corpo de Diego Bello chegue ata a cidade herculina.
Por outra banda, explicou que agora será o tribunal competente o que "marque toda a investigación que se poida realizar desde España". Ademais, ratificou que, a través da embaixada española e do consulado en Filipinas, se puxeron en marcha "comisións". "De interior, de xustiza...", citou, segundo explicou, en aras de aclarar os feitos.
A iso, sumou a que fai a Comisión de Dereitos Humanos de Filipinas "para atopar a causa exacta e real do falecemento de Diego", insistiu nunhas declaracións ofrecidas aos medios de comunicación coincidindo coa súa presenza nunha concentración de condena do último crime machista, o da Pastoriza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.