Baiuca: "Quero actualizar a música galega e que se coñeza en todo o mundo"

Falamos con este artista galego para saber as orixes do seu proxecto innovador. "Hai que levar máis a nosa tradición ao presente e conectala", sinala sobre a música tradicional galega. "Fáltanos crer máis nas cousas e dicir: "veña, o que temos aquí é algo moi grande". Sen medo a que ninguén nos pare os pés".

Por Raúl Novoa | Santiago de Compostela | 12/02/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Hai puntos en común entre un aturuxo e un Djset de electrónica? Ese é o obxectivo que se propuxo Baiuca fai anos. Combinar dous estilos tan desfasados -temporalmente falando- foi o que fixo Alejandro Guillán. O de Catoira, comezou porque "a electrónica e a músca galega estiveron sempre na miña vida e quería probar a súa mestura"

Baiuca durante un concerto. Recuperada de 'Megow'
Baiuca durante un concerto. Recuperada de 'Megow'

O nome de Baiuca "é polas raíces galegas do concepto", esencia que leva alá onde vai. Tras finalizar os seus estudos en educación musical foi a Madrid, onde a morriña que sentiu inspiroulle para crear música coa base das súas raíces. Agora, ten a súa primeira xira en México e está a piques de presentar o seu novo disco. 

Alejandro Guillán, quen capitanea o proxecto musical de Baiuca.
Alejandro Guillán, quen capitanea o proxecto musical de Baiuca.

Galicia Confidencial: Antes de adicarte exclusivamente á música estiveches traballando nunha tenda de roupa. Isto inflúe na túa música dalgún xeito?

Baiuca: Sí, foi cando me mudei a Madrid e coincidiu coa época coa que comecei o proxecto de Baiuca como tal. Mudeime porque quería cambiar un pouco de aires despois de rematar os meus estudos. Non me podía permitir vivir da música e como tiña moitos amigos en Madrid fun para alí. En España non se pode vivir da música partindo de cero. Tiven que compaxinar o traballo coas composicións.

G.C: Fai pouco tocaches en Milán e en Florencia, así como en París, Londres e por diversas cidades do vello continente. Como acollen fóra esta música?

Baiuca: A verdade moi ben. A xente sempre busca esa conexión que pode existir coa cultura de seu. Xusto en Italia, foramos a Bari e dixérannos que vían moitas similitudes coa música tradicional italiana. Ademais, penso que cada vez a xente está con máis ganas de escoitar música nova. Que chegue alguén de Galicia a tocar a Milán, recibiuse con vontade de coñecer novos sons.

G.C: É obxectivo teu divulgar a música galega nun ámbito internacional?

Baiuca: Sí. Sempre digo que o meu discurso baséase en facer música para todo o mundo e para que a xente coñeza de onde son, de onde veño e que hai en Galicia. Mostrar o que é Galicia pasado polas miñas mans.

G.C: Hai referentes de ‘folktrónica’?

Baiuca: Sí. En España a verdade non moito. En Galicia o máis parecido pode ser o Proxecto Trépia, que é de Pontevedra, do que está detrás Xandre Outeiro. Eu cando vin que podía facer unha mestura da música galega foi ollando cara a Latinoamérica. Nicola Cruz, por exemplo. É certo que está o mar Atlántico de por medio e que hai outros instrumentos, pero ver como os instrumentos orgánicos e percusivos se combinan para mesturalos coa electrónica foi algo referencial para min no campo.

G.C: Tes un concerto en Santiago en Marzo, vendo que a túa obra sempre ten ese compoñente de morriña, prefires tocar na túa terra ou fóra?

Baiuca: Depende un pouco do día. Gústame moito tocar en lugares diferentes, é dicir, sexa un museo, unha sala, un festival ou nunha festa de pobo. Neste sentido, non quero atarme a ningún nicho concreto. Ir a Londres ou París sempre é algo estimulante, porque son primeiras veces, mais hai sitios moi especiais, coma Madrid, onde sempre que toco veñen moitos galegos e acaba sendo algo moi emocionante. Un lugar onde si que me encanta tocar e onde me sinto coma na casa é en Santiago. Vivín 5 anos en Compostela e tiña moitas ganas de facer un concerto na sala Capitol. Fai mes e medio colgamos o sold out, polo que ten pinta que será unha cita para rememorar.

G.C: Como te pos 'mans a obra' para compor cada canción?

Baiuca: Cada tema é distinto. Gústame partir de puntos diferentes. Hai días que me focalizo máis na melodía ou na letra, outros, no ritmo porque hai un pandeiro que me gusta. Non teño método determinado. Isto axuda a que non todas as cancións sexan cortadas polo mesmo patrón e que pareza que teño unha fábrica de churros. Busco unha personalidade diferente dentro de cada tema, para aportar unha diversidade xeral. Penso que se nota cando un artista traballa sempre da mesma maneira, xa que a súa obra queda moi similar.

G.C: Tes falado de que as cancións son momentos da vida e que “buscas cores” nelas. 

Baiuca: Sí que é certo que intento compoñer sempre pensando en Galicia. Por exemplo, nunha viaxe que fixen -vivindo en Madrid- a Galicia fun ao Monte da Curota. Alí, con toda a ría de Arousa diante miña viume a inspiración para facer "Solpor". Doulle importancia a todos os sentidos e percepcións que pasan pola miña cabeza. Non é algo obxectivo.

G.C: No modelo de música actual, esta parece ter que ir ligada a imaxe. Daslle un peso importante a ela nas cancións, pero sobre todo nos directos. Ademais, sempre dun xeito pouco convencional. Como traballades a imaxe en Baiuca?

Baiuca: Adrián ten moitas ideas similares ás miñas, pero ligadas ao vídeo. Coñézoo desde hai moito e traballar con un amigo sempre é máis doado. Nos vídeos hai un compoñente máis experimental e gústanos presentar algo diferente. Non son vídeos nos que nós saiamos nalgunha historia concreta, é algo máis sensitivo. Desta maneira, podemos facer música "despersonalizada" no sentido de que o proxecto ten moito máis peso que o artista en si.

G.C: Tes un público moi amplio, pero hai un claro compoñente millennial. Cres que se está a perder a tradición da música galega entre os máis novos?

Baiuca: Sí. Decátome polas palabras que recibo. Estando en Galicia achegouseme xente nova dicindo que, de non ser por Baiuca, nunca se verían escoitando música tradicional. Está ben a nivel persoal, pero noto que se perde o interese pola nosa tradición. 

Aínda así, a min persoalmente hai proxectos de música tradicional que non me gustan e seguro que sucede igual coa xuventude. Hai que levar máis a nosa tradición ao presente e conectala.

 

Hai que levar máis a nosa tradición ao presente e conectala.

G.C: Que significaría perder a esencia ou a cultura galega?

Baiuca: Temos moita forza como pobo. Cando saes de Galicia valoras a gran riqueza cultural que temos. Deberíamos deternos a pensar sobre as graves consecuencias que pode ter perder o noso.

G.C: Ao irte a Madrid dis que sentiches a morriña. Cres que siguen en Galiza os 'autprexuízos' de inferioridade?

Baiuca: Si que pasa iso. Os galegos estamos moi ben valorados fóra de Galicia, aínda que sempre estean os tópicos de "galleguiño". Eu sentinme sempre moi apreciado pola miña orixe. Sobre todo no ámbito do traballo, que ás veces semellamos unha especie superior ou algo así (risas).

Fáltanos crer máis nas cousas e dicir "hostia pois veña, o que temos aquí é algo moi grande". Sen medo a que ninguén nos pare os pés. Hai referentes en moitos ámbitos. Mesmamente, fai un par de semanas, os premios recibidos ao filme de Óliver Laxe outórganos forza.

G.C: Non só misturas dous estilos, senón que tamén con outros artistas, coma Carlangas, Nita ou Blanco palamera. Buscas ligalos coas raíces galegas de Baiuca ou saír e adaptarte a eles?

Baiuca: Ambas cousas. Coas colaboracións gústame que teñan un compoñente do que eu fago, pero con compoñentes do que tamén está aí. Con Carlangas foi moi sinxelo facer "Fisterra" porque era algo que el tiña moitas ganas de facer. Nita, que é cordobesa, atopara un poema de Rosalía en castelán e tivemos esa conexión. Logo cos remixes, coma o caso de "Aire" con Blanco Palamera, sérvenme para adentrarme noutras músicas un pouco máis alonxadas do que fago, pero que me valen coma punto de improvisación ou de como con novos sons, podo continuar facendo algo propio. É dicir, para evitar que se estanque o proxecto.

G.C: Traballas dun xeito independente. Funciona co modelo do negocio do 'streaming'?

Baiuca: Hai moito traballo detrás. Sobre todo atopar á xente adecuada na que apoiarse. En Galicia pasou moito co folk en canto ao estar demasiado protexido polas subvencións e as axudas. Evidentemente estou a favor de que se axuden aos proxectos, pero non se pode convertir no caso dun pai dándolle cartos todo día ao seu fillo. Cada un debe buscar as castañas e avanzar. 

Aínda que sexa dun xeito máis precario; eu, Adrián (imaxe) e Alan (mánager) queremos avanzar co que temos, sen depender de ninguén. Logo está o tema das multinacionais, que che permiten ter máis visibilidade e alcanzar máis público pero perdes coma artista. As esixencias, cláusulas de contrato, porcentaxes inxustos... Por agora estou mellor cun equipo pequeno, pero de confianza, que tamén ten o seu valor emocional.

G.C: Dixeches que lle ías a dar unha maior importancia a música instrumental que aos samples. Cal é a visión de futuro de Baiuca?

Baiuca: Con Xosé Lois Romero e Alejandra e Andrea Monteiro de Aliboira potenciamos o formato de directo con con banda. Funciona moi ben e a min permíteme mostrar o proxecto dun xeito diferente, con máis instrumentos orgánicos. Cada vez está máis diferenciado o directo de Adrián e máis eu e o que ten a banda, tendo dúas vertentes distintas dependo do que demande a ocasión.

En canto aos proxectos de futuro, seguirá habendo concertos e teño material novo para sacar. Haberá sinxelos, remisturas de temas de Baiuca feitas por outros artistas, un single en portugués... Sobre todo temos novidades co respecto ao anterior. Efectivamente, reduciranse os samples -que viñan polo meu gusto polo Hip-Hop, a electrónica e do house- do primeiro disco e virá unha vertente máis acústica. Un punto máis intermedio en comparación co anterior.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta