Sete chefs competirán en Santiago polo título de Mellor Cociñeiro de Tapas 2025

O certame gastronómico 'Sete Cidades, Sete Sabores' reunirá representantes das sete cidades galegas na Cidade da Cultura

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2025 | Actualizada ás 19:16

Comparte esta noticia

A Cidade da Cultura de Galicia acollerá este martes, 1 de xullo, o evento final da iniciativa gastronómica e turística Sete Cidades, Sete Sabores, unha proposta impulsada por Turismo de Galicia para promocionar a oferta urbana das sete principais cidades galegas a través da súa cociña de autor.

Alejandro Ferriero, un dos participantes en 'Sete Cidades, Sete Sabores'
Alejandro Ferriero, un dos participantes en 'Sete Cidades, Sete Sabores' | Fonte: Turismo de Galicia

A partir das 20.00 horas, o Museo Centro Gaiás de Santiago de Compostela converterase no escenario no que sete chefs —cada un representando a unha cidade— competirán en directo para facerse co título de Mellor Cociñeiro de Tapas 2025. A gala supón o colofón dunha campaña que busca atraer visitantes fóra da tempada alta, poñendo o foco na gastronomía como reclamo para as escapadas urbanas.

TAPAS CON IDENTIDADE GALEGA

A competición presenta un formato dinámico e televisivo: cada cociñeiro disporá de tres minutos sobre o escenario para rematar e presentar a súa tapa, nunha orde xa establecida que comezará por Ferrol e continuará por A Coruña, Santiago, Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo.

Entre os participantes destacan nomes recoñecidos da restauración galega, como Álex Martínez e Mar López de Bacelo (Ferrol), Vicenzo Amaddeo de Ama Italiana Contemporánea (A Coruña), ou Alejandro Ferreiro de O Sendeiro (Santiago de Compostela). Completan a lista Rubén González do Cafetín da Alameda (Pontevedra), Daniel Bastos da Marciana (Vigo), Paco Gómez de Pulpería Asador A Feira (Ourense) e José Luís Pardo de Orixe do Campo (Lugo).

Cada tapa levará consigo non só sabores locais, senón tamén historias, produtos e tradicións propias da cidade que representa. O obxectivo do certame é ofrecer unha imaxe global da diversidade e riqueza culinaria das urbes galegas, reforzando a súa capacidade de atracción como destinos turísticos.

TURISMO URBANO CON SABOR PROPIO

'Sete Cidades, Sete Sabores' insírese nunha estratexia de desestacionalización do turismo promovida pola Xunta a través de Turismo de Galicia, que procura ampliar as motivacións do visitante que chega á comunidade. Nesta liña, a gastronomía convértese nun dos piares fundamentais para artellar experiencias culturais arredor do patrimonio, o produto local e a hostalaría.

A gala de Santiago servirá tamén como escaparate para proxectar as conexións entre gastronomía e turismo cultural, con especial atención á identidade urbana e a innovación culinaria. A cidade compostelá acollerá, así, un evento que pon en valor tanto a creatividade dos seus profesionais da cociña como o seu papel como motor de atracción de novos públicos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta