ULTIMA HORA INCENDIOS: Situacións moi complicada en San Xoán de Río, Quiroga, Castrelo do Val e Vilariño de Conso

Máquinas pesadas reforzan a defensa do Parque Natural do Invernadeiro fronte ao lume. Cortada a N-525 ao seu paso por Cualedro polos incendios forestais.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/08/2025 | Actualizada ás 13:17

Comparte esta noticia

A onda de incendios que afecta a Galicia, especialmente á provincia de Ourense, estase cebando con varios concellos, entre eles, San Xoán de Río, Castrelo do Val, Vilariño de Conso e Chandreixa de Queixa. A estes municipios súmase o de Quiroga que arde en varios puntos.

Vista do incendio de Chandrexa e Vilariño de Conso sobre o Parque Natural do Invernadeiro, a 18 de agosto de 2025.. COPERNICUS
Vista do incendio de Chandrexa e Vilariño de Conso sobre o Parque Natural do Invernadeiro, a 18 de agosto de 2025.. COPERNICUS

A situación é moi complicada en  Nocedo do Val, en Castrelo do Val. Alí xa arderon algunhas casas. Neste concello a situación tamén é complicada no lugar de Pepín. Tamén a situación é crítica en Pradoalbar, en Vilariño de Conso, e no núcleo de Bendollo, en Quiroga, rodeado polo lume, pero, polo momento, sen perigo para as casas. En San Xoán de Río arde a Chaira e San Pedro.

TRABALLO DE MÁQUINAS

Máquinas pesadas traballan no Parque Natural do Invernadeiro, en Vilariño de Conso, para mellorar as devasas perimetrales ante o gran incendio que xa arrasa 17.500 hectáreas entre este municipio e Chandrexa de Queixa. Ademais, pas retroexcavadoras garantirán o acceso e operatividade dun punto de auga estratéxico en O Courel, cara onde avanza o lume desde Quiroga.

A Xunta reforza a protección dos espazos naturais afectados polos incendios, con actuacións manuais en fronte de lume tanto no Invernadeiro como na Serra da Enciña da Lastra, e con obras de emerxencia que, segundo imaxes do satélite europeo Copernicus, mostran que xa hai zonas do parque afectadas polas chamas.

N-525 cortada polo lume en Dozón
N-525 cortada polo lume en Dozón | Fonte: SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO

Todos os axentes ambientais da Dirección Xeral de Patrimonio Natural están en garda e á disposición dos servizos provinciais de prevención de incendios. Aqueles con formación e experiencia poden integrarse voluntariamente na extinción, co equipamento de protección e emisoras fornecidas pola Consellería de Medio Rural para garantir a seguridade e coordinación co operativo.

CORTADA A N-525

A N-525 foi cortada ao tráfico este luns ao seu paso polo municipio ourensán de Cualedro polos incendios forestais que afectan á zona. Segundo informou o 112, o tráfico permanece cortado entre os puntos 177 e 180, dentro do termo municipal de Cualedro.

Este municipio está a verse afectado por un incendio forestal nacido de dous focos, un en Oímbra e outro en Xinzo de Limia. Segundo as últimas estimacións, calcina xa unhas 12.000 hectáreas e afecta os concellos de Monterrei, Verín, Laza e Trasmiras, ademais de Cualedro.

Para a súa extinción están a mobilizarse 18 técnicos, 91 axentes, 127 brigadas, 82 motobombas, catro pas, cinco unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 29 avións. Ademais, participan efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

INCENDIO DE QUIROGA

O lume que afectou Quiroga avanzou cara ao concello de O Courel, aínda que a situación no primeiro municipio comeza a estabilizarse grazas á mellora das condicións climáticas e ao aumento de efectivos de extinción, explicou o concelleiro de Medio Ambiente, Luís Manuel Arias González. A preocupación céntrase agora en Paradaseca e San Martiño, situadas na ribeira do río Soldón, que por agora permanecen a salvo, mentres que o lume continúa dirixíndose cara ás parroquias de Outeiro e A Seara, esta última en Folgoso de O Courel.

Ata o momento, o incendio provocou perdas materiais como a destrución do pobo deshabitado de Ferreira, unha vivenda habitada e un coche, sen que se lamenten danos persoais. As redes sociais serven como ferramenta de alerta para informar aos veciños sobre a situación, as medidas de prevención e o estado das chamas, mobilizando tamén a voluntarios, asociacións e empresas locais. A alcaldesa de O Courel, Lola Castro, destacou a participación cidadá nas tarefas de extinción, especialmente na apertura de gabias e devasas para frear o avance do lume.

O recordo do devastador incendio de 2022 fai que a alerta e a mobilización sexan máximas. Arias subliñou que “o lume non entende de fronteiras” e destacou a importancia de coordinar esforzos entre Quiroga e O Courel para evitar repetir aquel desastre. Castro engadiu que a experiencia desa vaga de lumes fai que os veciños e as autoridades traballen con maior afán para protexer o parque natural e as localidades afectadas.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, desprazouse este luns ao Concello de Quiroga onde supervisou o dispositivo despregado pola UME para combater o lume que entrou neste municipio e que se iniciou no Concello ourensán de Larouco o pasado mércores.

Rodríguez reuniuse cos mandos da UME no posto de mando avanzado que a Unidade Militar de Emerxencias emprazou no municipio xunto co alcalde de Quiroga, José Luís Rivera. Posteriormente trasladouse ao concello de Ribas de Sil, onde se reuniu co seu alcalde, Roberto Castro. Alí trasladoulles "a solidariedade e compromiso" do Goberno coa extinción deste lume "cos medios que sexan requiridos".

O LUME MOI PRÓXIMO A ENTIDADES DE POBOACIÓN

O lume está próximo a entidades de poboación en San Millán, en Cualedro, e A Retorta, segundo informan veciños a Galicia Confidencial. Por iso, piden axuda a través de grupos de whtassap para que, os e as voluntarias dispoñibles, se acheguen a este puntos a axudar a deter as lapas. Tamén piden un tractor na zona da Veiga para tentar refrescar a zona e evitar novos focos.

Por outra banda, o Concello de Xinzo de Limia informou dun corte temporal de auga en varios lugares do municipio ourensán. Segundo explican, débese a unha avaría na rede xeral, polo que se procedeu ao corte ata a súa "completa reparación".

As zonas afectadas son Damil, Parada de Ribeira, Rebordachá, Paredes, Moreiras, Faramontaos, San Pedro, Laroá, Avda. Portugal, Aqueirugás e Mosteiro de Novás. O corte chega mentres o municipio vese afectado por un incendio forestal desde o pasado venres, orixinado na localidade de Gudín e que se uniu ao iniciado o martes en Oímbra. Segundo as últimas estimacións, o incendio afecta a unha superficie estimada de 12.000 hectáreas.

ANCIÁNS CONFINADOS

Máis de 120 persoas permanecen confinadas preventivamente en residencias de Rubiá e Carballeda de Avia, en Ourense. Esta é unha das medidas de protección á cidadanía que continúan vixentes nas zonas afectadas polos incendios forestais na provincia, onde permanece activada a situación 2 de alerta.

AXUDA UE

A Unión Europea mobilizou medios aéreos e equipos técnicos desde 7 Estados membros distintos para axuda a España na extinción dos incendios que afectan en especial as provincias de Zamora e Ourense. Segundo informaron fontes comunitarias a Europa Press os ofrecementos inclúen catro avións cisternas mobilizados desde Francia e Italia, procedentes da reserva de emerxencia da UE, mentres que outro catro helicópteros foron despregados por parte de Países Baixos, dous, e República Checa, un, e Eslovaquia, un.

MORTE BOMBEIRO

O bombeiro forestal falecido onte á noite en Espiñento de Compludo (León) é un home de 57 anos, natural de Ourense e residente en Soria desde hai máis de 30 anos. A Xunta castelá informa de que era un integrante do Operativo INFOCAL que participaba nos labores de extinción do incendio forestal declarado na localidade leonesa de Llamas de Cabrera. A vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, lamentou esta morte e pediu mellores condicións laborais para estes traballadores.

BRIGADISTAS FERIDOS

Dous do tres brigadistas feridos en Oímbra e que sofren queimaduras de distinta consideración evolucionan favorablemente, aínda que todos están graves, segundo o último parte médico facilitado polo complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac).

Varias persoas observan o lume, en Quiroga (Lugo).. Carlos Castro - Europa Press
Varias persoas observan o lume, en Quiroga (Lugo).. Carlos Castro - Europa Press
Extinción do incendio declarado a partir da vía do tren en Seixalbo, nun terreo no que arderon varias colmeas. ROSA VEIGA / Europa Press / Europa Press
Extinción do incendio declarado a partir da vía do tren en Seixalbo, nun terreo no que arderon varias colmeas. ROSA VEIGA / Europa Press / Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta