Planas pide coordinación para conseguir "prezos máis xustos" para agricultores e gandeiros

Lembra que tanto cooperativas como interprofesionais teñen "un papel fundamental".

Por E.P. | A CORUÑA | 12/02/2020 | Actualizada ás 16:30

Comparte esta noticia

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, pediu coordinación durante a reunión que mantivo este mércores cos conselleiros de agricultura das comunidades autónomas para abordar a situación que atravesan agricultores e gandeiros en España, á vez que animou as rexións a que fomenten o cooperativismo para conseguir ter un maior peso á hora de negociar.

"Foi unha reunión moi positiva e construtiva, onde todos estamos para dar unha solución aos problemas de agricultores e gandeiros. Hai unha vontade certa por parte das comunidades autónomas de responder positivamente. As mobilizacións lembráronnos o importante que é para España a agricultura e a gandaría", asegurou Planas tras a reunión mantida este mércores cos conselleiros de agricultura das comunidades autónomas, onde estiveron presentes todos excepto os de Cataluña e País Vasco.

O titular de Agricultura explicou aos medios que o Goberno e as rexións coinciden en que as mobilizacións do campo das últimas semanas serviron para que o conxunto da sociedade española perciba que se está ante un "problema" para a sociedade.

Planas lembrou aos conselleiros, que solicitaron medidas inmediatas, que a crise do sector agrario non é unha situación que se poida resolver en 24 horas e cunha soa medida. "Necesitamos estar todos coordinados e levar accións que nos permita conseguir que agricultores e gandeiros perciban un prezo máis xusto", indicou.

Durante a reunión, Planas abordou a reforma da Lei da Cadea Alimentaria, que é "fundamental" e da que espera en próximas semanas avanzar sobre o relativo á venda a perdas, e sinalou a importancia que teñen as rexións na Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), onde acordaron reforzar a súa cooperación.

O ministro volveu a destacar a importancia das cooperativas, organizacións de produtores e interprofesionais. "Para reequilibrar esa oferta, tanto cooperativas como interprofesionais teñen un papel fundamental. É moi importante que a nivel autonómico, sobre todo penso en grandes rexións, haxa unha integración máis significativa", sinalou.

"As cooperativas teñen que dar un paso adiante para a súa integración e profesionalización para render un mellor servizo a agricultores e gandeiros", instou o titular do ramo, que lembrou que España non ten ningunha cooperativa entre as 50 primeiras de Europa, sendo unha potencia agroalimentaria mundial.

Planas sinalou que os conselleiros coinciden tamén na "importancia" da negociación da futura Política Agrícola Común (PAC), onde España traballará para manter os fondos. "É necesario contar cunha PAC potente para poder facer fronte aos novos obxectivos e que as nosas explotacións sexan rendibles", recalcou.

Por último, Planas aproveitou para cualificar de "moi positivas" a reunión que se mantivo onte do Observatorio de Prezos, onde estaban presentes representantes da cadea alimentaria, como a industria e a distribución. "Dialogamos abertamente sobre que se pode facer máis para lograr manter e aumentar o recoñecemento e o prezo para agricultores e gandeiros", subliñou.

Manifestación dos gandeiros do leite en Lugo
Manifestación dos gandeiros do leite en Lugo | Fonte: David Padilla Diaz ‏@superpadilla twitter

A XUNTA DE GALICIA METE PRÉSA

Pola súa banda, o conselleiro de Medio Rural, José González, reclamou este mércores "celeridade" ao ministro de Agricultura, Luis Planas, para que haxa cambios normativos en favor de prezos "xustos" para os produtores.

Respecto diso, insta o Goberno central a que "apure o máximo posible" a transposición da normativa europea sobre prezos e lexisle canto antes para evitar a venda a perdas. Entre outras cuestións, demanda unha lei estatal de incentivos fiscais para a actividade agrogandeira e forestal.

A Xunta defende que os prezos se constrúan a partir dos custos de produción, mentres require cambios nas leis de competencia desleal e defensa da competencia. Todo iso, ás portas da mobilización que fará o sector lácteo galego na Coruña o próximo 19 de febreiro e nun marco de protestas de produtores do resto do país.

Xunto a isto, o Goberno galego demanda que o Ministerio de Agricultura "faga forza" para manter os fondos da PAC do próximo período ante a ameaza de recortes, á vez que busque máis recursos nos fondos de transición ecolóxica para que "se orienten" cara aos produtores, pois "non hai ninguén máis preocupado polo medio ambiente" que gandeiros e agricultores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta