Denuncian en Fiscalía a morte dun paciente en Urxencias en Santiago

O sindicato O'Mega presenta a denuncia polo acontecido no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2020 | Actualizada ás 15:51

Comparte esta noticia

A delegada de prevención de O'Mega na área de Santiago e médico no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Fátima Nercellas, presentou en Fiscalía unha denuncia sobre a morte dun paciente en Urxencias do Hospital Clínico o pasado 30 de xaneiro.

Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ante o colapso sanitario
Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ante o colapso sanitario | Fonte: Asociación de Usuarios do CHUS.

Así o consta no documento rexistrado na Fiscalía de Santiago o pasado 13 de febreiro, no que a doutora Nercellas presenta unha "denuncia/solicitude de investigación" contra a dirección do Hospital Clínico en base aos feitos ocorridos o 30 de xaneiro pola morte dun paciente en Urxencias.

Segundo o relato de feitos que fai Nercellas no documento, ás 17,36 horas do 30 de xaneiro acudiu este paciente ao que se lle fixo o triaxe ás 17,47 horas en enfermaría. "Presenta taquicardia", concreta, mentres que o resto de controis "eran normais". Acudiu a consulta por "disnea e malestar xeral", ao que se suma que padecía "insuficiencia renal e obesidade".

A doutora denunciante expón que este paciente foi clasificado en triaxe "como amarelo" e "asignado con prioridade de gravidade". Con todo, engadiu, "ao non ter sitio en urxencias é colocado nun corredor onde se deteriora o seu cadro clínico".

Ás 18,50 horas, segundo o relato que realiza a denunciante, "a familia" sinala que "lles parece que está morto". Entón, pásano a críticos onde a doutora Nercellas, segundo asegura, como médico desta unidade, "só" pode "confirmar que faleceu".

GRAVIDADE

A doutora Nercellas insiste na súa denuncia que o amarelo no triaxe "significa que tería que ser visto por un médico nun prazo máximo dunha hora".

"Por iso debería térselle adxudicado un espazo para que puidese ser instalado, controlado por enfermaría e que o médico de urxencias puidese acceder a el nunha hora para poder diagnosticarlle convenientemente e atenderlle", subliñou no documento presentado na Fiscalía. "Prioridade é para que o médico o vexa, non para colocalo nun corredor", sentenza.

Para O'Mega a "gravidade dos feitos" radica en que antes de que ocorrese esta morte, "advertiuse á xerencia da a gravidade da situación" por pacientes no corredor de Urxencias.

"Os corredores non son lugar de traballo dos médicos. Non son lugares de acceso de médico. Se o médico non pode acudir e realizar o seu traballo, están a vulnerarse as máis mínimas e elementais normas", concluíu. Así mesmo, insiste na denuncia que "o día dos feitos a dirección xa estaba avisada destas circunstancias".

O CHUS PONSE Á DISPOSICIÓN DA FISCALÍA

A xerencia sanitaria de Santiago ponse a disposición da Fiscalía e asegura que entregará "toda a información que requira" no caso de que "finalmente decidise abrir dilixencias tras a nova denuncia" do sindicato O'Mega pola morte do pacienete.

Así o manifestaron fontes da xerencia sanitaria compostelá, que lembraron que as anteriores denuncias deste sindicato en relación con pacientes falecidos en Urxencias "non tiveron máis percorrido" e "unha xa foi sobreseída".

Sobre o caso deste home falecido en Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), de idade avanzada, o pasado día 30, lembraron que o paciente "tivo a primeira atención sanitaria en menos de dez minutos" da súa chegada ao Clínico.

"Na primeira valoración sanitaria foi clasificado como prioridade non grave xa que os seus parámetros non revelaban gravidade nin indicaban prioridade sanitaria alta", alegan as mesmas fontes da xerencia sanitaria.

NINGUNHA RECLAMACIÓN POR PARTE DA FAMILIA

"Estando á espera de ser situado nun box para unha segunda exploración, produciuse unha deterioración súbita e inesperada da súa saúde", puntualizan as mesmas fontes do CHUS, que engaden que, por iso, "foi inmediatamente ingresado na zona de Críticos" onde, posteriormente, "confirmouse o seu falecemento".

A xerencia sanitaria lamentou "que se tente conseguir rédito do falecemento dun paciente en Urxencias alarmando á poboación e mesmo en contra do expreso desexo da familia", que, subliñou, "declinou facer ningún tipo de reclamación". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta