Galicia é a rexión europea con maior densidade de incendios e máis hectáreas arrasadas na última década

Os traballos agrícolas e forestais reducen o risco de lumes na Europa mediterránea, segundo un estudo no que participa a Universidade de Santiago.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2020 | Actualizada ás 18:11

Comparte esta noticia

Galicia é a rexión europea con maior densidade de incendios e máis hectáreas arrasadas na última década. Esta é unha das conclusións dun estudo internacional no que colaborou a catedrática da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Rosa Mosquera. Así mesmo, este estudo recolle que as tarefas agrícolas e forestais reducen o risco de incendios na Europa mediterránea ademais de favorecer o uso sustentable da terra.

Veciños de Gondomar contemplan como o lume se achega ás súas casas, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Veciños de Gondomar contemplan como o lume se achega ás súas casas, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

O estudo, publicado pola revista científica Agroforestry Systems, trata os beneficios que reportan os sistemas agroforestais a escala global, segundo informou a USC.

Ademais, Rosa Mosquera destacou que as prácticas agroforestais e silvopastoriles favorecen a economía circular. Isto é, a conservación da biodiversidade, o aproveitamento do territorio, a fixación de poboación relacionada coa explotación do mesmo, o crecemento máis rápido das árbores e unha maior calidade na madeira.

A investigación, na que tamén participaron investigadores de Italia, Grecia, Portugal e Reino Unido, entre outros, enmárcase dentro do Sétimo Programa Marco da UE para a Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico desenvolvido entre 2014 e 2017.

O obxectivo deste programa é a promoción das prácticas agroforestais para o desenvolvemento rural en Europa a partir da mellora das explotacións agropecuarias.

ALDEAS MODELO E FRANXAS SECUNDARIAS

Por outra banda, Rosa Mosquera sinalou que o grupo de investigación de Sistemas Silvopastorales da USC está a traballar nun novo proxecto xunto coa Xunta e outros investigadores da Universidade de Vigo.

Esta nova actuación ten como obxectivos, entre outros, o aproveitamento agroforestal das franxas de territorio localizadas a máis de 50 metros das casas así como fixar poboación en áreas rurais.

O proxecto foi presentado a convocatorias europeas de financiamento a través das cales aspira a recibir preto de dez millóns de euros. A data para a concesión de recursos económicos de fondos europeos para a primeira fase da investigación está prevista para o mes de maio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta