O PSOE entrega a Contas documentación sobre a "repartición a dedo" de 160 contratos na Deputación de Ourense

Entrega mil folios con documentación anexa sobre a repartición de sete millóns de euros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2020 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

O PSdeG-PSOE entregou ao Consello de Contas mil folios con documentación anexa á denuncia sobre "a repartición a dedo de sete millóns de euros" pola Deputación de Ourense, co popular Manuel Baltar á fronte.

O secretario provincial do PSOE de Ourense, Rafa Villarino, entrega ao Consello de Contas mil folios con documentación sobre contratos 'a dedo' na Deputación de Ourense
O secretario provincial do PSOE de Ourense, Rafa Villarino, entrega ao Consello de Contas mil folios con documentación sobre contratos 'a dedo' na Deputación de Ourense | Fonte: Europa Press

Segundo asegura o Partido Socialista, a institución provincial fragmentou "de forma presuntamente irregular" 160 contratos menores de obras entre catro empresas nos dous últimos anos. Desde xullo do 2019, o PP goberna en coalición xunto a Democracia Ourensana (DO).

Agora, o Consello de Contas ten un prazo de tres meses para pronunciarse sobre esta cuestión, "ao amparo da súa competencia para investigar denuncias sobre irregularidades na xestión de calquera das entidades" do sector público.

Neste contexto, os socialistas aseguran que desde a entrada en vigor da Lei 9/2017, de contratos públicos, o goberno de Baltar "repetiu estas adxudicacións menores, en moitos casos con importes exactamente iguais, no bordo do límite máximo, independentemente do obxecto e sempre entre as mesmas empresas". Noutros casos, continúa o PSOE, "directamente incumpriu o límite legal por razón de cantidade".

O secretario provincial do PSOE, Rafa Villarino, asegura que Contas "deberá determinar se Baltar, ademais de incumprir o espírito da lei de contratos, tamén executa actos supostamente ilegais que parecen unha cadea de favores" a empresas amigas. No entanto, non descarta emprender accións legais.

De acordo coas súas cifras, a Deputación cometeu unha "violación evidente" da legalidade en polo menos 15 obras menores por máis de 40.000 euros, o límite que establece a normativa; e ata 10 contratos de servizos por máis de 15.000 euros, outro tope fixado.

"Case todas as obras que adxudican a dedo teñen sospeitosamente o mesmo importe, cando se trata de obras de natureza completamente distinta", o que, segundo Villarino, "tamén evidencia outras presuntas ilegalidades que en primeira instancia debe esclarecer" o Consello de Contas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta