O mandil, unha prenda icónica que pasa das casas e das hortas ás revistas de moda

Estudantado de Moda e de Fotografía asumiron o reto de reinterpretar e revalorizar esta prenda tan simbólica.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O mandil cruzado é unha prenda do día a día de moitas mulleres. Unha tea e uns estampados que nos acompañan en todos os quefaceres cotiás e que protexen a roupa interna. É esencial, funcional e moi recoñecible. Mais... Imaxínalo como protagonista dun editorial de moda nunha revista de tendencias? E por que non?

Modelo posando cun mandil. Fotografía de Sara Iglesias
Modelo posando cun mandil. Fotografía de Sara Iglesias

Profesorado e estudantado do E.E.S.S Deseño de Moda e de Fotografía da EASD Mestre Mateo, arroupados por IKEA A Coruña, decidiron asumir o reto de sacar da casa, do ámbito privado, esta prenda tan simbólica. Así pois, reinterpretárono para buscar enfoques actuais e para achegalo a novos públicos. De feito, as persoas que posan con eles son mozos e mozas.

"Non é a primeira colaboración que fixemos con Ikea", explica Beatriz Díaz, a reponsable de comunicación. "Desta vez, a iniciativa foi proposta por ela, que tiña interese en establecer lazos coa cultura galega e cos tecidos galegos". Desta maneira, ocorréuselles empregar os estampados nórdicos típicos de Suecia no mandil propio do noso país. "Tradición, artesanía, modernidade e glamour". Sobre estes catro eixos pivotou este proxecto que busca xuntar o de sempre cos novos medios dixitais. "Avanzamos sen deixar de lado o que sabemos de antes".

TODO PARTE DOS RECORDOS

Porque, segundo explican, "todo parte dos recordos". "A miña avoa era de Asturias e cando viña aquí de vacacións sempre metía o seu babi na maleta. É unha prenda cultural", conta agora Sandra García, profesora na Escola de Moda. No proceso de reinterpretación, cadaquén deulle un aire diferente segundo as fontes en que se inspiraron e os tecidos sobre os que traballaron. "Un alumno utilizou o cruce do dengue, fixo algo máis elegante, outro manipulou o texido para facelo totalmente irrecoñecible...", relata.

Por riba de todo, trátase este dun traballo colaborativo no que participou o alumnado de Moda (coordinado por Sandra García, María Broz e Noemí Patricia Vázquez) e mais o de Fotografía. En conxunto, deseñaron un total de 30 pezas orixinais, diferentes e creativas a partir dos tecidos proporcionados por IKEA. Neste labor puxeron en práctica as ténicas creativas e artesanais de manipulación de materiais téxtiles. Unha vez feitas as prendas, entrou en xogo o papel das estilistas e do alumnado do CS de Fotografía, guiados polo profesorado: Rosa Figueroa e mais Andrés Etxeita Costales.

UN EDITORIAL DE MODA

Un editorial de moda é unha produción que se realiza para unha revista, un suplemento ou un catálogo de moda. Trátase dun traballo en equipo entre profesionais da fotografía, do estilismo... para comunicar un concepto ou proposta. Neste exercicio en concreto, o alumnado de moda asumiu o papel do estilista, que realiza o traballo da procura conceptual que permita comunicar unha idea a partir da imaxe. Ademais, é o responsable de seleccionar o lugar, o atrezzo, o/a modelo, a localización, maquillaxe…

O alumado do CS de Fotografía, pola súa banda, traballou o retrato en localización aplicado á fotografía de moda.  Este traballo, un conxunto de 28 imaxes realizadas en diversas localizacións -parque de Bonaval, café Derby, Cidade da Cultura, A Galiciana, Hostal dos Reis Católicos, Parque de Vista Alegre, Combarro…- veñen de presentarse na propia Ikea A Coruña o pasado fin de semana. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta