Aparece unha nova carta inédita de Rosalía

A revista Follas Novas dá a coñecer esta misiva de Rosalía de Castro dirixida a José Villamil y Castro, amigo de Murguía.

Por Galicia Confidencial | Dodro | 20/02/2020 | Actualizada ás 10:52

Comparte esta noticia

A Fundación Rosalía de Castro presenta este venres no Pazo de Lestrobe (Dodro) o número 4 da revista Follas Novas, que inclúe unha carta inédita de Rosalía de Castro datada entre 1865 e 1866.

Rosalía de Castro.
Rosalía de Castro.

A misiva vai dirixida a José Villaamil y Castro (1838-1910), amigo e colaborador de Murguía. Foi descuberta por Pablo Carou Barros, quen dedica un artigo na revista ao estudo desta polifacética figura monfortina, e é publicada e estudada por Anxo Angueira. Nela Rosalía contesta sobre o tema do uso do sombreiro ou da mantilla no teatro e emite un xesto de cordialidade que abre as relacións Murguía-Villaamil ao conxunto dos dous casais.

Tamén chama a atención que a escritora recoñece que "no voy nunca al teatro", o que fai que no artigo se estude o teatro en Compostela nestes anos e se volva a revisar a relación de Rosalía co teatro e co Liceo de La Juventud. 

A carta vén sumarse ás 16 coñecidas. Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía e estudoso da súa obra, explica que “o repertorio de cartas que conservamos é moi escaso, así que calquera cousa nova é importante. A aparición deste escrito demostra que hai un caudal de correspondencia aínda por descubrir, aínda que moita dela é seguramente xa irrecuperable”. 

O estudo de Anxo Angueira demostra “ata certo punto a autonomía de Rosalía [a respecto de Murguía] e que con toda seguridade mantiña relacións autónomas. Aínda que a relación é entre Murguía e Villaamil, Rosalía ten un xesto de amabilidade e de querer abrir esa relación ao conxunto desas dúas parellas”. 

CARTA

Castro (Rosalía) 

Murguia no está en casa y me tomo la libertad de contestar

á la atenta de V, diciéndole que aun que no voy nunca al teatro tengo entendido que en esta poblacion se estila mas ir a cuerpo que con sombrero o mantilla, ya sea a palco o luneta aun cuando en una forastera todo esta admitido. 

Tan pronto venga Murguia que no debe tardar, le hare presente la atención de V. y el le dará en persona las gracias y la respuesta. 

Tengo la satisfaccion de ofrecerme con esto su servidora

y de demostrarle mi sentimiento, por no haber podido visitar á su apreciable Señora a quien se servira hacer presente mis respetos, contando V a si mismo con una servidora y amiga. 

QB S M

Rosalia Castro de Murguia 

CHAPEU E MANTILLA

A cuestión do chapeu e da mantilla non é tampouco baladí. Subliña Angueira que non é unha cuestión só de moda, senón política: “A mantilla está ligada ao tradicionalismo e o sombreiro á apertura e ao afrancesamento. Ela mesma sempre foi a pelo, nunha acción ideolóxica moi clara”. 

O número 4 da revista de estudos rosalianos Follas Novas tamén ofrece en varias das súas seccións unha homenaxe a Carvalho Calero, un dos grandes estudosos da vida e da obra rosalianas, entre outros artigos asinados por Teresa López, Xurxo Martínez ou Victorino Pérez Prieto, entre outros. O Concello de Dodro é patrocinador deste cuarto número.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta