Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2020 | Actualizada ás 14:27
Unha delegación galega de mulleres do sector pesqueiro e de marisqueo, organizada pola portavoz do BNG en Europa Ana Miranda, desprazarase a Bruxelas a próxima semana para participar nas xornadas europeas Mulleres na Pesca, no Comité Económico e Social Europeo.
A comitiva levará a Bruxelas a voz dunha ampla representación das mulleres que traballan no sector. "Coñecer as situacións laborais específicas e dificultades das mulleres no mar, visibilizar o seu traballo e polo en valor de forma que teñan un papel activo na toma de decisións no sector pesqueiro desde a igualdade, é o principal obxectivo destas xornadas", destacou Miranda.
As xornadas celebraranse entre o luns 24 de febreiro e o mércores 26 e permitirán desde o primeiro momento o intercambio de experiencias entre mulleres procedentes de distintos países europeos. O propio luns haberá un encontro con grupos de Croacia, Chipre, Irlanda, Reino Unido e Azores.
O martes, a delegación participará no seminario europeo sobre 'Os procesos da toma de decisión na pesca polas institucións europeas tendo en conta a perspectiva de xénero', ademais dun encontro multilateral con representantes das institucións europeas. Finalmente, o mércores celebrarase a asemblea xeral da Rede Europea de Mulleres da Pesca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.