A Lagoa de Baldaio abrirase nos próximos días para evitar inundacións

Os últimos temporais rexistrados en Galicia provocaron danos nas reservas de auga de Baldaio, o que provocou tamén dificultades para o marisqueo na zona.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2020 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

A Xunta procederá nos "próximos días" á apertura da Lagoa de Baldaio, situada en Carballo, co obxectivo de evitar futuras inundacións nas inmediacións deste espazo natural e que estas poidan afectar tamén á explotación marisqueira que se fai na zona.

A decisión de abrir a lagoa, a través dunha encomenda de carácter urxente, adoptouse tras a reunión que mantivo esta semana a mesa de traballo constituída entre as consellerías de Medio Ambiente e Mar para abordar a situación e buscar posibles solucións a curto e longo prazo.

Como resultado deste encontro, os técnicos dos dous departamentos autonómicos e do Instituto Universitario de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da Universidade de Santiago desprazáronse estes días a Baldaio para analizar in situ o estado da lagoa e acordar as medidas máis adecuadas.

Con iso, acordouse que a primeira acción a executar consistirá na apertura da lagoa co fin de que poida desaugar e ante a imposibilidade de que este proceso se produza, nestes momentos, de forma natural. Este mesmo venres procederase a balizar a área afectada.

Por outra banda, a xefa territorial de Medio Ambiente na Coruña, Cristina Carrión, reunirase esta tarde con representantes das asociacións ecoloxistas de Carballo que están a realizar labores de limpeza na zona, para trasladarlles os pasos que se acordaron.

Os últimos temporais rexistrados en Galicia provocaron danos nas reservas de auga de Baldaio, o que provocou tamén dificultades para o marisqueo na zona. Ante a preocupación do sector, a Xunta comprometeuse a levar a cabo actuacións de forma "inmediata" e a solicitar os correspondentes permisos ante Costas.

Voluntarios do programa ambiental de Abanca na zona de Baldaio. ABANCA
Voluntarios do programa ambiental de Abanca na zona de Baldaio. ABANCA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta