A Xunta lanza un manual con normas electorais para os integrantes das mesas das eleccións do 5A

O documento inclúe unha descrición detallada das distintas fases da xornada electoral con “instrucións precisas e concretas” do labor das persoas que integran a mesa.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/02/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta aprobou este xoves un Manual para as persoas que integran as mesas electorais nas eleccións ao Parlamento de Galicia do 5 de abril de 2020. Este manual vai dirixido ás persoas designadas por sorteo para formaren parte dunha mesa electoral nos vindeiros comicios e conten consellos e normas durante a celebración do proceso.

A Viñeta de López - Papeleta do PP
A Viñeta de López - Papeleta do PP

“A súa función é que se familiaricen co seu labor como membros dunha mesa e poidan desempeñar con eficacia a tarefa que lles foi asignada”, apuntan desde a Xunta. O anuncio deste manual coincide coa decisión da Xunta de elixir á empresa Indra para supervisar todo o proceso electoral, unha empresa que foi investigada pola súa relación co financiamento irregular do PP na Operación Púnica.

O primeiro apartado do manual trata sobre as mesas electorais e os seus membros, e nel explícase como e por que se designan cidadáns como membros das mesas, a composición e funcións destas, e os dereitos e obrigas dos seus membros: presidentes e vogais.

Así mesmo, inclúese unha descrición detallada das distintas fases da xornada electoral, desde as 8.00 horas ata o remate do escrutinio, con “instrucións precisas e concretas do labor que deben desenvolver os membros da mesa”.

A primeira fase é a constitución da mesa electoral e comprende desde as 8.00 horas, que se celebra a reunión no local electoral, ata a extensión da acta de constitución da mesa electoral ás 8.30 horas. A segunda fase é a de votación, desde a apertura do colexio electoral ás 9.00 horas ata a finalización da votación ás 20.00 horas.

Finalmente, descríbese a fase de escrutinio, na cal se realiza o reconto de votos, a extensión das actas de escrutinio e de sesión, e a preparación da documentación electoral que será entregada en Correos e no xulgado de primeira instancia ou de paz.

Estes manuais serán remitidos aos concellos antes do 7 de marzo, data en que comezarán os sorteos públicos para a designación das persoas que integrarán as mesas electorais, e que se poderán producir ata o 11 de marzo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta