A Xunta premia a espiritualidade, a tradición, a carne e o viño como festas de interese turístico

Entre elas están a romaría do Corpiño de Lalín ou a da Vendima, en Leiro.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/02/2020 | Actualizada ás 17:56

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta aprobou hoxe a declaración de seis novas festas de interese turístico autonómico; dúas están na provincia de Pontevedra, outras dúas na de Ourense, e as dúas restantes repártense nas da Coruña e Lugo. Festas caracterizadas pola espiritualidade, a tradición, a carne e o viño. 

Imaxes da romería do Corpiño no documental 'Lejos de los árboles', de Jacinto Esteva.
Imaxes da romería do Corpiño no documental 'Lejos de los árboles', de Jacinto Esteva.

Trátase da Romería de Santa Marta de Ribarteme nas Neves, a Festa dos Fachós en Castro Caldelas, a Romaría do Corpiño en Lalín, a Feira da Tenreira Galega en Láncara, a Festa da Vendima en Leiro e a Festa da Carballeira en Zas. Estas festas poderán beneficiarse a partir de agora das axudas públicas do Goberno galego deseñadas especialmente para este tipo de celebracións.

Con estes novos recoñecementos, Galicia suma xa máis de 150 festas de interese turístico, tanto de tipo autonómico (131), como nacional (11) ou internacional (12). Estas celebracións xogan un papel fundamental na dinamización dos concellos do interior da Comunidade e no fomento do turismo rural, unha tipoloxía que na última década incrementou en case un 30% a súa cifra de viaxeiros, ata superar os 228.000.

SINGULARIDADE

Na provincia de Pontevedra entran a formar parte das festas de interese turístico de Galicia a Romaría do Corpiño, en Lalín, que destaca, entre outros motivos, pola autenticidade da procesión en que a Virxe vai portada polos veciños mentres os devotos forman unha longa ringleira arredor do santuario para que a imaxe pase sobre as súas cabezas. Tamén se distingue á Romaría de Santa Marta de Ribarteme, no concello das Neves, coñecida, entre outros motivos, pola súa singularidade con cadaleitos portados en procesión que levan no seu interior os propios oferentes para solicitar a intervención por un familiar ou por si mesmos.

En Ourense, a Festa dos Fachós, en Castro Caldelas, inclúese na listaxe por motivos como os propios fachós, os feixes de palla de forma cilíndrica amarrados nuns atados feitos da mesma palla que están iluminados nunha gran procesión que percorre as rúas desta vila medieval e que remata na gran fogueira situada no adro do santuario baixo o repenique de campás. No concello de Leiro, declárase a Festa da Vendima, co seu particular desfile de carrozas en que se recrea unha representación moi similar á vendima que se facía a comezos do século pasado. Tamén destacan os adornos dos balcóns dos veciños durante os festexos con vexetación que caracteriza a época da vendima ou o seu xantar popular.

A Festa da Carballeira, no concello de Zas, é a festa da provincia da Coruña que obtén esta distinción tras a decisión de hoxe en Consello de Xunta. Situada nun lugar natural emblemático, caracterízase por ofrecer unha rica oferta cultural con concertos de música folk nos que teñen cabida grupos galegos, nacionais e internacionais. Tamén destaca o xantar popular e o seu mercado ecolóxico e feira de artesanía.

Finalmente, en Lugo, declárase de interese turístico de Galicia a Festa da Tenreira Galega, de marcado carácter etnográfico e na que cada 1 de maio se pon en valor a carne da tenreira a través dunha degustación, así como un concurso e exposición de gando con importante afluencia de gandeiros na comarca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Caspita

Obalado sexa deus!!! Xesus!! Que xente mais moderna estes da Xunta!!