Queixo, muller e rural, referentes de Benedicta no pregón da Festa do Queixo de Arzúa

A galega do momento foi a protagonista de darlle continuidade á inauguración oficial dun evento que, segundo o alcalde de Arzúa, José Luis García, merece ser 'Festa de Interese Turístico Nacional'. Moito movemento no recinto feiral, actividades e unha gran noite de concertos neste primeiro día do evento gastronómico-festivo. O domingo chega o esperado 'Festival do Queixo', con Luar na Lubre como prato forte.

Por X.M. Fernández | Arzúa | 01/03/2020 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Dende que Benedicta Sánchez gañou o Goya 2020 á mellor actriz revelación a súa axenda empeza a ter serios problemas de espazo. Aos compromisos cos medios de comunicación e programas de televisión hai que sumarlle dun tempo para esta parte as invitacións para facer de pregoeira de importantes eventos festivos e gastronómicos. Neste caso foi exaltar as bondades do queixo de Arzúa este 29 de febreiro.

Fran Cañotas, Benedicta Sánchez e Lidia Veiga. Foto: Org. Festa do Queixo
Fran Cañotas, Benedicta Sánchez e Lidia Veiga. Foto: Org. Festa do Queixo

A organización contou con ela e non defraudou cun pregón no que lembrou o seu contacto coas vacas e cos queixos cando era pequena; exaltou as bondades deste produto e doutros produtos galegos de calidade como o pan, ao tempo que reivindicou a figura da muller no rural. Neste senso dixo que hoxe están empezando a mudar as cousas e tanto home como muller empezan a repartirse mellor os traballos da labranza.

No tema relativo á muller lembrou que a súa nai dicíalle “se unha muller non sabe coser, non é nin media muller”, pero a ela nunca lle importou ese condicionamento e sempre fuxiu de estereotipos de xénero facendo o que lle gustaba, sen importarlle se o que facía estaba etiquetado como ‘de muller’ ou ‘como de home’. Para rematar, guindou un “e para comer, Galicia” que ergueu ao público nunha alongada ovación.

Entre as autoridades que interviñeron na inauguración oficial cabe salientar o alcalde de Arzúa, José Luis García, cando dixo “un dos nosos anhelos máis grandes é o de acadar o título de Festa de Interese Turístico Nacional. Non hai festa que o mereza máis que a do queixo de Arzúa”; e o Conselleiro de Medio Rural da Xunta, José González, que amosou o seu compromiso de apoiar a produtores a través da promoción, indicando que dende a Xunta farase a través da marca Galicia Calidade e do Decreto de Artesanía Alimentaria.

Os presentadores do acto foron dous arzuáns de éxito e bos embaixadores de Arzúa: Lidia Veiga, actriz e filla do coñecido humorista Xan Veiga, e Fran Cañotas, coñecido xornalista da Radio e da Televisión de Galicia.

Ambiente recinto feiral Arzúa. Foto: Org. Festa do Queixo
Ambiente recinto feiral Arzúa. Foto: Org. Festa do Queixo

Nesta 45ª edición hai máis expositores que nunca: un total de 78, dos que 55 son queixerías galegas pero tamén doutros territorios nacionais. Ademais, hai tamén unha chea de actividades para todos os públicos e concertos de moito nivel.

O sábado, ademais do 4º Festival “Pequequeixo”, pensado para os máis pequenos, houbo animación de rúa e ás 21:30 h. empezaron os concertos no Campo da Feira. Actuaron El Capitán Elefante -gañador concurso queixo maquetón-, Tequila, Novedades Carminha e Ladilla Rusa.

Para este domingo, primeiro día de marzo, continuando coa programación, haberá actividades relacionadas co queixo pola mañá, animación de rúa e unha nova oportunidade de gozar do 4º Festival “Pequequeixo” na Praza de Galicia. Ás 12:30 h. Sesión Vermú a cargo de MJ Pérez e xa pola tarde, a partir das 18:00 h. o esperado “Festival do Queixo” cos concertos de Luar na Lubre -o seu concerto pechará a xira ‘Ribeira Sacra’ tras máis de 120 concertos- e Baiuca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta