Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 08/03/2020 | Actualizada ás 11:00
Velaquí unha desas locucións tan introducidas hoxe en día, en non poucos casos, no universo comunicativo galegofalante que xa non se ten consciencia de que se trata dunha construción espuria e allea a el: *xogar ó escondite.
Mais seguro que moitos de vós lembrades que, non hai aínda tanto tempo, os meniños e meniñas na nosa terra (polo menos, en moitas das vilas e aldeas) ó que xogaban era ás agachadas ou ós agochos.
Jugar al escondite
{= 1. Xogar varias persoas –nomeadamente rapaces– a un xogo no que un apanda e conta ata un certo número mentres o resto se agachan, para logo, cando remata de contar, intentar atopalos. 2. Por extensión, adoptar unha persoa unha actitude coa que lle intenta ocultar a alguén as súas verdadeiras intencións.}
Xogar ás agachadas
Xogar ós agochos
Xogar ós acochos
[E MAIS]:
Xogar á lebrescura
Ex. (1): Mucho nos molaba jugar al escondite ahí al ponerse el sol.
Moita idea nos levaba xogar ás agachadas ‡ ós agochos ‡ ós acochos ‡ á lebrescura aí ó se pór o sol.
Ex. (2): Si haces el favor, conmigo ven de cara y no juegues al escondite: las cosas, claras, y el chocolate, oscuro.
Se fas favor, comigo ven de cara e non xogues ás agachadas ‡ ós agochos ‡ ós acochos ‡ á lebrescura: as cousas, claras, e o chocolate, espeso.
● Mesmo tamén, como formas non recolleitas na norma:
Xogar ás agachadelas # ós agochiños # ó agachadoiro # ó tulé # ó couto # ás escondedallas && [E MESMO]: Xogar á caburiña # ó rourrou # ó concirrado # á malla # á taina # á unilla # á donilla # ó garagao # ó feito # á viscuriña
● Tamén, en bastantes contextos, e só para a segunda “acepción”:
Jugar al despiste
Xogar ó despiste
Ex.: Se fas favor, comigo ven de cara e non xogues ó despiste: as cousas, claras, e o chocolate, espeso.
NOTAS:
1. Obsérvese, en relación co segundo dos exemplos e co que comentabamos na primeira nota do anterior artigo, que a voz ven, na medida en que se trata do imperativo do verbo vir e se pronuncia con “e” pechado, non leva acento gráfico, fronte á terceira persoa de singular deste mesmo verbo, que se pronuncia con “e” aberto e si leva acento (el/ela vén por aí).
2. O xogo do couto rexístrase tamén con diversas variantes, como coito ou coite. Se cadra o nome vén dado a partir dun proceso de ampliación semántica que toma como orixe a denominación do sitio de onde arrancan diversos xogos ou de onde parte quen panda neles (isto é, un couto ou sitio acoutado ou previamente delimitado), tal e como se podería deducir, por exemplo, do que recolle Juan Manuel Pintos Villar no seu Vocabulario gallego-castellano («Couto. El sitio donde queda el que hace el dormido en el escondite») ou José María Pereda Álvarez nas súas Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega («Coito. Lugar señalado, de donde arranca el juego de la billarda, escondite, etc.»).
Pola súa banda, o xogo do tule tamén se rexistra noutras fontes como tulé.
3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Carré Alvarellos, Leandro: Diccionario galego-castelán. De entre 1928 e 1931. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Cuveiro Piñol, Juan: Diccionario gallego. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Filgueira Valverde, X. F. & Tobío Fernandes, L. & Magariños Negreira, A. & Cordal Carús, X.: Vocabulario popular castelán-galego. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Franco Grande, Xosé Luís: Diccionario galego castelán e vocabulario castelán-galego (2ª edición). Publicado en 1972. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Otero Álvarez, Aníbal: “Vocabulario de San Jorge de Piquín”. Revista Verba, anexo 7. Universidade de Santiago de Compostela. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Pereda Álvarez, José María: Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega. Publicado en 1953. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Pintos Villar, Juan Manuel: Vocabulario gallego-castellano. Datado ó pé de 1865. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Porto Rey, Francisco: Diccionario gallego-castellano. Publicado en 1900. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).
- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina):
a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.
b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.
c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.