O Ministerio ultima axudas para a descarbonización e a Xunta tacha de "decepcionante" a reunión sobre As Pontes

Haberá un calendario de negociacións en 15 días, e alcalde e sindicatos lamentan que hai "moita incerteza" para auxiliares e transportistas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2020 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, tachou de "decepcionante" a reunión sobre o futuro da central das Pontesnque se celebrou este martes en Madrid, xa que se pechou "sen ningún tipo de propostas" por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica nin de Endesa. En cambio, o Goberno central informou de que se ultiman axudas para descabornización.

Reunión sobre a central das Pontes
Reunión sobre a central das Pontes | Fonte: Europa Press

Así se expresou Conde en declaracións á súa saída da Mesa de Transición das Pontes, na cal Endesa trasladou que se mantén o peche da térmica o ano próximo mentres se continúan coas probas para ver a rendibilidade de biocombustibles.

No encontro, a secretaria de Estado de Enerxía, Sara Aagesen, avanzou que o Goberno ultima unha convocatoria de axudas, dotada con 7 millóns de euros, para mitigar impactos negativos en lugares afectados polo peche de centrais térmicas, como é o caso das Pontes, entre os que se inclúen a colectivos como o de transportistas.

Nesta convocatoria piloto municipios e consorcios poderán presentar proxectos para mitigar impactos, coa inclusión de empresas, traballadores e transportistas. As axudas serán ampliadas en futuras convocatorias, que serán adaptadas en función dos resultados desta primeira edición.

Con todo, o Ministerio confía en que as probas con biocombustibles que levarán a cabo entre maio e xuño "permitirán manter activos dous grupos" da planta das Pontes", segundo sinala nun comunicado.

ACCESO A FONDOS EUROPEOS

Xunto a isto, o Ministerio remarcou que A Coruña será incluída no Fondo de Transición Xusta da Comisión Europea, polo que poderá optar a fondos da UE.

Ademais, Galicia foi incluída na Plataforma de Rexións Carboníferas —espazo da UE para acompañar na transición da descarbonización—, polo que a Xunta participará no próximo encontro do 30 de marzo co fin de acordar unha posición conxunta dos integrantes españois.

Xunto a isto, o Ministerio para a Transición Ecolóxica remitiu á Xunta os protocolos de actuación de Meirama e As Pontes, un paso previo e necesario para activar os convenios de transición xusta en ambas as zonas. As dúas administracións, e os concellos dos territorios, acordarán as datas para as firmas dos documentos.

Con iso, "activarase un proceso participativo cos axentes no territorio a partir do cal se seleccionarán proxectos de desenvolvemento territorial que formen parte do convenio, co fin de xerar emprego de calidade e actividade económica no territorio", explica o Ministerio.

"FORMULACIÓN CLARA DE DESMANTELAR A PLANTA"

O conselleiro de Industria, Francisco Conde, lamentou a "formulación clara de desmantelar a planta" por parte de Endesa e de "non traballar de forma directa na reactivación inmediata".

Deste xeito, a Xunta trasladou ao Ministerio de Transición Ecolóxica a necesidade de tomar "todas as medidas necesarias" para reactivar a planta de forma inmediata, así como "buscar alternativas con diferentes probas de biocombustibles".

Censura que no encontro non se puxeron sobre a mesa "solucións concretas" para os traballadores de auxiliares e transportistas, máis aló do plan de desmantelamento do que se beneficiarán os empregados da térmica.

Por iso, o Goberno galego quéixase de que se segue "na mesma situación" que na última reunión da mesa de seguimento en outubro, con "cinco meses sen ningún tipo de avance". "Non temos ningún tipo de certidumbre sobre a reactivación da planta", recrimina.

CALENDARIO DE REUNIÓNS EN 15 DÍAS

Pola súa banda, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, sinalou que existe "moita incerteza" sobre o que ocorrerá cos traballadores de auxiliares e transportistas.

O rexedor dixo "botar de menos" un "compromiso claro" co emprego destes colectivos. "Non sabemos se vai continuar a planta ou non, e se continua se será cun ou dous grupos; e en todo caso, o inicio das tarefas de desmantelamento atrasaranse un ano e medio", reflexiona.

Apunta que a empresa abre a posibilidade de "dar formación" a estes traballadores para a súa futura recolocación en parques eólicos en Galicia, pero hai un "período de tempo que non se sabe que vai ser deles". "Esiximos compromiso por parte de Endesa", sentenza.

A continuación, agradeceu que "se oficializa" que a zona vai ter axudas para a súa descarbonización. En 15 días haberá unha nova reunión para fixar un calendario "organizado" de encontros para avaliar pasos a seguir.

Finalmente, sobre as probas a realizar con biocombustibles en maio e xuño, Valentín González Formoso explica que se farán coas obras que se estaban realizando de adaptación na central xa terminadas.

TRABALLADORES Á EXPECTATIVA

Nicasio Pena, do sector enerxético de FICA-UGT Galicia, explica que os traballadores se atopan á expectativa de "a ver que pasa cos resultados" das probas con biocombustibles.

Tras a reunión, sinalou que os sindicatos reclamaron o mantemento do emprego "mentres se está na mesa de negociación", pois en 15 días fixarase un calendario de reunións. Emprázase a que Endesa aclare que vai pasar co persoal, auxiliares e transportistas, mentres se demanda que se outorgue formación e a súa recolocación.

Sobre os investimentos de 1.585 millóns de euros para a instalación de 1.500 megawatts, Pena redúceo a "vender motos", polo que instan a concretar medidas, "porque de aquí alá morren moitos", ironiza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta