Temas: CORONAVIRUS

Aumentan a 333 os infectados por coronavirus en Galicia e a catro os mortos

A última vítima mortal,na Coruña, presentaba varias patoloxías previas.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 18/03/2020 | Actualizada ás 11:09

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou este mércores de que o número de casos de coronavirus activos en Galicia ascende a 333, 28 máis que no último informe, así como que se produciron catro falecementos e catro altas.

Posible infectada de coronavirus sendo atendida en Urxencias
Posible infectada de coronavirus sendo atendida en Urxencias | Fonte: @ Miguel Núñez.

En concreto, segundo a información da Xunta, a área máis afectada é a da Coruña, onde están 108 dos afectados, mentres que 56 están na área de Santiago, 49 na de Vigo e 47 na de Pontevedra. Así mesmo, a área de Lugo rexistra 31 infectados e a de Ferrol oito.

Do total de pacientes positivos, 11 permanecen ingresados na UCI, 63 están en unidades de hospitalización convencional e 259 permanecen illados no seu domicilio, dado que as súas condicións de saúde o permiten.

Así mesmo, polo de agora, Galicia rexistrou catro altas e catro falecementos, o último deles o dun home de 72 anos, con patoloxías previas, que permanecía ingresado na UCI do Hospital da Coruña. Este paciente residía na Coruña, pero era natural de Cedeira. Tanto nesta localidade, como en Cariño, localidade da que era a súa muller, xa falecida, e na que adoitaba veranear, acolleuse con consternación o seu falecemento.

O home era xubilado do sector bancario e tiña un familiar usuario das instalacións da Asociación Pro Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (Aspronaga), onde se detectou un primeiro positivo a pasada semana no centro de día e laboral de Lamastelle en Oleiros.

O primeiro falecido con coronavirus en Galicia produciuse o pasado sábado e foi unha muller de 92 anos ingresada en Povisa (Vigo). Na mesma xornada falecía un home e 81 anos ingresado en Pontevedra e este luns informábase de que falecera outro paciente, un home de 45 anos, con "moita patoloxía previa", que permanecía ingresado na Coruña.

Por outra banda, a Consellería de Sanidade informou de que o numero de probas de coronavirus realizadas ata o momento en Galicia é de 2.614. Seguindo as instrucións de comunicación do Ministerio de Sanidade, a partir deste mércores só se realizará unha actualización diaria dos casos.

Dado o volume de asistencia xerado, Sanidade lembrou a necesidade de empregar o 061 unicamente para casos graves e emerxencias doutra índole, e remitirse ao 900 400 116 para dúbidas ou síntomas leves. A maiores, o Sergas habilitou unha páxina web (https://coronavirus.sergas.gal) para proporcionar información á poboación.

USO RACIONAL DAS MÁSCARAS

A xerencia de Xestión Integrada da Coruña fixou unhas pautas sobre o uso de máscaras por parte dos profesionais, unha medida que desde o centro hospitalario vincularon cun "uso racional" das mesmas.

De acordo co citado escrito, e ao que tivo acceso Europa Press, establécese, entre outras cuestións, que nas unidades de hospitalización as máscaras tipo FFP3, que só deixan ingresar un 2% das partículas circulantes, entregaranse polas supervisoras de garda.

Temas: CORONAVIRUS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta