ABANCA sae en axuda da Xunta coa compra de 150 unidades de coidados intensivos

Servirán para atender pacientes con problemas respiratorios. Pretende dar resposta ás necesidades máis urxentes do sistema de saúde galego con motivo do COVID-19.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 25/03/2020 | Actualizada ás 15:28

Comparte esta noticia

ABANCA vén de pechar a compra de 150 unidades individuais de coidados intensivos que chegarán a Galicia a vindeira semana e que se doarán á Xunta para axudar a todos aqueles pacientes que ingresen con insuficiencias respiratorias. É o xeito que ten o banco galego de botarlle unha man ao Goberno galego ante a posibilidade que empeore a situación en Galicia e as deficultades que ten o Executivo de Feijóo para facerse con este material no mercado internacional ante a competencia entre os grandes países por facerse con el.

“A compra destas sofisticadas unidades que funcionan como prazas de coidados intensivos foi decidida conxuntamente coa Xunta de Galicia e de acordo coas necesidades prioritarias que presenta o sistema de saúde galego para afrontar o coidado das persoas afectadas polo COVID-19”, apunta ABANCA nun comunicado.

Estas unidades son máquinas que axudan ao paciente a respirar pola súa conta ou ben para que poida ter, coa axuda artificial, a ventilación que necesita. Este modelo vai conectado a un ordenador cunha pantalla táctil onde se rexistran os datos necesarios para o persoal médico. Tamén contan con alarmas e avisan cando hai algún erro.

Respiradores ou equipos de Respiración instalados nas UCIS para facer fronte ao coronavirus
Respiradores ou equipos de Respiración instalados nas UCIS para facer fronte ao coronavirus | Fonte: EFE

RESPIRADORES ARTIFICIAIS

O modelo doado serve para adultos, nenos e bebés e permite aos profesionais sanitarios usar diferentes modos de respiración artificial, segundo apunta o banco nun comunicado.  “Ademais, está suxeito a uns estándares de calidade moi elevados e ofrece aos profesionais das UCIS dos hospitais galegos procedementos de ventilación modernos e esenciais para proporcionar aos pacientes os coidados necesarios”, engade.

Neste momento, este tipo de equipamentos son imprescindibles nos hospitais xa que son os que se utilizan para casos de pacientes con problemas respiratorios. De feito, Feijóo sinalou en varias ocasións que este tipo de material é vital para facer fronte a situación de crise sanitaria xa que o coronavirus afecta precisamente o sistema respiratorio. De feito, estímase que o 3% dos infectados co virus COVID-19 necesitarán sistemas de ventilación mecánica e serán considerados como moi graves.

OUTRAS MEDIDAS

ABANCA tamén anunciou outras medidas como condonar tres meses de aluguer ás familias máis vulnerables, anticipar o pago das pensións aos preto de 400.000 clientes que teñen domiciliado este ingreso no banco e o ‘Plan Anticipar, que inclúe un paquete de medidas extraordinarias para acompañar e axudar ás familias e empresas a paliar os efectos económicos derivados desta crise sanitaria mediante respostas anticipadas de financiamento ou xestión operativa coa mobilización de 8.300 millóns de euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 noxo de pais¡¡¡

Agora qué é o importante .... que as diputacións teñan centos de millos para asfaltar camiños ou que se destine ata o últimos céntimo para mercar respiradores.... noxo de país...¡¡¡¡