Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2020 | Actualizada ás 14:46
A coalición Galicia en Común-Anova Mareas insistiu na súa reclamación á Xunta para que "interveña" e "medicalice" as residencias de maiores e así "evitar o colapso" destes centros ante a proliferación de contagios entre usuarios e traballadores.
Nun comunicado emitido este venres, o portavoz da coalición, Antón Gómez-Reino, subliñou a necesidade de que o Goberno galego dote de "medios humanos e técnicos necesarios" para as residencias de maiores.
"Levamos días reclamándolle a Núñez Feijóo que actúe sen demora nas residencias da terceira idade, que están a ser focos importantes de contaxio entre usuarias e coidadores, sen profundar no sufrimento e a angustia de moitas familias galegas afastadas das súas avoas e avós", aseverou.
Así mesmo, demandou que "todos" os recursos da sanidade privada pasen a mans das administracións públicas para combater a pandemia de coronavirus, como o pasado xoves solicitou o portavoz de Común da Esquerda, Antón Sánchez, na deputación permanente do Parlmento galego.
PSDEG
O portavoz de sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, urxiu tamén a contratación de máis persoal para residencias de maiores e persoas con diversidade funcional, así como "o cumprimento estrito dos protocolos" para impedir os contaxios da covid-19.
Nun comunicado, os socialistas trasladaron a súa colaboración á Xunta, pero solicitaron información "máis precisa sobre as residencias de maiores" e, ante a "preocupante" situación destas, sinalou que "hai que tomar todas as medidas para garantir que non se sigan producindo contaxios masivos".
"Hai que mellorar en termos de persoal", indicou o socialista, quen sinalou que na última década Galicia perdeu un 7 por cento dos traballadores en residencias.
BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou a Xunta e Estado que "actúen" para articular medidas que protexan os traballadores que están a perder os seus postos de traballo no medio da crise sanitaria derivada da Covid-19 e, ao tempo, reclama "paralizar a actividade non esencial" e "máis medidas de protección" tanto na "sanidade, servizos públicos, alimentación e subministracións".
"É importante que se garantan que teñan protección", aseverou a líder nacionalista que, xunto con outros membros do BNG, mantivo este venres un encontro cunha delegación da CIG para analizar a situación laboral na que se atopa Galicia.
Así, advertiu de que o 10 por cento da poboación activa de Galicia perdeu o seu posto de traballo, aos que hai que sumar o "gran número de traballadores precarios, contratados por empresas de traballo temporal" que tamén perderán o seu posto "sen ningunha protección".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.