Gómez-Reino reclama a Feijóo que interveña a sanidade privada antes de levantar hospitais de "campaña"

O portavoz de Galicia en Común cre que a Xunta debe intervir "todos os recursos sanitarios privados que hai no país". O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, reclamou á Xunta pór en marcha "todas as medidas" para protexer aos maiores que viven en residencias.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2020 | Actualizada ás 17:56

Comparte esta noticia

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, reclamou de novo este sábado ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "antes" de pensar en levantar hospitais de campaña debe intervir os centros sanitarios privados e concertados existentes en Galicia.

"Os 22 hospitais privados de Galicia contan con 2.285 camas, o 23% do total. A prioridade da Xunta debe ser usalas xa para enfrontar a epidemia antes de propor a construción de hospitais de campaña", incidiu o tamén deputado no Congreso e secretario xeral de Podemos Galicia.

Así, como fixo en varias ocasións desde o inicio da pandemia, Gómez-Reino cre que a Xunta debe intervir "todos os recursos sanitarios privados que hai no país".

Segundo Gómez-Reino, o sector sanitario privado "ten o 23% do total" das camas hospitalarias e realiza "o 26,5% da atención hospitalaria e sanitaria". A iso engade o persoal que compaxina actividade privada e pública (563 médicos e 1.744 profesionais de enfermaría).

"Todos eses recursos materiais e humanos en mans privadaos terían que estar xa ao servizo da loita contra o COVID-19. Non ten sentido que antes de usalos, a Xunta pense en levantar hospitais de campaña para derivar alí a pacientes que estarán obxectivamente en peores condicións que neses centros", incidiu.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa. EUROPA PRESS - Arquivo
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

PSDEG

O PSdeG-PSOE solicitará a comparecencia dos conselleiros de Sanidade e Política Social, Jesús Vázquez Almuiña e Fabiola García, respectivamente, na Deputación Permanente do Parlamento para que informen sobre a evolución do coronavirus en Galicia e, máis concretamente, nas residencias de maiores.

A través dun comunicado, o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, manifestou a súa "preocupación" pola crise sanitaria e reclamou á Xunta pór en marcha "todas as medidas" para protexer aos maiores que viven en residencias.

Tras coñecerse este sábado que a cifra de anciáns con coronavirus nestes centros alcanza os 190 e que a Xunta estuda converter a residencia DomusVi Barreiro, en Vigo, na terceira residencia integrada da Comunidade, Caballero advertiu que as previsións actuais "están desbordadas".

Ademais, na mesma xornada, transcendía que a Federación Galega de Usuarios e Familias de Residencias e Dependencia (REDE) denunciou ante a Fiscalía Superior de Galicia as accións "neglixentes" que, segundo apuntan, están a levarse a cabo nos centros ante a expansión do COVID-19.

Así as cousas, o secretario xeral do PSdeG solicitou que os conselleiros de Sanidade e Política Social dean "toda a información coa máxima transparencia", á vez que ha demandando que se actúe "con dilixencia" e "cumprindo todos os protocolos" no coidado da terceira idade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Que llo conte ao seu tío Abel que deixou pasar o Edificio Cíes (regalado) porque non consideraba necesario un centro de día municipal en Vigo (agora a Residencia DomusVi é un foco de infección estupendo!) https://flic.kr/p/Ug8tTs