O Goberno axilizará xulgados para afrontar o volume de ERTE

As comunidades terán que informar a Facenda cada mes sobre as súas actuacións ante a crise do COVID-19. A Deputación da Coruña dará axudas ao sector cultural.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 31/03/2020 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

O Goberno aprobará un plan de actuación para axilizar a actividade xudicial nos xulgados e tribunais de orde social e contenciosa-administrativo, así como nos xulgados do mercantil unha vez conclúa o estado de alarma decretado pola crise sanitaria provocada pola pandemia do coronavirus. Previsiblemente, estes xulgados veranse máis afectados polo parón da actividade económica que supuxo o confinamento e as medidas excepcionais aprobadas polo Executivo, como os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE).

Trátase dunha medida que o ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, xa anunciou o pasado venres nunha entrevista radiofónica na que explicou que o Goberno estaba "a barallar" o establecemento de "plans de reforzo" para que estes órganos poidan "articular e dixerir todo o volume" de ERTE que se están presentando en toda España.

Segundo informou o Ministerio de Xustiza, o Real Decreto-Lei aprobado polo Consello de Ministros este martes, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao Covid-19, obriga ao Goberno, a proposta do Ministerio de Xustiza, a aprobar medidas de axilización procesual tras o levantamento do estado de alarma con obxectivo de contribuír á recuperación económica tras a crise da pandemia.

Rolda de prensa da portavoz do Goberno, María Jesús Montero, tras o Consello de Ministros. MONCLOA
Rolda de prensa da portavoz do Goberno, María Jesús Montero, tras o Consello de Ministros. MONCLOA

INFORMAR AO GOBERNO

Ademais, as comunidades autónomas deberán informar cada mes ao Ministerio de Facenda, e os concellos cada tres meses, das súas actuacións levadas a cabo para afrontar a situación de emerxencia derivada da expansión do virus Covid-19.

Así, o Goberno reforzou as esixencias de información económico-financeira para que estas administracións dean conta dos efectos derivados de actuacións acometidas en relación a esta crise, así como outra información que se lles solicite para cumprir as disposicións do decreto lei aprobado este martes polo Consello de Ministros, onde se establecen medidas relacionadas co aluguer, subministracións básicas, autónomos e prestacións sociais.

AXUDAS DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Por outra banda, a Deputación da Coruña buscará co sector cultural medidas para a reactivación do sector para paliar os efectos negativos do coronavirus, segundo informa o organismo provincial. Para iso, o deputado de Cultura, Xurxo Couto, púxose en contacto coas asociacións profesionais do sector para traballar "man a man" na recuperación despois de terminar o estado de alarma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta