Cal é o futuro que lle espera á economía galega logo da crise polo coronavirus?

As medidas económicas aprobadas polo Goberno central nesta última semana, son valoradas polos empresarios como boas, mais chegan tarde. As estimacións falan dunha crise económica da que se descoñece a súa profundidade e a súa duración. Por outra parte, a pandemia do coronavirus, segundo os empresarios, debería servir para tomar en conta factores de risco que ata o día de hoxe non se contaba con eles.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 02/04/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Ninguén quere poxar por que acontecerá logo da supresión das medidas especiais para frear os contaxios por coronavirus. Empresarios e economistas consideran que farán falta investimentos importantes en todos os sectores para a recuperación do ritmo produtivo. Esta recuperación vai ligada á duración das medidas de confinamento e de restricción en actividades non esenciais. En Galicia a capacidade para resistir o impacto das medidas é menor, con sectores produtivos xa debilitados e cun tecido económico baseado en PEMEs e autónomos. A conclusión é que nada será igual e se se quere despegar hai que poñer todas as medidas necesarias para cando acaben as restriccións.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, atende a vos medios de comunicación antes da reunión do Consello Europeo na que se debate sobre o orzamento a longo prazo da UE para 2021-2027. Moncloa
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, atende a vos medios de comunicación antes da reunión do Consello Europeo na que se debate sobre o orzamento a longo prazo da UE para 2021-2027. Moncloa


HABERÁ CRISE ECONÓMICA?

A crise económica está aí, paralizar países enteiros con cadanseu tecido produtivo, implica unha recesión queiramos ou non. A gran pregunta é cales serán as proporcións desa crise. Miguel Vázquez Taín, presidente do Consello Galego de Economistas ten claro que o volume da crise “dependerá do tempo que se estenda a crise sanitaria e as medidas que se tomen”. E aí está o punto sinalado por moitas voces críticas coas medidas. As primeiras medidas chegaron tarde.

Vázquez Taín cre que hai que mirar esta conclusión desde dous puntos de vista, o sanitario e o económico. “O de tomar medidas sanitarias para frear a tempo a extensión da pandemia, iso é algo sanitario, mais desde logo as medidas tomadas polo Goberno co último decreto lei xa está tendo impacto na economía”.

Jorge Cebreiros, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, estima que Europa pecou de confianza ante o coronavirus e a súa expansión, o mesmo que países como EE UU. Logo as consecuencias foron notorias. “Mentres que en Italia pechaban rexións enteiras no norte dese país, aquí (España) iamos de manifestación”. Mais tamén cre que os decretos creados para esta situación non definen ben moitos conceptos como “actividades non esenciais”.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, intervén no Almorzo informativo de Nova Economía Forum celebrado en Hotel Westin Palace, en Madrid, a 25 de febreiro de 2020.. Eduardo Parra - Europa Press
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, intervén no Almorzo informativo de Nova Economía Forum celebrado en Hotel Westin Palace, en Madrid, a 25 de febreiro de 2020.. Eduardo Parra - Europa Press

Sobre este punto, Cebreiros cre que colocar a todas as empresas “por igual” e a falta dunha negociación consensuada coas Comunidades Autónomas (CCAA), puxo en evidencia que “o decreto do domingo 29 de marzo tería que estar o mércores 25, todo isto demostra unha grande improvisación”. Sobre unha negociación coas CCAA, Cebreiros sinala que “como é posible que Asturias é capaz de negociar que non pechen 30 industrias mentres que con Galicia e País Vasco non se negociou?”

A paralización terá consecuencias para todos os sectores, por iso ven moi necesario poñer en marcha axudas en profundidade que permitan unha recuperación rápida. A finalidade é minimizar o impacto da corentena económica.

MEDIDAS E CONSECUENCIAS

Desde a CEP levamos hai tres semanas ao Goberno central unha serie de medidas como a moratoria sobre os gastos fixos de empresas, hipotecas e cotas” di Jorge Cebreiros, que tamén sinala “damos a benvida ás moratorias de seis meses” mais insiste en que chegan tarde. O motivo de insistir neste punto é que a paralización da actividade por moi curta que sexa pasa factura ás empresas queiran ou non, por iso non comprende por que se tardou tanto, tres semanas, e ter un plan de acción como o do último decreto lei.

Unha das medidas adoptadas foi prohibir despedimentos mentres dure a corentena, un punto cuestionado desde o ámbito empresarial. Vázquez Taín estima que “os empresarios teñen algo de razón” cando piden manter a actividade “aínda que sexa baixo mínimos para que logo podan seguir”. A paralización da actividade debera definir en concreto o grao de baixada do ritmo de produción. “Cada empresa pode valorar cal é o ritmo de freada  que pode soportar” sinala Jorge Cebreiros que, con algo de optimismo, tamén cre que isto pode deixar ás empresas preparadas para o futuro máis inmediato.

Sobre este último punto, Cebreiros sinala que “durante unha conferencia, o profesor Antón Costas apuntaba que as empresas non descontaban os riscos ambientais que lles poden afectar”. A tradución é que amplas capas do sector empresarial non prevén cuestións como os desastres naturais e a incidencia sobre a súa capacidade produtiva e de resistencia. Por tanto “un imprevisto dunha magnitude como esta pandemia debera levarnos a tomar conciencia de futuros riscos máis alá dos que xa coñecemos”.

Por outra parte, e concretando máis, as consecuencias que se poderán sentir en Galicia, como no resto do Estado, están por ver. Con todo, Vázquez Taín sinala  que o tecido empresarial e económico galegos “son sobre todo pemes e autónomos ademais de ser un tecido moi fagocitado, por iso a capacidade de resistencia é menor”. Por iso a importancia de dar balóns de osíxeno a todo o tecido.

De momento o número de traballadores baixo ERTEs son 140.000 en Galicia só en dúas semanas, segundo a CEP. “Estariamos perdendo máis dun 20% de poboación activa sen ter en conta autónomos e o sector público” di Jorge Cebreiros. Outras consencuencias é que o PIB do estado podería perder 4,5 puntos por dous meses de parada e 11 puntos por seis meses. Xunto a isto están as perdas de mercados exteriores.

EUROPA E O OSÍXENO

O presidente do Goberno anunciaba nos primeiros días da corentena que o Estado pretendía a mobilización de 200.000 millóns de euros para facer fronte á crise económica parella á sanitaria. O anuncio foi ben acollido mais con escepticismo. “Hai que empezar a planificar a saída da crise xa” di Vázquez Taín, que insiste na necesidade de aportar recursos, “ao mellor fan falta máis de 200.000 millóns, porque agora mesmo todo está moi indefinido”.

Pedro Sánchez chamaba a crear un “Plan Marshall” que permitise a reconstrución do espazo da Unión Europea (UE). Buscaba un alivio, xunto con outros países do sur como Portugal, Italia e mesmo Francia, para as arcas do Estado. Pediu a creación de eurobonos, tamén chamados “coronabonos”, mais na última reunión de xefes de goberno da UE, a resposta desde o Norte de Europa foi non. Alemaña, Países Baixos e outros, negáronse en redondo. Insolidariedade? Quedan uns días para saber que pasará con estas propostas ata que se reúnan outra vez os xefes de goberno.

“Europa ten que buscar mecanismos para poder facer fronte a este déficit” di Vázquez Taín, que mostra un certo optimismo cando di que “os líderes europeos non chegaron a un acordo, mais penso que deberán poñer todo sobre a mesa para afrontar o momento despois”. Para iso, o economista estima que se podería reorientar parte do orzamento europeo, mais é necesario apurar porque senón a recuperación será moi lenta.

Os países do Norte teñen medo. Por que? “A resposta é a que dan sempre ás crisis dos países do Mediterráneo, mais agora que España é valente, piden 15 días para decidir” sinala Jorge Cebreiros. “Isto dá a razón a quen quere romper o proxecto europeo”, en referencia ás divisións internas na UE. “En quince días, os que piden para decidir, moitos empresarios e empresarias perderán moito ou deberán pechar”.

“Os países do Norte sempre nos miran con receo” remarca Vázquez Taín. Sinala isto último porque “cando podemos ter algo de osíxeno, os países mediterráneos non seguimos as mesmas regras para corrixir os nosos desequilibrios”. Taín comprende a actitude de países como Alemaña,  “mais penso que se equivocan, porque ou saímos todos xuntos ou eles estarán tamén afectados”. Están equivocados se pensan que os países do sur é problema noso e non lles afecta a eles.

En Europa unha falta de solidariedade interna está por poñer contra as cordas a idea mesma da UE. Por iso os sectores implicados na economía, sobre todo desde o sur de Europa, piden unha resposta inmediata para afrontar tanto o presente como o futuro económico galego, español e europeo. Tamén está a necesidade de tomar nota daquelas feblezas e fortalezas para que, en futuras situacións semellantes, os gobernos e a poboación non estean desprotexidos. De momento, sectores da economía piden máis celeridade e actuar con contundencia.

A ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz.
A ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 xacobea

E o momento de cambiar,osixenarse e e das ideas.Chega o tempo das oportunidades se se xestionan ben

2 Fanheca

Fai uns días que non vexo nestas leiras virtuais a Voxtrus ou ó anónimo, "tanto monta monta tanto". Agora volta galleguita. Cheira a troll.

1 Violeta 4

Imaxínade o programa político de Podemos/BNG para Galicia: contratar 20.000 novos liberados sindicais, regalar 500 millóns de euros ás organizacións de xénero para colocar enchufadas, e paga para tod@s @s que aplaudan aos marqueses de Galapagar

1 Sentidiño

A enfermidade afecta o aparello respiratorio, así que pode vostede estar tranquila: o seu non é coronavirus.

2 galeguiña

Perdón Violeta, non son marqueses. O título de Condes de Galapagar é mais apropiado. Esqueces o rego de millóns para a língua rexional que, no caso que nos ocupa, multiplícarase por 100 (dende que existe este enxendro da Autonomía e o chiringuito da "Anormalización" van centos e centos de millóns. Atrévome a dicir caseque miles). Tamén hai moitos que enchufar do PSOE en postos da Administración, aínda que éstes, como son mais señoritos, prefiren cousas relacionadas coa universidad, a consellería de Presidencia ou todo tipo de axencias de desenvolvemento rexional. Eso sí, moi poucos deles con estudios superiores, con traxectoria empresarial ou cun posto gañado nunha oposición; neso pareceranse a Adriana Lastra, de profesión…su partido