Por Galicia Confidencial | Vigo | 19/11/2012 | Actualizada ás 12:25
"Consideramos completamente desproporcionada a resposta aos ataques presuntamente perpetrados por Hamás e avogamos por unha resolución pacífica ao conflito que inclúa o recoñecemento de Palestina como estado de pleno dereito". Así o considera un grupo de cidadáns que, de xeito particular, convocaron distintas concentracións en Galicia.
Por iso, varias localidades galegas, entre elas Vigo, A Coruña e Ferrol, acollern este luns concentracións en apoio ao pobo palestino e de condena polas "agresións cometidas" por parte do Estado de Israel contra a poboación palestina.
As concentracións en Galicia terán lugar na Coruña (20.30 horas, no Obelisco), Vigo (20.30 horas, Farol de Príncipe), O Barco de Valdeorras (20.30 horas, ante o Concello), Ferrol (20.30 horas, fronte ao edificio administrativo da Xunta), Cangas (20.00 horas, fronte ao Concello) e Cee (20.30 horas, Praza 8 de Marzo).
Nos últimos días, distintas formacións da esquerda galega, entre elas, EU, Anova, Nós-UP ou BNG amosaron o seu rexeitamento. Pola súa banda, a Asociación Galega de Amistade con Israel, Agai, defende a actuación do exercito israelí para defenderse dos centos de misiles que os palestinos teñen lanzado desde o pasado 14 de novembro e critican a "manipulación" das informacións por parte dos medios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.