Por admin | A Coruña | 16/05/2025
Victor Hugo da Silva Vasconcellos
Os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) indican unha baixada significativa no uso do galego, especialmente entre os máis novos, convertendo a lingua en minoritaria por primeira vez na súa historia. Ante isto, o achegamento á súa variedade de maior prestixio, o portugués, é un bo camiño cultural, lingüístico e económico para que o galego se fortaleza en Galiza. A provocación deste artigo é: por que motivos debería Galiza escoller o Brasil para este fin e non Portugal?
Para responder a esta pregunta, o texto dividirase en bloques argumentativos co obxectivo de explorar cada tema e enumerar os puntos positivos desta elección. Os bloques temáticos son: flexibilidade lingüística e histórica; oportunidades económicas; oportunidades académicas; e representatividade lingüística e cultural.
1. Flexibilidade Lingüística e Histórica
O 2 de setembro de 2019, o Portal Galego da Língua (AGAL) entrevistou Victor Freixanes, naquele momento presidente da RAG. O tema da entrevista foi Ricardo Calero e tamén as posibilidades para o galego (reintegracionismo e binormativismo). Nunha pasaxe da entrevista, Freixanes destacou as diferenzas entre o tratamento da lingua galega no Brasil e en Portugal:
[...] agora a filologia portuguesa com o tema do galego não acaba de entender que o português é filho daquele galego medieval. Então há uma corrente moderna filológica portuguesa que fala do português arcaico. Quer dizer, Mendinho, Pedro da Ponte, Bernardo Bonaval, Airas Nunes… escreveram em português arcaico. Que demo é o português arcaico!? Porquê? Porque não são capazes de reconhecer que a sua identidade linguística-nacional…
[...] E os portugueses falam e desenvolveram aquela língua original. E nós, na nossa intervenção, insistimos muito em situar historicamente o galego nesse discurso. Os brasileiro entendem muito bem isto, mas entre os portugueses há de tudo…
O Brasil ten unha relación máis libre coa súa cultura e coa lingua portuguesa. A gramática usada no Brasil é escrita e actualizada por gramáticos brasileiros, o que fai que a comprensión das multiplicidades e variedades lingüísticas sexa moito máis natural, sen o control directo da antiga metrópole. Ao contrario do que ocorre en Angola, como exemplo, onde a gramática utilizada é escrita, actualizada e enviada por Portugal.
Como xa sinalou Victor Freixanes, a cuestión histórica e orixinaria das linguas galaicas está en Galiza e é ben aceptada nas universidades brasileiras. O Brasil é unha nación que fala a lingua herdada da colonización portuguesa. Isto fai del a terceira xeración de falantes da lingua galaica e o maior representante de falantes desta lingua no planeta.
Esta aceptación histórica e a comprensión da variedade lingüística falada en Galiza facilitarían a unión destas dúas nacións. A relación sería simétrica, sen imposicións ou correccións lingüísticas por parte de ningún dos dous lados, grazas ao respecto mutuo que xurdiría desta unión. A partir de aquí, todos os acordos comerciais estarían nesta sintonía, independentemente da ortografía utilizada nestes trámites.
2. Oportunidades Económicas
A economía brasileira é a maior de América Latina, cun mercado consumidor de máis de 200 millóns de persoas. Ademais, é membro fundador do BRICS, cuxo banco está presidido por unha brasileira. As empresas galegas poderían facer negocios co Brasil, mentres que as empresas brasileiras poderían investir en Galiza.
Como a 9ª economía máis grande do mundo en 2024, o Brasil presenta sectores fortes no agronegocio, tecnoloxía, enerxía e industria, ademais de oportunidades en mercados emerxentes do comercio dixital. O mercado consumidor brasileiro é enorme, atrae moitos investimentos e ofrece parcerías en sectores máis diversificados.
A cuestión lingüística facilitaría o turismo brasileiro en Galiza, atraendo máis visitantes interesados na cultura e nas raíces galegas. Galiza poderíase promocionar no Brasil como un destino histórico e cultural, destacando a súa importancia no proceso lingüístico da lingua brasileira. En 2024, 22 millóns de brasileiros viaxaron ao estranxeiro, pero o destino preferido en Europa foi Portugal. É hora de que Galiza se faga coñecida. Se Galiza quere crecer máis aló do eixo español-portugués, o Brasil é a mellor aposta estratéxica.
3. Cooperación Académica e Científica
No Brasil hai un número significativo de universidades: 42 provinciais e 69 federais, sumando 111 universidades públicas. A súa produción académica é robusta e podería fortalecer a presenza galega no espazo de lingua portuguesa para gañar visibilidade internacional.
O brasileiro Paulo Freire segue sendo un dos intelectuais máis citados do mundo, especialmente nas áreas de Educación, Pedagoxía Crítica e Ciencias Humanas. Na listaxe internacional, en ciencias humanas e sociais, este intelectual é o terceiro máis citado, só por detrás de Karl Marx e Michel Foucault.
As universidades galegas, ao estreitar lazos coas institucións brasileiras e promover intercambios estudantís e investigacións conxuntas, estarían reforzando a identidade galega no mundo. Ampliarían as redes de contacto e exportarían as súas investigacións con maior fluidez.
4. Representatividade Lingüística e Cultural
A poboación brasileira rolda os 215 millóns de persoas en 2025, mentres que a de Portugal non chega aos 12 millóns. O Brasil é responsable de máis do 75% dos falantes de portugués no mundo e é o maior influenciador cultural nesta lingua. Considerando só as áreas de produción de contidos para internet, literatura, cinema e música, o intercambio cultural sería infinitamente interesante para Galiza, xa que podería beneficiarse da visibilidade brasileira para se posicionar como ponte entre Europa e América Latina.
Na era da informatización, onde os produtos poden ser total ou parcialmente dixitais, esta relación fortaleceríase cada vez máis. Na produción de contido dixital, o Brasil ten unha gran cantidade de publicacións e unha enorme diversidade. En dominios de páxinas web, o Brasil ten uns 4,5 millóns (6º maior produtor mundial).
4.1 Youtube
En canto aos canles de Youtube, hai 500.000 canles activas con máis de 100.000 subscritores e 50.000 canles activas con máis de 10.000 subscritores. As visualizacións diarias superan os 1.000 millóns. O Youtube brasileiro ten 10 veces máis visualizacións diarias que o portugués. E dentro da Comunidade de Países de Língua Portuguesa (CPLP), as canles brasileiras son as máis vistas (incluso en Portugal). Aproximadamente o 70% dos vídeos máis vistos polos portugueses e o 20% dos vídeos máis vistos polos galegos son de creadores brasileiros.
4.2 Instagram
No Instagram, o Brasil ten 120 millóns de usuarios activos fronte a só 6 millóns de Portugal. Os perfís brasileiros con máis dun millón de seguidores son aproximadamente 5.000, mentres que os portugueses non chegan a 300. O Brasil ten 20 veces máis usuarios no Instagram que Portugal, e ademais, os influenciadores brasileiros teñen miles de seguidores portugueses.
4.3 Outras plataformas dixitais
En plataformas como Spotify, Apple e Deezer, hai 30.000 podcasts activos. O Brasil é o segundo maior mercado de podcasts do mundo (só por detrás dos EE.UU.). Na Twitch, hai 15.000 emisións en directo activas, e os brasileiros ocupan o 5º posto mundial en audiencia. No TikTok, hai 100 millóns de usuarios activos, o que o converte no 3º maior mercado do mundo.
En resumo, en todo o universo dixitais—páxinas web, YouTube, podcasts, Instagram, Twitch e TikTok—, o Brasil é o maior expoente en lingua portuguesa e supera barreiras lingüísticas para proxectar os seus produtos a nivel global. Algo que non ocorre con Portugal.
2.4 Literatura
A literatura brasileira, no panorama global, é recoñecida pola súa riqueza temática, diversidade cultural e innovación estilística. É unha das máis influentes entre os membros da CPLP e de América Latina. Entre os autores máis destacados están: Jorge Amado (un dos autores máis traducidos do mundo); Clarice Lispector (considerada unha das maiores escritoras do século XX, comparada con Virginia Woolf e James Joyce; a súa obra A Hora da Estrela estúdase en universidades de todo o mundo); Machado de Assis (fundador da Academia Brasileira de Letras; o seu Dom Casmurro é un clásico universal, comparado con Shakespeare pola súa profundidade psicolóxica); Paulo Coelho (o autor máis traducido da lingua portuguesa).
O Brasil está entre os 10 países con máis libros traducidos do mundo. A súa influencia chega mesmo ás universidades máis prestixiosas: Machado de Assis estúdase en Harvard, Yale, a Sorbonne e Oxford; Clarice Lispector é obxecto de teses en máis de 40 universidades. Outros autores destacados son João Guimarães Rosa, Milton Hatoum, Conceição Evaristo e Paulo Coelho.
Aínda que Portugal ten unha rica tradición literaria, a literatura brasileira é máis influente no mundo que a portuguesa.
4.5 Cinema
O Brasil é o maior produtor de filmes de América Latina, cunha industria consolidada con Globo Filmes, Netflix Brasil e Amazon Originals. Algúns dos seus filmes máis recoñecidos son: Cidade de Deus; Central do Brasil (Oso de Ouro en Berlín); Tropa de Elite; Bacurau (Premio do Xurado en Cannes); Ainda Estou Aqui (Óscar ó mellor filme estranxeiro).
4.6 Música
A produción musical brasileira é intensa: lánzanse 500.000 cancións cada ano. O Brasil é o 9º maior mercado musical do mundo, e o seu contido consómese globalmente. En 2023, o 35% das cancións máis escoitadas nas radios galegas eran en portugués, maioritariamente brasileiras.
Xéneros como o samba, a bossa nova, a MPB, o funk carioca, o sertanejo, o axé e o forró son famosos en todo o mundo. Movementos como a Tropicália (con figuras como Caetano Veloso, Gilberto Gil, Torquato Neto, Tom Zé, Nara Leão, Gal Costa e Os Mutantes) estúdanse en universidades estranxeiras.
O Brasil é a gran aposta?
Tanto en cuestións culturais, económicas e lingüísticas, o Brasil convértese nun potencial aliado estratéxico para Galiza. Co seu gran mercado consumidor, os galegos terían un público enorme para divulgar, exportar e fortalecer as súas producións culturais. Actualmente, Galiza case non ten presenza no Brasil, agás en pequenos nichos académicos.
Pola contra, o Brasil non é descoñecido polos galegos. En Galiza consómese máis cultura brasileira que portuguesa en varios âmbitos. Na música, O funk carioca escoítase máis que o fado ou o pop portugués; o sertanejo está presente en festas e emisoras galegas; a MPB/pop é máis coñecida que os artistas portugueses contemporáneos. En 2023, 3 das 10 cancións máis tocadas en Galiza durante os festivais de verán eran brasileiras.
As telenovelas brasileiras da TV Globo emitidas pola TVG: Avenida Brasil; Totalmente Demais; Em Família (con escenas rodadas en Santiago); Amor à Vida; Cheias de Charme; Cobras & Lagartos. Todas elas tiveron moita máis audiencia que as portuguesas.
Os filmes brasileiros véndense máis que os de Portugal. A serie 3% tivo máis audiencia en Galiza que a produción portuguesa Glória. Os youtubers e influenciadores brasileiros (como Anitta e Whindersson) teñen máis seguidores galegos que os portugueses. Do total de vídeos en portugués vistos en Galiza no YouTube, o 60% son brasileiros.
En cuestións económicas, se o Brasil for consumidor de produtos galegos daría moita proxección a Galiza, abrindo un horizonte de crecemento e parcerías estratéxicas moito maiores que o eixo España-Norte de Portugal. Os galegos terían un país de dimensións continentais para facer acordos e proxectarse no mundo en lingua portuguesa, unha acción facilitada polo Brasil.
En cuestións lingüísticas, o portugués brasileiro e o galego teñen raíces comúns e, aínda con evolucións distintas, presentan maior proximidade de entendemento que co portugués de Portugal, xa que este último sufriu maiores cambios fonéticos ao longo dos últimos séculos. Esta integración lingüística podería revitalizar o galego, especialmente en contextos internacionais, facilitando unha comunicación fluída tanto na norma da RAG como na reintegrada.
A consolidación do galego como unha lingua viva, dinámica e útil evitará a súa asimilación polo castelán, lingua de opresión. Outros países da CPLP tamén estarían abertos a negociar con Galiza e establecer intercambios proveitosos.
Deste xeito, unha alianza cun país interesado en novos negocios, que respecta a variedade lingüística galega, que posúe un mercado consumidor continental e que abre portas ao mundo non só pode, senón que debe ser a mellor opción. O Brasil é o gran aliado que Galiza necesita neste momento.
Victor Hugo da Silva Vasconcellos é doutor en Letras pola Universidade Presbiteriana Mackenzie (São Paulo, Brasil) e doutorando en Estudos Lingüísticos pola Universidade da Coruña (Galiza). Traballa como investigador e profesor particular de portugués e lingüística. . É tamén membro da Asociación Pró-Fundación Manoel Vello.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.