GC Aberto

Plena potestade tributaria VS Federalismo asimétrico

A día de hoxe Galicia non está a tomar parte nos debates económicos e políticos que se están a producir na sociedade. Non participa no debate do financiamento e menos aínda no da organización do territorio ou nos que se dan fora do ámbito español que son os que cada vez máis nos afectan.

Por admin | Compostela | 04/05/2025

Comparte esta noticia

Xosé María Artiaga Díaz, Presidente de Coalición Galega

Unha persoa durante a votación no Congreso dos Deputados
Unha persoa durante a votación no Congreso dos Deputados | Fonte: Eduardo Parra - EP

Os galegos, sabedores de que nos enfrontamos como sociedade e como  País a unha perda de peso demogràfico e económico dende hai décadas, ou máis ben séculos, non podemos xerar unha sociedade de futuro sen facer política en primeira persoa. Unha política de  estudo, anàlise e escoita das demandas e carencias sociais na xestión pública e económica, para reartellar unha forza política galega que obedeza só ao mandato do conxunto da sociedade galega.

A renovación profunda do proxecto de Coalición Galega ten que ser transversal e ven xustificada pola renuncia dos partidos “populares” ou “federalistas” gobernantes a desenvolver unha política que se axuste aos intereses sociais e económicos de Galicia.

Coalición Galega é pois unha aposta galega que se nutre dos fundamentos ideolóxicos e humanistas do galeguismo histórico e quererepresentar os intereses de todos os galegos e galegas que desexen un futuro na súa terra.

A día de hoxe os partidos gobernantes en Galicia e en España rexeitan pedir a plenitude das competencias previstas na Constitución e no Estatuto, nun grado de autonomismo infraconstitucional.

A defensa dunha España unitaria tórnase absurda cando España non se quere realmente defender nin fronte a Bruxelas nin fronte à OTAN, e agora pode delegar a Cataluña competencias sobre inmigración que pola súa propia natureza están moi preto da cerna do estado moderno.

Acreditamos que Galicia precisa un grado substancial de autogoberno e somos firmes defensores do dereito de autodeterminación dos pobos.

Para camiñar cara a ese autogoberno cómprenos unha importante competencia que non é outra que a potestade tributaria orixinaria, plena e exclusiva sobre todos os impostos e contribucións percibidos na Galicia e sobre todos os feitos impoñibles que se xeren no noso País.

Dispoñer cada un dos séus cartos é outro mundo e outro nivel, e sinon pregúntenlle aos euskaldunak e nafarrak.

Cando un ou varios territorios están a disfrutar de maiores atribucións que os demáis, aínda que ocupando a mesma posición constitucional, atopámonos diante dun caso de federalismo asimétrico.

As facendas forais de Euskadi e Navarra xestionan case todos os impostos do sistema tributario, concertados ou convidos, e da recadación obtida transfiren unha cantidade ao Estado.

Desde un punto de vista financiero esta cantidade ou cuantía do cupo e da aportación non está relacionada directamente coa recaudación tributaria senón coa estimación dos gastos do Estado que conforman as cargas non asumidas. A financiación das comunidades forais depende da súa capacidade fiscal, e ao ter un nivel de renta per cápita superior á media de España, a aplicación deste sistema progresivo permítelles obter unha recaudación superior á de outras Comunidades. Si a esto engadimos os efectos derivados da forma de calcular o cupó e a aportación dándolle un alto valor ás competencias non asumidas, os resultados financieros resultan sempre ventaxosos para estas comunidades forais. 

Por outra banda este sistema facilita ás comunidades forais a recaudación e xestión de casi todos os impostos outorgándolles unha autonomía tributaria infinitamente superior.

A recadación dos impostos tamén é unha cousa moi importante cando xurden controversias co goberno central sobre todo cando o Estado adeuda diñeiro ás comunidades autónomas e ameaza con non pagar, ou no caso común en que este diñeiro é transferido mediante un sistema de entregas a conta dunha liquidación definitiva que se fai dous anos despóis, xerando ademáis  incertidume e atrancos na xestión do IRPF.

Dispoñer de competencias en materia de recadación e xestión de impostos permite que as medidas tributarias adoptadas en cada momento teñan un efecto no propio exercicio para o que se aproban tanto sobre os contribuíntes como sobre os ingresos impositivos.

En resumo, a capacidade de resposta dos gobernos autonómicos de réxime común é moito màis limitada porque atinxe unicamente aos impostos que xestionan de xeito directo e resulta moito menos áxil.

Nesta idea ambiciosa de Galicia, nesta lealdade á nosa sociedade e ao noso País, sen tutelas fiscáis nin de ningún tipo, ofrecémoslle ó electorado galego un gran espazo  transversal que abrangue desde o liberalismo progresista ata a socialdemocracia para  centrar a política en Galicia, en España e en Europa, en busca sempre da prosperidade económica e social das nosas xentes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta