Familiares de usuarios da residencia DomusVi de Santiago piden á Xunta a súa intervención

"Escapóuselles das mans a situación", denuncian.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2020 | Actualizada ás 20:14

Comparte esta noticia

Unha decena de familiares de usuarios da residencia DomusVi San Lázaro, en Santiago de Compostela, piden á Xunta que interveña este centro ante o elevado número de contaxios de coronavirus rexistrados. "Escapóuselles das mans", asegura Javier Quián, portavoz desta plataforma que se integra na Federación de Usuarios e Familiares das Residencias (REDE).

DomusVi
DomusVi | Fonte: © Miguel Núñez.

E é que, de acordo co balance da Consellería de Política Social con datos a última hora do luns, este xeriátrico privado conta con 112 persoas infectadas —82 usuarios e 30 traballadores— e un total de 14 falecidos, ben nun centro hospitalario ou ben nas súas instalacións. Este mesmo luns, segundo os mesmos datos da Consellería, rexistráronse cinco mortos con coronavirus no centro.

"Creo que son uns números como para pedir que a Xunta interveña", sinalan outras fontes dos familiares, que á súa vez denuncian que a empresa "non informa de nada", o cal lles alarma "aínda máis".

E é que, aínda que admiten que "ninguén pode controlar unha pandemia" como a actual, familiares dos residentes consultados apuntan directamente á empresa mentres os traballadores "fan o que poden", porque están "saturados".

Javier Quián, quen tiña unha tía no centro de San Lázaro e que foi trasladada á residencia integrada Porta do Camiño, habilitada pola Xunta para concentrar a maiores que dean positivo, celebra que desde o traslado "notaron un cambio" para ben e teñen información "diaria".

Ao seu xuízo, tanto isto como o feito de que as únicas dúas residencias con casos de coronavirus de Santiago—ademais de DomusVi, a da Fundación José Otero— sexan privadas, demostra que as públicas "funcionan mellor".

COMPOSTELA ABERTA

A esta petición de intervención sumábase este mesmo luns o portavoz de Compostela Aberta, Martiño Noriega, quen considerou "alarmante" que o domingo se ratificasen 42 casos de coronavirus na residencia de San Lázaro.

Esta formación, que forma parte da coalición Galicia en Común-Anova Mareas, pide tamén que a Xunta "medicalice" todas as residencias debido á vulnerabilidade dos seus usuarios ante a pandemia da COVID-19.

A Consellería de Política Social interveu a pasada semana dous centros privados, precisamente os que xestiona DomusVi en Cangas e en Barreiro, en Vigo, no momento en que contabilizaron 105 e 71 residentes que deran positivo en coronavirus.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta