Avogados de oficio durante a crise: "Somos os grandes esquencidos... e o que se paga é ridículo"

A quenda de oficio é a pata máis 'desfavorecida' da avogacía no que a recompensa económica se refire, de feito, foron múltiples as reclamacións para que as tarifas sexan máis altas e se abonen en tempo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2020 | Actualizada ás 11:01

Comparte esta noticia

Son un deses colectivos declarados esenciais polo Goberno central no real decreto polo que se declarou o estado de alarma, pero o seu traballo, de primeira necesidade, transcorre de forma "silenciosa" mentres tratan de garantirse os dereitos das persoas detidas e presos, así como outra parte moi que é moi relevante, a asistencia ás vítimas de violencia machista.

En Galicia teñen moito peso os pequenos despachos de autónomos. Dentro deste colectivo, un labor aínda máis "esencial", como así o ven os propios avogados e a Xunta, fano os avogados da quenda de oficio, aqueles que nunca poden dicir "non" cando son chamados, en calquera momento, nas súas xornadas de 24 horas de garda.

Segundo os datos máis recentes dos que dispón o Consello da Avogacía de Galicia, recapitulados por Europa Press, en 2018 había un total de 3.296 avogados adscritos á quenda de oficio, 2.743 de asistencia letrada, 1.554 adscritos a Violencia de Xénero e 444 a estranxeiría. En total, 7.001 avogados adscritos á Asistencia Xurídica Gratuíta.

"É un labor social pura e dura. É de dignidade que se lles recoñeza", manifestou, en declaracións a Europa Press, o avogado compostelán Evaristo Nogueira, que foi decano en Santiago e máis de dez anos estivo adscrito á quenda de oficio. O coñecido letrado tamén foi chamado por un cliente particular durante o estado de alarma para unha asistencia en Ribeira, onde acudiu coas medidas de protección que viu necesarias, como luvas e máscara.

"Como centos de compañeiros de toda España", dixo Evaristo Nogueira, quen destacou que "ningún detido pode prestar declaración sen asistencia letrada", polo que o traballo da avogacía segue sendo "esencial" nestes momentos de crise sanitaria para que non se "vulneren os dereitos humanos". Neste sentido, tivo palabras para os funcionarios de prisións e o colectivo de presos, que tamén viron minguados os seus dereitos. "Tamén son persoas", manifestou, e dixo sobre os seus colegas de oficio: "están a facer un labor moi importante e silenciosa".

A ningún dos avogados consultados escápaselle que antes de realizar unha asistencia de 'oficio', hai que "pecharse" coa persoa detida. Para evitar contaxios, por exemplo, na comisaría de Santiago habilitouse outra sala para a prestación das declaracións, explicou a Europa Press o decano de Santiago, Francisco Rabuñal, pero en xeral as medidas implementáronse en todas as dependencias e tamén se instaurou as vistas e declaracións vía telemática.

A experiencia vivida estes días por Evaristo Nogueira transcorreu "sen problema". "Conseguín unha máscara, luvas e había xel nos xulgados e xabón para lavarse as mans. Non sufrín", explicou.

A PATA MÁIS DESFAVORECIDA

A quenda de oficio é a pata máis 'desfavorecida' da avogacía no que a recompensa económica se refire, de feito, foron múltiples as reclamacións para que as tarifas sexan máis altas e se abonen en tempo. A Xunta, como destacou en declaracións a Europa Press, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, implementou subidas e axustou os cobros reducindo burocracia: "estamos a pagar nunha media de 20 días".

De feito, o Goberno autonómico aprobou o pasado xoves unha partida de 3,2 millóns de euros na que se inclúe o pago da quenda de oficio conforme á liquidación do trimestre anterior e que se axustará sobre o custo real unha vez conclúa o estado de alarma co seguinte trimestre. Isto, permitiu dar liquidez aos colexios de avogados para que abonen estes pagos, aínda que algúns como o de Santiago --pero por exemplo en Lugo non-- xa librara as contías en días anteriores aos seus asociados.

O director xeral de Xustiza puxo en "valor" a todos aqueles avogados que cada día saen das súas casas, "póndose en risco" --así como ao resto de funcionarios do sector-- para garantir os dereitos das persoas. "Son un soporte da propia convivencia", reivindicou o alto cargo do Goberno galego, quen augurou que, cando termine o estado de alarma, haberá un "incremento" das demandas, inclusive as producidas polas reclamacións da quen lles puxeron unha multa, polo que haberá que estudar un plan de reforzos.

Evaristo Nogueira, avogado compostelán, entrando no xulgado de Ribeira durante o estado de alarma. CEDIDA EVARISTO  NOGUEIRA
Evaristo Nogueira, avogado compostelán, entrando no xulgado de Ribeira durante o estado de alarma. CEDIDA EVARISTO NOGUEIRA | Fonte: Europa Press

"O GRAN ESQUECIDO"

"Creo que é o gran esquecido. Fálase con certa lixeireza e mesmo mal del, pero as cantidades de diñeiro que se pagan son ridículas e son grandes profesionais, que están aí por vocación de servizo", describiu, pola súa banda, o decano do colexio da Coruña, Augusto Pérez-Cepeda. "A xustiza é a base da convivencia", remarcou.

O decano compostelán indicou, en declaracións a Europa Press, que se están facendo "o mesmo tempo de gardas e asistencias que en época normal", aínda que baixou o volume de reclamo. Sobre o desenvolvemento da actividade, recoñeceu que se atoparon ao principio con "problemas de material" para desenvolver o labor en condicións de seguridade sanitaria, o cal tamén supuxo un risco para este colectivo.

Lurdes Carballo, decana do Colexio de Vigo, mostrouse "orgullosísima" dos avogados adscritos á quenda de oficio, un servizo que "non parou en ningún momento" e que é esencial, dixo, non só para atender aos detidos, senón para asistir ás vítimas de violencia de xénero.

Partindo do "principio incólume" do dereito de defensa, explicou, a "dificultade" estaba en "preservar o dereito" de asistencia e "á súa vez protexer non só a saúde individual, senón tamén a saúde colectiva". "Non contaxiar nin converterche en transmisora", manifestou Lurdes Carballo, quen indicou que ao principio, debido á escaseza de material de protección, tamén eran "conscientes" de que non se podía "quitar" aos sanitarios, polo que se "ativeron ás recomendacións" de distancia e hixiene.

A decana de Vigo destacou que, xa desde o 17 (o estado de alarma declarouse no BOE o 14 de marzo), iniciáronse as probas para as declaracións por videoconferencias e asistencias por teléfono --preservando a confidencialidade-- tamén en sede policial. En todo caso, destacou que a maioría do colectivo de garda optou por acudir presencialmente, con medidas de seguridade, porque "entendían que había que estar aí" con vítimas e detidos.

"AGORA EMPEZABAMOS A REPUNTAR"

En xeral, todos os avogados consideran que hai unha "parálise total" na actividade ordinaria, o que deixa sen traballo non só para estes meses aos avogados, senón que temen que cando empezo a flexibilizarse o estado de alarma, se multipliquen os asuntos. No entanto, auguran, non se poderán cobrar de forma inmediata, pola falta de liquidez dos clientes.

O decano de Lugo, Félix Mondelo, sinalou que xa viñan "padecendo a crise, pero que se "puxeron ao día" e que "empezaban a repuntar", esta situación vailles a "deixar máis tirados". Ademais, indicou que mentres que os comúns baixaron, incrementáronse as "desobediencias polo quebrantamento" do estado de alarma, algo que tamén detectaron outros avogados consultados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Que aconsellan os avogados para recurrir os ABUSOS DE AUTORIDADE baixo o Estado de Alarma ? Se algún avogado se atreve a facer público un protocolo de defensa creeremos en que mover papeis serve para algo baixo un Estado Autoritario !!! Onde foron os dereitos fundamentais ? Desapareceron de golpe e ninguén fala deles ? https://twitter.com/interiorgob/sta...