Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/04/2020 | Actualizada ás 22:00
As residencias de maiores convertéronse no epicentro da pandemia ao acumular preto do 45% dos falecidos pola COVID-19 dende o inicio da crise en Galicia. Máis de 1.100 persoas foron contaxiadas nestes centros residenciais e máis de 150 mortes están vinculadas a eles. Moitas traballadoras denuncian a falta de previsión por parte das direccións e das autoridades sanitarias, que só comezaron a actuar "cando lle viron as orellas ao lobo".
Mais no medio da traxedia que asolaga boa parte da rede residencial do país, hainas que foron quen de parar o virus na porta. Illas de certa "tranquilidade" entre a desfeita. No centro Divina Pastora de Vilagarcía viven cada día coma unha "pequena vitoria". O contador de persoas infectadas mantense a cero dende o comezo da crise, igual ca na residencia Sanitas Mayores A Coruña, onde viven un total de 117 maiores.
Cada unha delas botou a andar con axilidade os protocolos de actuación perante esta crise inédita, cun ollo posto en China e Italia e outro no desenvolvemento dos acontecementos máis achegados. Un "reto nunca antes visto" do que ambas as residencias destacan, por riba de todo, o "traballo admirable", a "profesionalidade e humanidade exquisitas" e o "compromiso" dos traballadores e traballadoras para manter os coidados das persoas maiores, "o chanzo máis débil da cadea".
PUNTOS DE LUCIDEZ
A actitude preventiva xogou un papel transcendental nesa contención de casos de COVID-19. Dende Sanitas Mayores, xa en xaneiro fixeron un "pedido maior de EPIs" ao observar "a situación en China" e ao imaxinar que "a falta de produción do país asiático" lles puidera afectar. Unha decisión tomada con dous meses de anticipación e que a día de hoxe definen como un "punto de lucidez" e outro de "boa fortuna" que permitiu que todo o persoal da residencia puidese afrontar a chegada da pandemia a Galicia coa protección necesaria. Con todo, Sanitas súmase agora ao "chamamento dos profesionais para conseguir máis EPIs" de cara a manter a seguridade do persoal ao longo da xestión desta emerxencia que aínda non rematou e que se prevé longa.
No caso de Divina Pastora de Vilagarcía, a súa directora, Celina Rey, recoñece ao teléfono que as primeiras semanas foron complicadas pola falta de material, pero agora séntense máis "arroupados" a este respecto. Nesta residencia, parte do persoal determinou quedar a durmir no propio centro co gallo de "salvagardarse eles mesmos e salvagardar as súas familias e os residentes". "Algún día entre quendas volven á casa, pero foi iniciativa dos propios traballadores a decisión de vivir aquí mentres dure a pandemia", relata a directora, que asegura que se "están deixando a pel todos os días" no coidado dos maiores e que a "máxima preocupación" é manterse con saúde para poder continuar os servizos.
UN PERCORRIDO POLOS PROTOCOLOS
As comunicacións coas familias e residentes ao redor do coronavirus comezan en Vilagarcía a comezos de marzo. O día nove xa non sae ningunha persoa do centro e o 12 rexistran as últimas visitas de familiares. Pechan as súas portas ao exterior e reorganízanse no interior: o cadro de persoal pasa entón a dividirse en dous grandes grupos que desenvolven xornadas de traballo de 14 horas en días alternos para "evitar rotacións e entradas e saídas de traballadores". Xa o día 20 dan un paso máis nas restriccións e deciden implantar o confinamento das persoas residentes dentro das propias habitacións e salas.
En calquera dos casos, o peche das portas ás visitas resulta un dos puntos clave nos protocolos das residencias contra a COVID-19. En Sanitas Mayores botaron a andar medidas de prevención no centro residencial da Coruña xa dende finais de febreiro, momento no que acordan "un criterio máis conservador ca o do Ministerio de Sanidade". Así pois, se os empregados visitaran China, Irán, República de Corea ou o norte de Italia nos últimos 14 días, debían "autoillarse" e non ir traballar "incluso sen síntomas". Chegado o cinco de marzo poñen en marcha medidas anticiparadas para familiares: piden "restrinxir" as visitas e manter a hixiene de mans á entrada e saída da residencia. Dous días despois prohíbense tamén as saídas dos residentes, suspéndense as actividades grupais e evítanse as zonas comúns.
Así mesmo, a residencia reforza o equipo de limpeza e procédese, xa dende o día catro, á desinfección de espazos comúns e ao lavado no centro dos uniformes dos empregados. Polo de agora, o protocolo implementado dá os seus resultados e non rexistra ningún infectado, aínda que informan que se "medicalizaron" para lograr "dar o apoio necesario ao sistema sanitario e axudar a desconxestionalo".
Na Divina Pastora respiran tamén con tranquilidade, sobre todo, despois de que o 100% do cadro de persoal - 62 traballadores no total - dera negativo nos test aplicados na semana pasada. "Foi un momento moi importante de retomar forzas e ilusión. Sabemos que estamos ben e iso quere dicir que as medidas están dando os seus froitos", relata Rey, que asegura que eses negativos fixéronlles coller aínda máis impulso para seguir traballando. No caso de Sanitas tomaron dende o comezo da crise a "iniciativa de realizar tests a todos os residentes que presentasen síntomas, por leves que fosen", igual protocolo que implementan a traballadores. Ademais, no inicio da xornada cada traballadora fai unha toma de temperatura para controlar a aparición de síntomas.
O DÍA A DÍA: "EMOCIÓNS A FLOR DE PEL"
O tempo vai pasando, a vida nos centros continúa, e cada día supérase "coma unha pequena vitoria", conta Celina. "As emocións están a flor de pel" nestas xornadas difíciles nas que, a pesar de todo, "empezamos e acabamos a quenda cun sorriso". "Somos conscientes de que as cousas poden cambiar en calquera momento, pero afortunadamente hoxe en día a situación está contida no centro", di calmada Celina.
Nestes días "de incertidume" vívense sensacións "encontradas". Ao mesmo tempo que están "tranquilas" porque a organización funciona, observan con "moita preocupación" os datos de novos contaxios e falecementos que está deixando esta pandemia. "A carga emocional que temos nas propias residencias é moi grande", conta Celina, que se lle fai costa arriba non poder dar unha resposta certeira cando os seus maiores preguntan cando van poder saír e ver as súas familias. Situacións complicadas de xestionar nas que tamén bota unha man, cos residentes e cos propios empregados, a psicóloga do centro.
A maior inquietude dos residentes é a saúde das súas familias. "Están máis preocupados polos que están fóra ca polos de dentro", conta Celina. Por iso mesmo, a comunicación co exterior por medio das redes é un dos piares que tamén se viu reforzado neste contexto. Na Divina Pastora as videochamadas vanse sucedendo en todas as habitacións cada poucos días, igual ca en Sanitas, onde tamén facilitan información personalizada a través dunha app para os familiares. Ademais, explican, nesta residencia da Coruña comezaron a traballar con outra ferramenta a través da que a familia deseña un álbum de fotografía que logo imprimen no propio centro para dárllelo aos maiores.
Celina Rey pensa que "máis adiante" chegará o momento da "avaliación", mais polo de agora, queda coa lección de vida que están dando as persoas maiores: "Levan o confinamento dunha maneira admirable, con paciencia e facilitándonos o día a día moitísimo. Son xente admirable, todo un exemplo de fortaleza", retama dicindo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.