Por Walter Burns | Compostela | 30/11/2012 | Actualizada ás 08:00
O público habitual das ultranoites na defunta Sala Nasa de Santiago estaba formado, sobre todo, por estudantes e profesionais. Chámenlle, se queren, 'inteligentsia' compostelá . Por iso o éxito da Ultranoite Urbana Norte este xoves debe saberlle especialmente ben ao grupo de teatro Chévere.
Amas de casa, persoas maiores, parados, nenos e algún vello seareiro bateron palmas a eito tras a hora de espectáculo vespertino no Centro Sociocultural de Vite. Ademais de humor, música e variedades; o acto, patrocinado polo Concello de Santiago, serviu para, en certa maneira, presentar o proxecto Urbana Santiago Norte.
En palabras da web de Chévere, "desta vez, servirá de canle directa para transmitirlle á veciñanza da zona norte da cidade de Compostela que é o programa Urbana Norte, que actuacións está desenvolvendo e cales son as iniciativas que está poñendo en marcha para o desenvolvemento de barriadas como Vite, Vista Alegre, o Romaño, Guadalupe, San Caetano, Almáciga, Concheiros, San Pedro, Basquiños, Espírito Santo e Ultreia".
Trátase dun programa de investimentos públicos nalgúns barrios da capital financiados cos fondos europeos. Hai de todo, dende wifis nos parques públicos até axudas para a formación profesional pasando por reformas de reformas en edificios públicos.
Para quen siga actualidade da capital de Galicia é sorprendente que, aínda que inderectamente, o Concello, gobernado polo PP, inclúa a Chévere neste programa. O grupo de teatro xestionaba a Sala Nasa en Santiago, que abandonou nada máis gañar a alcaldía o conservador Gerardo Conde Roa. O novo alcalde xa anunciara a fin das subvencións á Nasa, a quen acusaba de proterrorista por acoller festas a prol dos presos independentistas.
Nesta ocasión non houbo nin imitacións de Conde Roa nin do Rei Juan Carlos, pero a ultranoite mantivo o seu pulso de crítica social. Coa crise como pano de fondo, Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Xron, Mónica García, Arantza Villar, Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez e Manuel Cibrán tiraron de retranca para arremeter, por exemplo, contra o malgasto de cartos públicos en programas de axudas a supostos emprendedores ou a penuria económica que leva aos mozos emigrar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.